Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

A Deputación de Pontevedra presenta un programa de apoio á música profesional en galego

Xénero: Miscelánea | 16 / 3 / 2018

imaxe non dispoñible

A área de Cultura e Lingua da Deputación Provincial de Pontevedra pon en marcha o programa Musigal, destinado especificamente a grupos musicais profesionais da provincia, e que conta cunha dotación orzamentaria de medio millón de euros. Segundo as bases da convocatoria, poderán inscribirse no Musigal unicamente artistas e grupos musicais profesionais con domicilio social en Pontevedra, que aborden de xeito específico contidos sociolingüísticos e de dinamización da lingua galega e que nos seus concertos fagan música en galego ou, no caso de ser instrumentais, que as súas pezas sexan de autoría galega. O Musigal inscríbese no marco das accións do Ano da Lingua e segundo explicou o deputado nacionalista responsable da área, Xosé Leal, no espírito do programa Musigal tamén está presente "o apoio que as administracións deben ofrecerlle ao sector profesional da música".

'Uxía-o' gaña o Premio da Música Independente

Xénero: Fusión | 15 / 3 / 2018

imaxe non dispoñible

O disco-libro Uxía-O, no que a cantante Uxía en colaboración co músico Sergio Tannus pon música e canto aos versos do poeta Uxío Novoneyra, alzouse onte á noite co Premio MIN ao mellor disco en galego da industria independente no ano 2017. A obra, editada por Damadriña Producións baixo o selo da propia Fundación Uxío Novoneyra, competía nesta categoría con Fainos saír, de Atrás Tigre; Xardín interior, de Esposa; Livres e loucas, de Habelas hainas e Quixera ser dos paxaros,de Os d´abaixo. O audiolibro competía ademais na categoría de deseño gráfico, que non conseguiu gañar. As catro candidaturas finalistas de Xoel López nesta Xª edición dos Premios MIN da Música Independiente ao final non se viron recompensadas con ningún galardón. En Uxía-O ademais de poemas musicados, tamén se presentan diferentes textos unidos nunha mesma canción, como é o caso de O aire ou A miña sombra correndo, transformados en alalá. O álbum recupera tamén a composición Cain as follas, de Emilio Cao, ou Alalás encadeados, poema inédito que xa se puidera escoitar no disco Meu Canto de Uxía. O disco conta co acordeón de Santi Cribeiro, as percusións de Isaac Palacín e con José Manuel Díaz ao contrabaixo, ademais de colaboracións de Ana Isabel Días na arpa clásica, Quim Farinha no violín ou Fred Martins.

aCentral Folque recupera o legado de Maruxa das Cortellas

Xénero: Folk | 14 / 3 / 2018

Capa_Maruxa_Cortellas_central_folque.jpg

"Foi a única muller da súa xeración que tivo interese en apender a tocar o pandeiro ao xeito das antigas da aldea. De non ser por ela, esta tradición non tería chegado ata nós". Así introduce aCentral Folque o seu último lanzamento Maruxa das Cortellas. Tocadora do pandeiro…. Xulia Feixóo foi a responsable do texto deste libro-CD que repasa en 130 páxinas a figura, a técnica e o repertorio desta música tradicional que se fixo coñecida pola súa presenza no programa Luar a finais dos anos 90 e mais pola súa participación en diferentes seráns urbanos. O álbum recolle un total de 30 pezas que amosan a súa capacidade e versatilidade con este instrumento de percusión na que é a primeira publicación sobre o adufe que se publica en galego. Xotas, ribeiranas, valses, pasodobres, chiqui-chiquis e rumba fan parte dos temas recollidos neste proxecto, que se presentou ao público o pasado 11 de marzo no Castelo de Soutomaior.

Cuarta Xusta debuta con Un novo espertar

Xénero: Rock | 5 / 3 / 2018

un_novo_espertar_cuarta_xusta.jpg

Con orixe melidá e composición maioritariamente feminina, Cuarta Xusta presenta na casa o seu primeiro disco. O Pub Gatos acolle este 10 de marzo ás 23:59 horas o primeiro concerto da xira de Un novo espertar. O álbum achega oito temas propios de rock aderezado con violín e toques de ska coa intención de "berrar con música as inxustizas que nos rodean" da man de Aida López (cantante), Marta Sánchez (guitarra e violín), Lúa Aguete (batería), Alberto García (guitarra) e Alba Vilariño (baixo). Canda a eles, unha chea de colaboracións coma as de Vituco Neira e Miguel Duarte de Ruxe-Ruxe, Bocixa de Zënzar, Jasper de Nao ou Javi Maneiro de Herdeiros da Crus, algúns dos cales estarán presentes no concerto de inauguración.

aCentral Folque publica unha escolma das recollidas musicais de Gustav Henningsen

Xénero: Folk | 21 / 2 / 2018

gravacions6868_Henningsen.jpg

Gustav Henningsen. Gravacións musicais en Galiza 1964-1968 é último título da colección "A chave mestra" que publica aCentral Folque. O novo libro CD recolle unha escolma de 38 cortes das gravacións de carácter musical que este antropólogo dinamarqués realizou durante o seu traballo de campo no noso país, maiormente na comarca de Ordes. Os etnomusicólogos Xavier Groba e Sergio de la Ossa foron os responsables de escolmar o material dun estenso arquivo fonográfico que ata hoxe estaba inédito. Ademais do CD, a publicación inclúe un ensaio divulgativo, a transcrición das melodías e unha escolma de fotografías inéditas realizadas por Henningsen.

O compás de Xabier Díaz & Adufeiras do Salitre sinala o futuro do norte

Xénero: Folk | 6 / 2 / 2018

noro_xabierdiaz&adufeirassalitre.jpg

O novo álbum de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre leva por nome Noró (algunhas músicas do Norte) (Músicas de Salitre, 2018) e chega hoxe a todas as tendas e plataformas marcando coa súa saída unha das datas relevantes do ano no que á musica galega se refire. Noró ofrécenos 13 temas de carácter tradicional pero de composición propia que sitúan o combo formado por Díaz e as Adufeiras de novo na punta da contemporaneidade con raíz.

A banda Oh Ayatollah presenta o seu primeiro disco longo

Xénero: Pop | 2 / 2 / 2018

ohAyatollah_28322.jpg

A Sala Capitol de Santiago acolle hoxe o concerto de presentación do primeiro disco longo da banda Oh! Ayatollah. O grupo compostelán presentarán Volve a canción protesta (Autoeditado) que sae en edición dixital e vinilo e para a ocasión estarán acompañados por outras bandas amigas (Familia Caamagno, Atrás tigre, Ataque Escampe e The Homens). Nove temas propios en galego enchen o disco Volve a canción protesta ofrecendo unha liña musical emparentada co pop-punk dos primeiros tempos máis contestatarios da movida dos oitenta, cunha actitude claramente sarcástica e irreverente. Mentres pezas como Animal poden levarnos a unha escoita "mod" moi británica hai outros como Case todo é o que parece conéctanos directamente cos ecos daqueles Aerolíneas Federales. Na lista de cancións tamén hai lugar para propostas máis guitarreiras como en Ei Ei. A frescura, variedade e coherencia da lista son promesa de bos directos. O álbum foi gravado e mesturado por Hevi no Laboratorio Soyuz en xullo do 2017 e masterizado por Cem Oral en Jammin' Masters (Berlín). O tema de lanzamento, que da nome ao disco, xa foi lanzado previamente en decembro cun videoclip. O concerto comeza ás 21:15 na Sala Capitol.

Ith presentan o seu segundo disco 'O mínimo que o contén todo'

Xénero: Rock | 1 / 2 / 2018

Ith_minimocontentodo.jpg

Tres anos despois do seu primeiro álbum Forte (2015), a banda de rock de Mesía, Ith, ven de sacar un novo traballo que xa está á venda na Fnac e no Corte Inglés, e tamén pode conseguirse contactando directamente con Ith. Co título O mínimo que o contén todo, os Ith ofrecen seis temas de composición propia, así como un poema musicado do poeta samanense Fiz Vergara Vilariño nun disco gravado, producido e mesturado en Abrigueiro Estudios (Friol - Lugo) por Arturo Vaquero. En O mínimo que o contén todo a banda -Lucía, Miguel, Toxo, Gonzalo e Folgueira- segue a manter o espírito de facer rock galego e en galego, aínda que con novas ideas e sons que a banda quixo deixar plasmados nel. A temática das cancións vai dende a reivindicación social ata o máis puro sentimento e emoción. A primeira data coñecida da xira de presentación deste novo disco será o 17 Marzo, no Pub Óxido de Lalín, e a banda xa ten máis citas para os seguintes meses en outros locais.

Outro que tal baila é o terceiro álbum de Tiruleque

Xénero: Folk | 30 / 1 / 2018

outro_que_tal_baila_tiruleque.jpg

O vindeiro 17 de febreiro chega ás tendas e preséntase ao vivo na Sala Capitol de Compostela Outro que tal baila, terceiro álbum de Tiruleque. Cinco anos depois de Mu!, o grupo lanza dez temas novos nos que continúa a explorar as posibilidades da música de raíz para a festa e o baile. O álbum autoeditado recolle tres temas propios, "nos que se xoga cos límites dos xéneros", segundo explica a presentación do proxecto, canda a "seis versións de temas tradicionais recollidos por investigadores como Pablo Carpintero ou o americano Alan Lomax. Os temas propios son Ribazo de Razo, definida como unha muiñeira contemporánea de corte tradicional; Mazo té, mazo, xota para dúas gaitas e resto de instrumentos, ou Rumbanera, composición a medio camiño entre a rumba e a habanera. Nas versións, destacan temas tradicionais como a Muiñeira dos dous golpes, o Romance dos paragüeiros ou Asubíame de lonxe.

Cristian Silva presenta Manual ególatra básico

Xénero: Folk | 29 / 1 / 2018

manual_egolatra_b_cristian_silva.jpg

A editorial Ton e Son está a presentar o terceiro volume da súa colección 20 pezas para gaita galega. Depois dos libros-CD de Carlos Estévez e de Xurxo Jachía, Cristián Silva continúa a serie con Manual ególatra básico. O volume recolle as transcricións dunha vintena de pezas para dúo, trío de gaitas e solista, moitas delsta a incluír tamén cifrados para facilitar o acompañamento con outros instrumentos. A nivel sonoro, o CD recolle cinco dos temas do volume interpretados polo propio Silva. O álbum gravouse nos Estudos atárxicos e ChisPún! Estudio.

<< Inicio / Anterior . 391 a 400 de 1395 . Seguinte \ Fin >>