Ti estás aquí > Inicio / música en galego
Música en galego
O legado de Andrés Gaos, un dos principais compositores galegos corre o risco de acabar en Estados Unidos
Xénero:
| 21 / 2 / 2005Foi un dos compositores galegos con maior produción. A súa obra pode encontrarse en CDs recompilatorios canda a nomes coma Schubert ou Dvorak. Forma parte do repertorio da Orquestra Sinfónica de Galicia. E, no entanto, a súa figura permanece no esquecemento e o seu legado corre serio risco de acabar fóra do noso país. A memoria de Andrés Gaos, emigrante, violinista e compositor, agarda unha oportunidade para ocupar un posto na memoria de Galicia.
A importancia da música para a construción da identidade centra a primeira xornada dos encontros “O Son da Memoria”
Xénero:
| 18 / 2 / 2005Os colectivos de galegos emigrados empregaron e empregan aínda a música como un elemento para construír a súa identidade no estranxeiro. Este proceso centrou a primeira xornada dos IV Encontros “O Son da Memoria” que organiza o Arquivo Sonoro de Galicia e que analizan a música na emigración. Na xornada de hoxe, ademais de abordar a situación da música galega en Cuba durante o primeiro terzo do século XX tratarase tamén a figura de Andrés Gaos, quizais o compositor galego que máis prestixio internacional acadou.
Máis información no web do Consello da Cultura e en La Voz de Galicia
Berrogüetto presenta en Compostela o seu vindeiro traballo, “DeSolaSons”
Xénero:
| 20 / 12 / 2004Música gravada con enerxía solar nas Illas Cíes para servir como banda sonora a un documental, onda novos temas integran o novo traballo de Berrogüetto. O disco, titulado “DeSolaSons”, preséntase o vindeiro día 22 en Compostela cun concerto enmarcardo no ciclo “Sons da diversidade”, no que o grupo contará co apoio sonoro da orquestra catalá Ségle XXI. Os compoñentes de Berrogüetto agardan que o CD estea nas tendas ao longo do ano 2005.
Máis información en La Voz de Galicia; en La Opinión e no web de Sons da Diversidade
O Conservatorio de Música Tradicional de Vigo presenta a primeira orquestra folk de Galicia
Xénero:
| 3 / 6 / 2004Cando se xunta a parte académica coa musical xorden cousas como "Son de seu". É a primeira orquestra folk de Galicia que recupera músicas tradicionais, actualizadas e arranxadas que contan cun timbre peculiar. Profesores e alumnos do Conservatorio de Música Tradicional traballan xuntos neste proxecto. Pasen e escoiten.
A gaiteira Susana Seivane presenta no Consello da Cultura Galega o seu novo traballo “Mares de Tempo”
Xénero:
| 5 / 5 / 2004Primeiro foi ela mesma (“Susana Seivane”), logo tivo “Alma de Buxo” e agora a gaiteira coruñesa acaba de sacar ao mercado “Mares de tempo”. No seu terceiro traballo recupera a esencia tradicional dos anteriores álbumes, pero avanza un paso máis ao ofrecer arranxos máis innovadores. “Mares de Tempo”, editado por Boa Music, é un CD-DVD que inclúe imaxes dos seus concertos e distintas citas internacionais, un making off e distintos momentos do proceso de gravación do disco.
O estadounidense Alan Lomax realizou as primeiras gravacións de música tradicional galega a comezos dos anos cincuenta
Xénero:
| 19 / 3 / 2003No duro inverno de 1952 chegaba a Galicia unha estraña parella. El era Alan Lomax, un home de arredor de 37 anos, ela Jeanette Bell, a súa axudante, el estadounidense, ela inglesa. Levaban xa desde o mes de xuño percorrendo a Península ibérica armados cuns estraños e voluminosos aparellos electrónicos. Vixiados constantemente pola Garda civil enfrontábanse a malos camiños, hospedábanse en aldeas sen electricidade e sen auga e sufrían o frío. A súa intención non era espiar o réxime franquista. Viñan recoller cancións.
O produtor musical e integrante de Mutenrohi Juan Carlos Fasero presenta o seu primeiro disco en solitario
Xénero:
| 15 / 1 / 2002Juan Carlos Fernández Fasero é unha desas figuras ó redor das que xiran moitas das producións máis coñecidas do panorama musical galego, de feito xa tivo tres candidaturas aos Premios da Música que organizan a SGAE e a AIE. Por outra banda foi o produtor do traballo "Tolemia" de Cristina Pato, así como de Mutenrohi. Este músico, produtor e compositor presenta agora un traballo en solitario "Mar de Mares" (Zouma Records, 2001). Fasero amosa a súa capacidade de interpretación coa guitarra, mesturando o pop coa música celta e a chamada world music. O son que destila Mar de Mares amosa claramente as influencias de guitarristas míticos neste compositor como Mike Oldfield ou Carlos Santana, O músico fai con estes 10 temas un percorrido dende aqueles que nunca se atreveu a gravar ás propostas máis modernas e avanzadas dentro da world music. Como case sempre, os discos en solitario están cheos de colaboracións. No caso de "Mar de Mares" a Fasero o acompañan, ademais dos seus compañeiros do grupo Mutenrohi, Cristina Pato, nas gaitas, as cálidas voces de Laura Arbiol e Cristina Barriga, os violíns de Ricardo Mourente, e tamén os teclados de Juan de Dios. O disco foi gravado case integramente na "Casa de Tolos" por Segundo Grandío, e a produción artística correu a cargo do propio Fasero e de Grandío.
Fía na roca presenta en Contravento como novidade a incorporación da cantante Sonia Lebedynski
Xénero: AUDIO
| 11 / 1 / 2002 +Fía na roca presenta como principal novidade no seu terceiro disco, "Contravento" (Ceyba Music, 2001) a participación da nova cantora galega Sonia Lebedynski, incorporada como sétimo compoñente da formación, que estaba integrada por Xabier Bueno, Carlos Castro, Cris Gándara, Giao Rodríguez, Roberto Santamarina e Xosé Ramón Vázquez. O disco contén doce pezas, sete saídas da tradición popular e as outras cinco composicións propias. Este disco ten no seu haber o galardón ao Mellor disco galego do 2001 por Radio Ecca e Segundo Mellor disco galego do 2001 segundo o xornal La Opinión. Ademais unha produción da televisión xaponesa "Aichi TV" utiliza Contravento como banda sonora da serie baseada na obra do escritor brasileiro Paulo Coelho "O diário de um mago", na cal relata a peregrinación que o seu autor realizou en 1986 ao longo do Camiño de Santiago. Fía na roca intervén tamén nun dos capítulos desta serie interpretando o tema "Baile de Pandeiras" e entrevistándose coa estrela da televisión xaponesa Fumi Dan. Tamén durante a xira de presentación de Contravento, no verán de 2001, coincidiu a formación galega coa banda de Quebec "La Bottine Souriante" no Festival do Mundo Celta de Ortigueira. Das boas relacións que xurdiron entre eles resultou a gravación dun documental dirixido por Rénald Bellemare sobre a xira mundial que celebraba o 25 aniversario do grupo de Canadá. No programa, emitido por Tele-Quebec en xaneiro do 2002, Sonia Lebedynski interpreta a dúo un tema co cantante solista da "Bottine" Yves Lambert.
A xira de presentación de “Alma de Buxo” nos Estados Unidos viuse cancelada polos acontecementos das Torres Xemelgas
Xénero: IMAXES + AUDIO
| 22 / 10 / 2001 +O buxo do que os Seivane levan facendo gaitas desde o ano 1939 foi a inspiración para poñer nome a este disco "Alma de buxo" (Boa Music, 2001). Susana amosa aquí a madeira da que está feita e que xa deixaba albiscar no anterior traballo "Susana Seivane" (Boa Music, 1999). A xira de promoción de "Alma de Buxo" viuse reducida polas circunstancias internacionais que comezaban o 11 de setembro. Ante a crecente inseguridade e un ambiente social nada propicio nos EUA para contribuír ó éxito da xira a gaiteira decidiu anular os seus compromisos para actuar nos Estados Unidos de América onde xa tiña concertados numerosos concertos, sen coñecerse a día de hoxe datas para unha posible continuación da xira en terras americanas. Para as trece pezas que conforman "Alma de Buxo" a gaiteira de Cecebre arrodéase de colaboradores algún dos cales xa a acompañaba no anterior disco, como Rodrígo Romaní, quen producira enteiramente aquel traballo e que aquí só colabora, xa que a mesma Seivane encargouse da produción. Nas gravacións acompañaron a Susana tamén importantes figuras da música tradicional e folk como Kepa Junquera, Uxía Senlle, Guadi Galego (Berrogüetto), Ugía Pedreira (Chouteira) e o seu propio avó, Xosé Manuel Seivane, gaiteiro e mestre artesán, que gravou dúas das composicións do seu repertorio.
O disco "Henrique Otero. O Gaiteiro do Fragoso" recolle algunhas das mellores pezas deste músico septuaxenario que segue en activo
Xénero:
| 11 / 10 / 2001"O gaiteiro do Fragoso" ten xa setenta anos e moita gaita ás súas costas. Cincuenta e seis anos de profesión consolidaron o seu nome coma un dos principais mestres de gaita da segunda metade do século XX en Galicia. Nacido en 1930 no barrio de Lavadores de Vigo, acadou facer unha síntese entre a aprendizaxe tradicional da gaita e os métodos clásicos. Membro fundador do grupo "Os Cruceiros", de grande popularidade na Galicia dos anos sesenta, converteuse a partir de 1971 en mestre gaita no Conservatorio de Vigo. Logo da recente concesión da medalla Constantino Bellón en homenaxe á súa carreira, publícase agora "Henrique Otero. O Gaiteiro do Fragoso" (Boa Music , 2001). Un disco no que se recollen quince das súas composicións orixinais. Estes temas amosan a pericia técnica e a sensibilidade musical do mestre Otero, e van desde os ritmos tradicionais da muiñeira ata o máis estraño da polca, todos eles empregados con grande acerto e axustando o ritmo á intención. Cada tema preséntase cun texto do propio Henrique no que explica o como xurdiu cada peza. Na gravación atopamos colaboracións de luxo coma a de Beatriz Riobó no único tema con voz do álbum ou as de varios dos membros de Noitarenga.