Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

Os históricos Clunia reúnense para celebrar o 40 aniversario do Filloa Jazz

Xénero: Jazz/Blues | 30 / 4 / 2021

imaxe non dispoñible

Coincidindo hoxe coa celebración do Día Internacional do Jazz, establecido así pola UNESCO, o Teatro Colón acollerá un concerto histórico que reunirá de novo á formación Clunia Jazz, un dos proxecto referentes da escena jazz de Galicia e do resto de España desde 1982. Quince anos despois da súa última actuación, volven subirse xuntos a un escenario Nani Garcia, Baldo Martínez e Fernando Llorca, con Pablo Castano e Matthew Simon. Con todas as entradas xa vendidas os integrantes de Clunia reúnense este 30 de abril para levar a cabo un concerto de homenaxe aos 40 anos cumpridos en decembro do club coruñés Filloa Jazz, templo deste xénero na cidade herculina. O concerto estaba pensado inicialmente para levarse a cabo en xaneiro e tivo que ser adiado polas restricións vixentes nese momento, para recolocarse na axenda xustamente nesta data tan significativa. Malia ter completa a capacidade do espazo, o concerto pode seguirse tamén a través da plataforma TolemiasTV.

Silvia Penide transforma o chumbo en música co seu oitavo disco

Xénero: Cantautor | 27 / 4 / 2021

SPenide_dias_de_plomo.jpg

Los días de plomo é o título do oitavo disco de Silvia Penide, unha das cantautoras con máis presenza e percorrido da escena galega que gañou en 2020, por segunda vez, o Premio Martín Codax da Música na categoría de Mellor Canción de Autor. Neste disco, vencellado xa desde o título e a portada coa circunstancia pandémica, a autora ofrece seis temas, cinco deles novas composicións con letras que nos recordan o que estamos a vivir e que tamén miran cara o futuro, ás que engade unha nova versión do tema que dá nome ao seu anterior traballo, El efecto boomerang, e que nesta ocasión conta coa colaboración na voz de Víctor Manuel, un soño cumprido para a cantautora coruñesa.

Ailá debuta a investigar a tradición musical

Xénero: Folk | 26 / 4 / 2021

aila_capa2.jpg

"Unha visión moderna e lúdica da creación colectiva" a partir da tradición oral. Esta é a proposta que fai Ailá, o cuarteto formado por Ángela Carou, Abel Gañete, Manuele Pardo e Xan Pampín que acaba e lanzar o seu primeiro álbum, co mesmo nome que o grupo. Logo de representar a Galicia no Celtic Connection 2020 e de seren premiados no Festival Interritmos dese mesmo ano, Ailá preséntase este 26 de abril como un neoloxismo feito a partir dunha "redución semántica dos retrousos que evocan os Ailalelo ailalá".

Chicharrón presentan o novo disco 'Unha fogueira intacta'

Xénero: Electrónica | 23 / 4 / 2021

fogueira_chicharron.jpg

Na vaga de novidades discográficas que están a chegar estes días, froito do intenso traballo creador dos artistas ao abeiro do confinamento o grupo Chicharrón tamén engade a súa propia achega cun novo traballo discográfico que, no seu caso, entra dentro das habituais dinámicas de produción do trío a álbum por ano. Unha fogueira intacta, editada co selo ferrolán Ferror Records, é o seu cuarto disco longo tras Cancións clínicas (Prenom, 2018) e está dispoñible para a pre-venda en vinilo ademais de nas plataformas dixitais.

Os Resentidos presentan o primeiro disco de temas novos en 28 anos

Xénero: Fusión | 22 / 4 / 2021

disco_organizacionNautilus_Resentidos.jpg

Case 40 anos despois da súa formación (1982), Os Resentidos volven a presentar un disco de estudio, o primeiro desde Están aquí (DRO, 1993). Organización Nautilus (Altafonte) é o nome deste traballo que ven de ser lanzado onte e do que se foron amosando os primeiros videoclips nos meses pasados. Nautilus e Outro día máis sen ir ao mar (vídeo baseado nos debuxos do neno Anton Romero, un artista de 14 anos con Transtorno do espectro autista) son os títulos destes avances que xa deixan claro o aspecto da ollada cara o mar deste traballo moi apegado á súa cidade de orixe, Vigo, e ao imaxinario de Julio Verne e o seu Nautilus tamén relacionado coa cidade, ademais de parecer tamén nas súas letras a circunstancia pandémica e unha ollada crítica sobre cuestións da actualidade social e política.

Caamaño & Ameixeiras botan 'Aire!'

Xénero: Folk | 20 / 4 / 2021

Aire_caamano_ameixeiras.jpg

Aire! é o nome do primeiro disco de Sabela Caamaño e Antía Ameixeiras, dúo que baixo o nome Caamaño & Ameixeiras veñen mantendo actividade musical desde 2018. O traballo conta con produción do músico burgalés Diego Galaz, e con colaboracións tan destacadas como Sílvia Pérez Cruz, Fetén Fetén, Abraham Cupeiro, Xavi Lozano, Carola Ortiz, Pablo Martín, Apel•les Carod ou El Pana. O disco xa está dispoñible para adquirilo a través da súa web e veñen de lanzar o seu primeiro tema en videoclip, Florencio. O título fai referencia á figura imprescindible de O cego dos Vilares, creador e transmisor de músicas e historias populares que facía nacer do seu violín e da súa gorxa, e que espallaba despois polas aldeas e montañas da Fonsagrada. O vídeo é "unha homenaxe á tradición, ao popular, ás raíces. Ao poder e á verdade do simple e do auténtico".

Sumrrá presenta hoxe '7 visións' o seu disco máis existencial

Xénero: Jazz/Blues | 16 / 4 / 2021

7Visions_Sumrra.jpg

O Teatro Principal de Santiago acolle hoxe a presentación oficial en concerto do novo álbum do trío de jazz Sumrrá. SUMRRÁ 7 VISIÓNS (Clermont MUsic) é o sétimo disco desta formación que leva xa 21 anos sendo a punta de lanza do jazz en Galicia e unha das formacións máis coñecidas do xénero fóra da comunidade. O pianista Manuel Gutierrez, o contrabaixista Xacobe Martínez Antelo e o batería L.A.R. Legido, dan a luz un novo traballo discográfico que supón a consolidación dunha forma única de entender a música ao vivo. O disco estará dispoñible en todas as plataformas a partires do 30 de abril.Marcado polo confinamento, unha das diferenzas con respecto aos anteriores traballos é ser o primeiro traballo da formación que se levou a gravar sen ter tocado os temas previamente ente público.

Verto publica Embora, o seu segundo álbum

Xénero: Pop | 9 / 4 / 2021

embora_verto.jpeg

Este nove de abril chegaba ás redes Embora, o segundo traballo do dúo Verto. Berto Mira e Fer Peleteiro afondan na súa aposta de technopop sen complexos, con frontes influxos dos anos 80, en catorce novos temas nos que o desamor marca o ton de moitas letras. Como contrapunto, ritmos alegres, toques funky como os de Que pensas?, solos de guitarra e autotunes manteñen o ton luminoso de temas como Quérote atopar ou Como Son Goku. Gravado na casa e autoeditado, o álbum foi masterizado por Cem Oral en Jammin’ Masters. Todos os temas están dispoñibles na rede en plataformas como Youtube ou Spotify. O grupo presentará o álbum o vindeiro 21 de abril cunha actuación no ciclo Lugo Cultural.

Xurxo Fernandes une as tradicións orais de Galicia e o Mediterraneo en 'Levaino!'

Xénero: Folk | 5 / 4 / 2021

PortadaLevaino-XurxoFernandes.jpg

O Teatro Rosalía de Castro da Coruña acollerá este vindeiro venres, 9 de abril, a presentación do disco Levaino! de Xurxo Fernandes con todos os asentos dispoñibles xa ocupados. O artista coruñés, coñecido coma etnógrafo e investigador da tradición popular musical oral por formar parte de Radio Cos xunto a Quique Peón, reúne neste traballo discográfico música de raíz tanto galega coma mediterránea oriental con base sefardí que xa trataba desde o seu alter-ego Jako el Muzikante. Por vez primeira na súa traxectoria reúne ambas liñas de recollida tradicional e interpretación. O álbum presenta doce temas recollidos polo propio artista en lugares tan dispares coma Coristanco, Samakov, A Mezquita, Pakistán, Tordoia, Larache, Tel Aviv, Marrocos, Bulgaria, Turquía ou Thesalónika. Con eles, Levaino! percorre unha ducia de paisaxes sonoras pouco coñecidas que explicitan e manifiestan os vencellos entre ambas culturas e tradicións orais. Fernández acompáñase na grabación pola dulzaina e ventos de Pedro Lamas, as percusións de Rubén Montes, Rafa Morales no baixo e Roberto Comesaña nos teclados, aos que se engaden as voces e pandeiretas do grupo Pandeireteiras sen Fronteiros (PanSenFron).

Xoán Curiel e Iris Gey musican cantigas medievais en Treides comigo!

Xénero: Miscelánea | 29 / 3 / 2021

treidescomigo_xuriel_imaxe.jpg

"Unha revisión e unha abordaxe contemporánea" de cantigas medievais galegas vencelladas aos camiños de Santiago. Esta é a proposta que fan o músico Xoán Curiel e a filóloga e cantante Iris Gey no proxecto Treides comigo!, que acaban de presentar. Os once temas, que se desenvolveron co apoio do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21, están dispoñibles íntegros no web da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Ademais de letras do período medieval, o álbum recolle tamén unha versión musicada do poeta muxián Gonzalo López Abente.

<< Inicio / Anterior . 201 a 210 de 1395 . Seguinte \ Fin >>