Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

Cristian Silva presenta Manual ególatra básico

Xénero: Folk | 29 / 1 / 2018

manual_egolatra_b_cristian_silva.jpg

A editorial Ton e Son está a presentar o terceiro volume da súa colección 20 pezas para gaita galega. Depois dos libros-CD de Carlos Estévez e de Xurxo Jachía, Cristián Silva continúa a serie con Manual ególatra básico. O volume recolle as transcricións dunha vintena de pezas para dúo, trío de gaitas e solista, moitas delsta a incluír tamén cifrados para facilitar o acompañamento con outros instrumentos. A nivel sonoro, o CD recolle cinco dos temas do volume interpretados polo propio Silva. O álbum gravouse nos Estudos atárxicos e ChisPún! Estudio.

Eduardo Estévez integra música, poesía e banda deseñada en De baleas

Xénero: Miscelánea | 29 / 1 / 2018

debaleas_eduardo_estevez.jpg

De baleas, o último poemario de Eduardo Estévez, transcende a literatura e preséntase como un produto transmedia no que colaboran diferentes creadores. O volume, editado por Caldeirón, integra canda aos textos do poeta unha banda deseñada de Tokio sobre dous poemas da obra. Ademais, un CD mestura cantos de baleas con once temas creados por músicos como Macarena Montesinos, o dúo Tiberevi, Benxamín Otero, Estevo Creus, Daniel Quaranta, Ariel Ninas, Pablo Seoane e Gabriela Acosta, Mónica de Nut, Mig Seoane, Madamme Cell e Belén Bermejo, acompañada por Andrés Díaz. O autor atópase en plena xira de presentación deste traballo, e visitará Lugo este día 31. Ferrol, Sarria, Outes e Padrón son outras das paradas previstas neste itinerario.

Samarúas bota a andar con Prólogo

Xénero: Folk | 22 / 1 / 2018

prologo_samaruas.jpg

Tardaron case seis anos, e moitos concertos, en entrar no estudio de gravación. Samarúas acaba de presentar este mes de xaneiro Prólogo, o seu primeiro álbum autoeditado. Sete temas compoñen este lanzamento que aposta polo instrumental, con só tres temas cantados que adaptan poemas de Celso Emilio Ferreiro, Xosé Iglesias e unha letra propia. A formación achega un son complexo que combina "temas propios cos tradicionais nun folk fresco con personalidade propia" mercé ao traballo dos seus sete membros. Miguel Vázquez (Gaita e saxo), Antonio Prado (Percusión), Tania Caamaño (Voz e percusión), Fran Barcia (Acordeón), María Blanco (Violín), Carlos Barcia (Guitarra) e Isaac Pérez (Batería). O álbum ten como capa unha obra de Manfred Gnädinger Man.

Manolo Bacalhau leva ao disco os cantos da taberna con Sondobar

Xénero: Folk | 19 / 1 / 2018

sondobar_manolo_bacalhau_edited.jpg

Logo dunha exitosa campaña de crowdfunding, o ferrolán Manolo Bacalhau debuta no mercado discográfico con Sondobar. A seguir a súa traxectoria de colaboracións no campo da música da raíz, este cantor aposta pola reivindicación dos cantos de taberna para o seu primeiro traballo. Temas populares galegos e portugueses, poemas musicados de Rosalía ou Curros ou unha versión de Zeca Afonso danse cita nos dez cortes que achega este traballo. Ademais do CD, o proxecto comprende un DVD cun documental sobre o músico e varios temas gravados ao vivo. O Teatro Jofre de Ferrol acolleu o pasado 13 de setembro o multitudinario recital de presentación.

Fernando Barroso continúa carreira en solitario con Silence Lovers Club

Xénero: Miscelánea | 16 / 1 / 2018

silence_lovers_club_fdo_barroso.jpg

Swing, jazz música persa, sons barrocos e raíz popular atópanse no segundo álbum de Fernando Barroso. O instrumentista continúa carreira en solitario co seu segundo álbum, Live at Silence Lovers Club, no que presenta doce temas novos coa súa mandolina acompañada do violoncello de Margarida Mariño. Presentado como unha actuación no imaxinario club que lle dá título, no álbum "a idea era crear un repertorio de directo cun instrumento que me permitise versatilidade, interpretar melodías protagonistas, pero que ao mesmo tempo tivera recursos rítmicos e harmónicos para poder acompañar. Pensei na mandolina, da que sempre gostei", segundo explica Barroso na presentación do proxecto. Ademais de Mariño, Barroso conta coa colaboración da portuguesa Celina da Piedade que pon voz e acordeón ao tema Ausencia.

Cancións que son receitas con Mamá Cabra en 'Eu cociño, ti cociñas?'

Xénero: Infantil | 11 / 1 / 2018

not_28232_mamacabra.jpg

Gloria Mosquera Roel e Tomi López, compoñentes do grupo de música infantil Mamá Cabra asinan como autores o libro-disco Eu cociño, ti cociñas? (Sonárbore de Editorial Galaxia, 2017) que supón un dos novos espectáculos de Mamá Cabra. Música, teatralidade e alimentación xúntanse nesta proposta que parte dun proxecto do mesmo nome que se ven levando a cabo desde hai anos no CEIP Sigüeiro impulsado polas mestras María Salgado e Pilar Rivas e que amosa ás crianzas as virtudes da alimentación saudable feita por un mesmo. O libro-CD presentouse recentemente na feira Culturgal e ofrece un contido ilustrado por María Lires cheo de receitas e de cancións para que os pequenos e as pequenas da casa se acheguen sen medo á cociña cun ánimo e unhas bases saudables ao mesmo tempo que cantan e se divirten. A formación acaba de abrir tamén a súa propia canle en You Tube para facilitar o acceso aos seus vídeos.

Maria Fumaça bota un ollo atrás con As que máis molan!!!

Xénero: Infantil | 10 / 1 / 2018

as_que_mais_molan_maria_fumasa.jpg

A conmemorar cinco anos de traballo, o proxecto Maria Fumaça bota a ollada atrás e presenta o seu primeiro recompilatorio. As que máis molan!!! recupera temas dos seus tres traballos, Maria Fumaça, Xiqui xoque, fiú fiú! e mais Aire e complétaos con dúas cancións inéditas. Logo da presentación do álbum en Vigo o 23 de decembro e mais no Auditorio da Illa de Arousa o pasado día catro, o Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela acollerá o 27 de xaneiro o vindeiro concerto da xira deste proxecto no que participan Uxía, Magín Blanco ou Sérgio Tannus entre outros. A colección Sonárbore de Galaxia é reponsable unha vez máis novo libro-CD do proxecto.

Rafael Carracedo recupera a historia e os sons orixinais da requinta da Ulla

Xénero: Folk | 9 / 1 / 2018

imaxe non dispoñible

O libro-cd A requinta da ulla. Obradoiro Riobó de Rafael Carracedo Crespo, contén a historia dos inicios e o desenvolvemento deste tipo de frauta tradicional no Val do Ulla, así como a historia do Obradoiro García Riobó (A Estrada), o taller de gaitas e requintas máis antigo de Galicia aínda en funcionamento. O volume de 192 páxinas, que acaba de saír publicado pola editorial Embora e en colaboración coa Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, inclúe fotos de instrumentos antigos e modernos, de agrupacións tradicionais e bandas de música e máis de oitenta partituras transcritas a partir do cancioneiro de melodías que foran interpretadas no repertorio dos vellos requinteiros. O CD que acompaña o texto contén exemplos das pezas transcritas nas partituras e os sons das vellas gaitas, requintas e percusións.

Pakolas debuta en solitario co seu primeiro libro-CD

Xénero: Infantil | 4 / 1 / 2018

pakolas_capa.jpg

Paco Cerdeira, membro fundador de A Gramola Gominola, comeza carreira en solitario con Pakolas. A editorial Galaxia presenta na súa colección Sonárbore este libro-CD que conta coa colaboración do Colexio Profesional de Logopedas de Galicia e que achega dez cancións orixinais ademais de varios contos. O proxecto propón historias fantásticas con elementos educativos que se complementan cunha serie de contidos pedagóxicos aos que se pode acceder a través da rede. Con animais como protagonistas de moitas das historias, o novo libro-CD "é unha obra musical e literaria concibida para facilitar o traballo dos profesionais da fala e da linguaxe, achegándonos material que servirá como ferramenta e complemento ao noso labor diario con rapazas e rapaces. Ao memso tempo é un traballo divertido, co que tanto nenos e nenas como adultos poderán gozar corando e bailando os seus temas, así como aprendendo coas súas historias e contos".

Trece bandas renovan a banda sonora para estas festas en 'Nada(L)'

Xénero: Miscelánea | 21 / 12 / 2017

nada_L.jpg

Xonix Records quere cambiar a música de fondo destas festas e para iso reuniron nun disco cancións orixinais feitas ex-profeso sobre o Nadal. Son temas moi diferentes e con sons e ritmos do máis variado e letras en galego, que a súa temática fai que poidamos agrupalas como panxoliñas malia que pouco ou nada teñen que ver con esas tradicionais cancións. Nada (L) (Xonix Records, 2017), ofrece 13 temas inéditos compostos por 13 bandas galegas actuais e nso que cada unha delas achega unha perspectiva musical diferente co ánimo facerse un oco en casa e celebracións pouco dadas ao convencionalismo durante estas festas. O disco, presentado en formato físico digipack, foi gravado e mesturado por Lolo Arincón nos Estudios Xonix Records. Esta dispoñible xa en tendas físicas e en todas as plataformas dixitais. As bandas e artistas reunidas por Xonix Records para esta proxecto son variadas e moi coñecidas na escena musical do país, The Lákazans, Espiño, Oscar Avendaño e Los Wavy Gravies, Esposa con pantis, Raiba, Piti Sanz, Ruxe-Ruxe, Zënzar, Acid Proyect, Tu Mujer Nos Engaña, Liviao de Marrao, Maskarpone e Som do Galpom.

<< Inicio / Anterior . 401 a 410 de 1395 . Seguinte \ Fin >>