Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

O proxecto Rosalía Cantada bota a andar cun primeiro disco

Xénero: Clásica/Lírica | 25 / 3 / 2021

Rosalia_Cantada_1_capa.jpg

Este 26 de marzo a sede da Fundación Rosalía en Padrón acolle a presentación de Rosalía Cantada (vol. 1 Música clásica). O barítono Eliseu Mera e o pianista Cándido Cabaleiro interpretarán ao vivo os temas desde traballo discográfico, nos que recrean pezas realizadas por compositores clásicos e contemporáneos como Xoán Montes, Xosé Baldomir, Antón García Abril, Juan Durán, Octavio Vázquez e Fernando Buide a partir da obra de Rosalía de Castro.

Guadi Galego gaña o certame 'aRi[t]mar galiza e portugal' á canción galega

Xénero: Pop | 24 / 3 / 2021

imaxe non dispoñible

Os máis de cinco mil votos do público emitidos no certame 'aRi[t]mar galiza e portugal' promovido pola Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela determinaron que a canción de Guadi Galego Cólico é a gañadora polo mellor tema musical galego publicado en 2020. A canción da artistas de Cedeira forma parte do seu último lanzamento discográfico, Costuras. Esta edición contou coa participación popular máis alta de todas as do certame. O tema Quase Dança da lusa Cláudia Pascoal, foi o gañador en canto ao relativo ás musicas portuguesas no certame. Os seguintes temas galegos máis votados, foron os de Xoana por Anceios e o terceiro foi Pasei pola túa porta de Os D’Abaixo. No relativo ás músicas portuguesas os postos segundo e terceiro nas votacións foron para os temas Outras Línguas, de Bárbara Tinoco e para Miguel Araújo con A Incrível História de Gabriela de Jesus.

O Liceo de Ourense acolle a presentación do libro-CD Cantando a Carballo Calero

Xénero: Melódica | 18 / 3 / 2021

cantando_rcc_capa.jpg

A Secretaría Xeral de Política Lingüística acaba de presentar a edición en libro CD de Cantando a Carballo Calero. O álbum recolle dezaseis versións musicadas de poemas do autor homenaxeado no Día das Letras Galegas de 2020, nove das cales xa se fixeran públicas no Portal Galego da Língua durante 2020. José Luís Fernández Carnicero foi o responsable da adaptación e da interpretación das músicas ao piano, con voz de Xico Paradelo na formación Agualevada.

Tito Lesende ponse á fronte da 'Consellería do ritmo' na Radio Galega Música

Xénero: Miscelánea | 17 / 3 / 2021

imaxe non dispoñible

Un novo formato de programa para recoller o rock e o pop feito en Galicia comezará este vindeiro 21 de marzo na canle pública Radio Galega Música. O novo espazo 'Consellería do ritmo', producido e conducido polo xornalista musical Tito Lesende, emitirase todos os domingos ás 22.00 horas e tamén estará dispoñible en formato podcast a través da web da Radio Galega e das plataformas habituais.

Vinte e seis agrupacións musicais actuarán en 55 concellos de Pontevedra grazas ao programa Musigal

Xénero: Miscelánea | 15 / 3 / 2021

imaxe non dispoñible

Ata 55 concellos pontevedreses de menos 50.000 habitantes chegará este ano a música de 26 agrupacións musicais galegas de diferentes estilos a través do programa Musigal, impulsado pola Deputación provincial para contribuír á difusión e promoción da música galega e en galego. Andrea Pousa será a encargada de abrir a programación deste ano cun concerto que terá lugar o 9 de abril en Tui, mentres que a última cita será o 18 de decembro na Illa de Arousa, con Leilía.

A Banda da Loba homenaxea a Xela Arias a musicar Intempériome

Xénero: Pop | 8 / 3 / 2021

imaxe non dispoñible

Intempériome é o título do videoclip que acaba de publicar A Banda da Loba a musicar unha mestura de textos de Xela Arias. A letra combina versos de cinco poemas diferentes da obra do mesmo título da autora e gravouse nos estudios Abrigueiro de Arturo Vaquero. Segundo explica a banda, o tema "fala de deixar atrás o aprendido, os prexuízos e os estereotipos, e avanzar cara o auto-recoñecemento para sermos a persoa que queiramos ser. Os coidados e a liberdade... a base fundamental". O tema contou co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e intégrase nas propostas da Consellería de Cultura para o Día das Letras Galegas dedicado á autora.

Zumaque preséntase por todo o alto Silván

Xénero: Folk | 2 / 3 / 2021

imaxe non dispoñible

Ter situado o seu primeiro traballo, Silván, como candidato en todas as categorías dos Premios Opinión de Música Folk amosa o potencial da banda compostelá Zumaque. O trío formado pola arpista bretoa Bleuenn Le Friec, o contrabaixista Alfonso Calvo e o clarinetista Pablo Pascual, explora novas sonoridades para os ritmos tradicionais no seu álbum de debut. Instrumentos pouco convencionais como son a harpa, o clarinete baixo e o contrabaixo, achegan toques de jazz ás catorce pezas do disco, que lanzaron no final de 2020 e que están a presentar por todo o país.

Néboa afonda na fusión con A realidade enganosa

Xénero: Fusión | 22 / 2 / 2021

realidade_enganosa_neboa.jpg

Logo de o presentar en BandCamp, está a saír do prelo este mes de febreiro a edición en vinilo de A realidade enganosa, primeiro álbum dos catoirenses Néboa. O quinteto formado por Aloia López Ferro, Jacobo García Lafuente, Tomás Porteiro Abuín, Sandra Pérez Míguez e Lucas M. Suárez de Centi afonda na aposta por unha fusión sen límites logo de varios EPs e singles. Indietrónica, música tradicional galega, poesía elíptica, jazz de vodevil, pop alternativo, canción de autor e pop internacionalista son influencias que a banda reivindica na presentación do seu traballo, que conta con dez temas cos que "compoñen un cadro de puro minimalismo pop, con trazas que nos levan ata o pop alternativo máis experimental e sons que repiquetean no máis fondo da canción de autor tradicional".

A Orquestra Galega de Liberación leva a improvisación ao disco

Xénero: Miscelánea | 18 / 2 / 2021

orquestra_galega_libertacion_capa_1.jpg

O traballo de dezaseis músicas e músicos a improvisar baixo a dirección de Xacobe Martínez Antelo, rexistrado ao vivo na forma de dez temas. Este é o contido do primeiro álbum da Orquestra Galega de Liberación, unha formación que se deu a coñecer o pasado mes de setembro de 2020 en Compostela no marco do Festival de Artes Performativas Plataforma. Segundo explica a presentación do álbum, do mesmo nome que a banda, "toda a música deste concerto foi improvisada no momento e composta a tempo real mediante técnicas de improvisación dirixida. Ningún material viña pactado, aprendido, ou composto previamente. O noso primeiro disco é o concerto íntegro de principio a fin". A formación reúne nomes chegados do jazz, a música clásica ou a performance, como Max Gómez, LAR Legido, Javier Pereiro, Olivier Cano, Xosé Miguélez, Sheila Patricia, Elena Vázquez ou Macarena Montesinos.

Timparrantela preséntase con Se te quixen foi polos grelos

Xénero: Folk | 11 / 2 / 2021

timparrantela_grelos.jpg

Desde Ourense chega Timparrantela, unha formación que aposta pola fusión desde a música tradicional cunha perspectiva poética e reivindicativa. Lorena Sotelo (voz), María Blanco (violino), Olalla Rodríguez López (clarinete), Olalla López Rodríguez (saxo), Olga Brañas (piano), Raquel Huete (tuba) e Marta Figueiredo (percusión) presentan o seu primeiro traballo logo de tres anos de actividade.

<< Inicio / Anterior . 211 a 220 de 1395 . Seguinte \ Fin >>