Ti estás aquí > Inicio / música en galego
Música en galego
Mercedes Peón presenta o seu novo disco 'Deixaas'
Xénero:
| 24 / 4 / 2018Oito anos pasaron do anterior disco propio de Mercedes Peón, o multipremiado SOS (Fol Música, 2010), e 18 xa do seu disco de debut Isué (Resistencia, 2000). Con eles, coma cos seus outros dous traballos intermedios, a artista sempre engadiu algo novo na súa constante exploración da vangarda sonora desde a base da música tradicional. Agora Peón presenta o seu quinto traballo de estudio Deixaas (Fol Music) tras unha intensa etapa de investigación sobre as posibilidades da arte sonora traída ao eido no que é un referente internacional. Usando de novo as bases electrónicas Peón propón un sonido industrial e duro sen abandonar as raíces da tradición, inspirada en espazos sonoros de nova natureza obtidos a partires dun traballo de campo minucioso con sons reais de máquinas pesadas en gravacións feitas en estaleiros navais, xa que Deixaas é unha metáfora ancorada na industria naval de Ferrol, unha conceptualización de realidades que visibiliza o tecido social e cultural nun mapeo sonoro subxectivo. Dende as minúsculas faíscas que saen dunha rebarbadora ata unha crítica á construcción social dos xéneros. Para este traballo tan especial presentase no escenario nun formato diferente como DEIXAAS-banda xunto a Ana Fernández e Mónica de Nut. O disco sairá o vindeiro 27 de abril e xa están disponibles os dous adiantos coas cancións Plataforma e o video da que dá nome ao disco Deixaas. O Auditorio de Ferrol acollerá a presentación do espectáculo o vindeiro 13 de maio.
Treixadura volta con Inda canto!
Xénero:
| 18 / 4 / 2018Cun concerto en Vigo presentaba Treixadura o pasado 13 de abril o seu sétimo álbum. Inda canto! achega doce novos temas nos que o grupo se reinvnta sempre a partir da súa base de instrumentos e canto tradicional. Entre as cancións o grupo achega unha versión da coñecida O Carro e outra dedicada da Mingos Lorenzo, compoñente do Orfeón recentemente falecido. Como novidade, o grupo incorpora a voz de Anxo Xesteira. A xira de presentación do álbum continuará cun novo concerto en Noia o 22 de abril.
Rodrigo Romaní preséntase en Trío co disco 'Fíos de ouro no ar'
Xénero:
| 16 / 4 / 2018Rodrigo Romaní presenta o seu cuarto traballo discográfico Fíos de ouro no ar (Altafonte Music), e faino anovando esta vez no formato, presentándose como Rodrígo Romaní Trío na compaña de Bea Martínez (arpa) e Xulia Feixoo (percusión), dúas intérpretes do panorama do novo folk galego. O arpista fundador de Milladoiro non deixa de achegar renovación ao panorama tradicional, neste caso cun álbum concibido para recrear un xogo sónico de luces e sombras, de penumbras estilísticas, con alusións a músicas de diversas orixes nas que a tradición oral da musica popular vertebra un produto inconfundiblemente galego. As dez pezas deste Fíos de ouro no ar revelan un abano de sonoridades delicadas ao mesmo tempo que definidamente rítmicas, evocadas pola complexidade de dúas arpas combinadas con elementos electrónicos e percusións acústicas unidas ao canto e a ocarina. Para este traballo Romaní contou con valiosas colaboracións que se deixan sentir no álbum como o acompañamento elegante do cuarteto clásico de corda Cuarteto Novecento. A eles xúntanse as voces invitadas de Inés Lorenzo (As Arpas de Breogán) e Guillerme Ignacio (Quempallou). O disco presentarase en concerto o vindeiro 27 de abril no Teatro Rosalía de castro da Coruña, as entradas xa están á venda. Fíos de ouro no ar está dispoñible en todas plataformas dixitais e tamén en formato CD DIGIPACK nas tendas de discos.
Brais Morán achega o seu rock á tradición en No mato do desespero
Xénero:
| 13 / 4 / 2018As colaboracións de Tanxugueiras, Uxía Pedreira ou Patri Gamallo, de Adufeiras de Salitre, dan unha idea por onde vai No mato do desespero, segundo disco en solitario de Brais Morán. O músico da Coruña, antigo membro de Loretta Martin, achégase á tradición galega nun novo álbum no que rende homenaxe ao poeta moçambicano José Craveirinha e ao desaparecido Fran Pérez Narf. Morán non abandona no entanto a base rock do seu traballo e contou con Fran Sanz no baixo, Manu Seoane nas guitarras e Marcos Pazo na batería para a gravación que se realizou nos estudios Abrigueiro de Arturo Vaquero en Friol. A Sala Capitol de Compostela acollerá o vindeiro 29 de abril o concerto de presentación do álbum.
O punchi must go on con A compañía do ruído
Xénero:
| 3 / 4 / 2018A Compañía do Ruído apostou por un curioso xeito de conmemorar os seus quince anos en activo. O grupo desenvolveu ao longo de 2017 o proxecto audiovisual 12 meses, 12 punchis no que foron presentando outros tantos vídeos musicales con novos temas. Agora, compilan todo este material no que é o seu sétimo traballo discográfico, O Punchi Must Go On, autoeditado. A temática social e o ritmo festivo continúa nesta nova entrega da súa carreira, un proxecto no que contaron con colaboracións como as de García Mc, Pulpiño Viascón, Trópico de Grelos, Emilio, Rubén, Lucas, Nico e Candi e Ismael da Fanfarria Taquikardia, e as Escolas de música de Bergara, Aramaio, e Erandio da man de Aritz Alustiza (Nomadak). A banda está agora en plena xira de presentación do álbum.
Trotaventos presenta o libro-disco 'A fiestra dos soños'
Xénero:
| 28 / 3 / 2018A fiestra dos soños é o título do novo libro-disco publicado por Galaxia na súa colección Sonárbore. O álbum ilustrado ofrece as letras de 13 temas que son cancións e son soños tamén. O traballo a cargo da compañía Trotaventos conta coas ilustracións e textos de Manuel Boquete para presentar os diferentes “soños” musicados por Ramón Feáns. Diferentes ritmos salpican o disco, desde sons balcánicos a bossa nova, polka, fado, etc. Para este temas ou “fiestras de soños” que chaman á imaxinación, recúrrese ás descricions de animais e cousas propias do campo como O Moucho, Espantallo, A vaca pinta ou Vacaloura, con sitio tamén para unha Nana e outros temas. Na parte musical a voz de Nadia Fonseca é a maís presente nos temas ainmda que tamén conta coa colboración de Eladio Santos nun dos temas e Ramón Vermejo. O disco foi gravado e mesturado por Ramón campos nos estudios Cormorán e pódese escoitar xa en plataformas dixitais.
A Deputación de Pontevedra presenta un programa de apoio á música profesional en galego
Xénero:
| 16 / 3 / 2018A área de Cultura e Lingua da Deputación Provincial de Pontevedra pon en marcha o programa Musigal, destinado especificamente a grupos musicais profesionais da provincia, e que conta cunha dotación orzamentaria de medio millón de euros. Segundo as bases da convocatoria, poderán inscribirse no Musigal unicamente artistas e grupos musicais profesionais con domicilio social en Pontevedra, que aborden de xeito específico contidos sociolingüísticos e de dinamización da lingua galega e que nos seus concertos fagan música en galego ou, no caso de ser instrumentais, que as súas pezas sexan de autoría galega. O Musigal inscríbese no marco das accións do Ano da Lingua e segundo explicou o deputado nacionalista responsable da área, Xosé Leal, no espírito do programa Musigal tamén está presente "o apoio que as administracións deben ofrecerlle ao sector profesional da música".
'Uxía-o' gaña o Premio da Música Independente
Xénero:
| 15 / 3 / 2018O disco-libro Uxía-O, no que a cantante Uxía en colaboración co músico Sergio Tannus pon música e canto aos versos do poeta Uxío Novoneyra, alzouse onte á noite co Premio MIN ao mellor disco en galego da industria independente no ano 2017. A obra, editada por Damadriña Producións baixo o selo da propia Fundación Uxío Novoneyra, competía nesta categoría con Fainos saír, de Atrás Tigre; Xardín interior, de Esposa; Livres e loucas, de Habelas hainas e Quixera ser dos paxaros,de Os d´abaixo. O audiolibro competía ademais na categoría de deseño gráfico, que non conseguiu gañar. As catro candidaturas finalistas de Xoel López nesta Xª edición dos Premios MIN da Música Independiente ao final non se viron recompensadas con ningún galardón. En Uxía-O ademais de poemas musicados, tamén se presentan diferentes textos unidos nunha mesma canción, como é o caso de O aire ou A miña sombra correndo, transformados en alalá. O álbum recupera tamén a composición Cain as follas, de Emilio Cao, ou Alalás encadeados, poema inédito que xa se puidera escoitar no disco Meu Canto de Uxía. O disco conta co acordeón de Santi Cribeiro, as percusións de Isaac Palacín e con José Manuel Díaz ao contrabaixo, ademais de colaboracións de Ana Isabel Días na arpa clásica, Quim Farinha no violín ou Fred Martins.
aCentral Folque recupera o legado de Maruxa das Cortellas
Xénero:
| 14 / 3 / 2018"Foi a única muller da súa xeración que tivo interese en apender a tocar o pandeiro ao xeito das antigas da aldea. De non ser por ela, esta tradición non tería chegado ata nós". Así introduce aCentral Folque o seu último lanzamento Maruxa das Cortellas. Tocadora do pandeiro…. Xulia Feixóo foi a responsable do texto deste libro-CD que repasa en 130 páxinas a figura, a técnica e o repertorio desta música tradicional que se fixo coñecida pola súa presenza no programa Luar a finais dos anos 90 e mais pola súa participación en diferentes seráns urbanos. O álbum recolle un total de 30 pezas que amosan a súa capacidade e versatilidade con este instrumento de percusión na que é a primeira publicación sobre o adufe que se publica en galego. Xotas, ribeiranas, valses, pasodobres, chiqui-chiquis e rumba fan parte dos temas recollidos neste proxecto, que se presentou ao público o pasado 11 de marzo no Castelo de Soutomaior.
Cuarta Xusta debuta con Un novo espertar
Xénero:
| 5 / 3 / 2018Con orixe melidá e composición maioritariamente feminina, Cuarta Xusta presenta na casa o seu primeiro disco. O Pub Gatos acolle este 10 de marzo ás 23:59 horas o primeiro concerto da xira de Un novo espertar. O álbum achega oito temas propios de rock aderezado con violín e toques de ska coa intención de "berrar con música as inxustizas que nos rodean" da man de Aida López (cantante), Marta Sánchez (guitarra e violín), Lúa Aguete (batería), Alberto García (guitarra) e Alba Vilariño (baixo). Canda a eles, unha chea de colaboracións coma as de Vituco Neira e Miguel Duarte de Ruxe-Ruxe, Bocixa de Zënzar, Jasper de Nao ou Javi Maneiro de Herdeiros da Crus, algúns dos cales estarán presentes no concerto de inauguración.
novidades discográficas
O Noso Tempo
Hugo Guezeta
Cāldo
Catuxa Salom
Vertentes
Garza
Obra social
ORTIGA
Barullo
Baiuca