Ti estás aquí > Inicio / música en galego
Música en galego
Chicharrón achega a súa obra máis íntima con Erosión
Xénero:
| 3 / 3 / 2022Unha tiraxe de 68 casetes, tantos como anos tería feito a nai de Alberto M. Vecino, cantante do grupo, este 1 de marzo, compón a edición física de Erosión novo lanzamento da banda Chicharrón. Na rúa desde o comezo deste mes, o álbum achega dez temas que o vocalista escribiu durante o último mes de vida da súa nai, gravadas na mesma orde en que se compuxeron.
Galicia Fiddle celebra os seus dez anos co lanzamento de Acanteira
Xénero:
| 2 / 3 / 2022A Asociación Galicia Fiddle, promotora do encontro de violín tradicional San Simón Fiddle, está a celebrar a súa primeira década de existencia. Cun certo atraso, derivado da pandemia, a entidade presenta Acanteira, un libro-CD que recolle dezaseis temas da música tradicional galega adaptados a este instrumento e tocados por intérpretes de entre 13 e 24 anos.
Dakidarría reúnen todos os seus sinais de identidade en 'Colaxe'
Xénero:
| 28 / 2 / 2022Xa está aquí 'Colaxe' (El Garage Producciones, 2022), o agardado novo disco da banda Dakidarría. Seis anos despois do disco en directo en formato CD-DVD 'De cuncas e de mar' (2016), co que celebraban os seus 13 anos de traxectoria, o grupo volve e gravar novos temas para esta celebración de 18 anos de actividade nos que nunca deixaron de estar presentes sobre os escenarios e festivais do país. O disco xa está dispoñible nas plataformas dixitais.
As Tanxugueiras volven a Ortigueira encabezando cartel
Xénero:
| 18 / 2 / 2022O Festival Internacional do Mundo celta de Ortigueira volve este ano e nel volven a estar as Tanxugueiras, como xa estiveron en 2019, pero esta vez no máis alto do cartel. As pandereteiras foron anunciadas esta semana como a fichaxe estrela deste festival de referencia da música folk e tradicional, onde xa estiveron na 41ª edición pre-pandemia. O festival, que se celebrará entre o 10 e o 17 de xullo, tamén confirmou a presenza dos escoceses Red Hot Chilli Pipers.
Álvaro Iglesias reivindica o contrabaixo para a tradición en Vagalume
Xénero:
| 16 / 2 / 2022Vagalume, terceiro disco en solitario de Álvaro Iglesias, continúa a aproximación á música tradicional galega desde o contrabaixo solista. A seguir a liña que iniciou con Alma en 2018, desta volta o intérprete dálle un especial protagonismo aos nomes convidados nestes dez novos temas tirados da tradición.
O Cuarteto Caramuxo fai Reviravoltas
Xénero:
| 9 / 2 / 2022Este catro de febreiro chegaba ás plataformas dixitais Reviravoltas o novo traballo do Cuarteto Caramuxo. A formación composta por Xulia Feixoo, Marcos Padrón, Felipe Agell, Xoan Carlos Vázquez, Oscar Prieto e Fernando Abreu avanza na súa reinterpretación da tradición galega con claves de jazz e de música clásica, e atrévense mesmo con elementos de electrónica nos once temas que compoñen o seu cuarto lanzamento
Unha banda sonora para o Día da Clase Obreira Galega
Xénero:
| 9 / 2 / 2022A conmemoración do 50 aniversario da xornada de protestas obreiras no Ferrol que rematou coa morte de dous traballadores de Bazán, o 10 de marzo de 1972, terá este ano unha achega musical. O Auditorio de Ferrol acollerá o 12 de febreiro a estrea da peza musical 'Ferrol 1972' dedicada a aqueles feitos e composta para a ocasión polo músico vigués Juan Durán. A peza será interpretada polo quinteto de metais Hércules Brass acompañados por Gabriel López Rodríguez ao piano e Miguel Castro Pérez, Jorge Juan Deaño Núñez e María Isabel Diego Calviño na percusión. O compositor cedeu os dereitos desta obra de 10 minutos á asociación Fuco Buxan, da que partiu o encargo desta conmemoración musical e a propia asociación pona a obra a disposición da clase obreira e dos sindicatos de clase. 'Ferrol 1972' busca, segundo declaración de Juan Durán para o xornal Praza, "debuxar a banda sonora" dun momento importante na loita polos deritor dos traballadores e que deu lugar á celebración anual, cada 10 de marzo, do Día da Clase Obreira Galega.
As Tanxugueiras terán praza de seu en Teo
Xénero:
| 3 / 2 / 2022Por motivos aínda pouco claros, non terán praza para ir ao Eurovisión 2022 en representación de RTVE, pero as Tanxugueiras si terán praza en Luou (Teo) co seu nome e co recoñecemento sen fisuras do seu pobo. O pleno do Concello de Teo, celebrado este mércores 2 de febreiro, acordou homenaxear ao grupo dándolle o seu nome á área recreativa de Luou. A corporación municipal aprobou por unanimidade unha moción conxunta presentada polos grupos municipais do BNG, PSdG-PSOE, SondeTeo e PP neste sentido. Así o concello deixa inscrito o nome do grupo, asociado ao lugar coñecido como a Horta do Cura, moi preto da sede da asociación cultural A Mámoa, na que as irmás Olaia e Sabela Maneiro aprenderon a tocar a pandeireta e tamén a cantar. O pleno recoñece na súa decisión que "As Tanxugueiras trasladan coa súa música e baile unha mensaxe da Galicia actual que, sen renunciar ás orixes, adáptase aos novos tempos demostrando que o galego é unha lingua viva que lonxe de pechar fronteiras ábrenos novos horizontes dos que sentírmonos orgullosas." Engade a corporación o recoñecemento que vai máis alá delas por seren "mulleres que beben da tradición doutras moitas que antes nos precederon ás que renden homenaxe coa súa música e que abandeiran, dende o feminismo, a tradición e identidade." As pandeireteiras veñen ademais de confirmar a súa participación no festival SonRías Baixas, de Bueu.
O ciclo 'Pioneirxs da música galega' revivirá en directo discos históricos
Xénero:
| 28 / 1 / 2022A Deputación Provincial da Coruña crea o ciclo 'Pioneirxs da música galega' que revivirá, a través de concertos en directo, álbums que marcaron a historia recente da música galega e en galego. Serán concertos únicos que recuperarán repertorios dos anos 1977 e 1978 de discos tan singulares como 'Pilocha', da cantora que actúa baixo este mesmo nome artístico, e que se considera o primeiro álbum de jazz-fusión galego, e 'Ti, Galiza' de Miro Casabella e que supón un dos primeiros álbums de música de autor en lingua galega. Estes dous primeiros concertos terán lugar no Teatro Colón o sábado 12 de febreiro, con Pilocha, e o sábado 5 de marzo, con Miro Casabella. As entradas serán de balde previa retirada a través da web do Teatro Colón.
Tanxugueiras arrodéanse de talento galego para a súa posta en escena
Xénero:
| 26 / 1 / 2022O desembarco das Tanxugueiras hoxe no Benidorm Fest contará coa compañía dun abano de artistas galegos que reforzarán a súa posta en escena e candidatura para asistir a Eurovisión 2022 co tema 'Terra'. Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro presentarán este mércores, na primeira das dúas semifinais do certame (22.40 horas no Palau L’illa de Benidorm), o seu directo coa canción que acumula máis de 4 millóns de visualizacións e escoitas nas principais plataformas dixitais. O directo presentarase cunha posta en escena liderada polo trío de pandeireteiras, no que estarán acompañadas por un grupo de artistas, fundamentalmente de Galicia, baixo a dirección da escenógrafa Laura Iturralde (Osmose, con Mercedes Peón, e premiada pola iluminación de Fariña) e a coordinación xeral de PlayPlan Cultural, quen tamén asume a dirección de produción.