Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

O IGAEM edita un duplo disco con temas das bandas participantes no certame da Liga de Bandas de Gaitas

Xénero: Folk | 9 / 8 / 2001

imaxe non dispoñible

"Galicia, bandas de gaitas", é un dobre CD que recolle as interpretacións de dezaoito formacións deste tipo gravadas no XI campeonato galego da Liga de Bandas de Gaitas que se celebrou o pasado novembro no mes de Teo. Un total de setenta e tres temas que foron rexistrados polo servizo de produción da Radio Galega nun álbum que é o primeiro que se edita coas actuacións en directo do certame. O disco esta editado polo Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais en colaboración coa Federación Galega de Bandas.

O grupo Na Lúa celebra o seu vinte aniversario cun recopilatorio

Xénero: Folk | 9 / 8 / 2001

not_1456.jpg

O grupo de folk Na Lúa cumpría no 2000 vinte anos de existencia, o que o converte nun dos grupos máis veteráns do panorama galego. Lonxe fican xa aqueles días en que, onda grupos coma Milladoiro, Fía na Roca, Amerguín ou Doa, comezaron a traballar nun panorama pouco explorado coma era o do folk galego. Para celebrar o aniversario o grupo comezou a traballar nun recopilatorio que sae agora á rúa con dezaoito temas remesturados.

O cuarto traballo de Mutenrohi quere ofrecer unha música para gozar bailando

Xénero: Folk | 4 / 6 / 2001 + VIDEO + AUDIO

not_7510.jpg

Con DANZE (Zouma Records, 2001) Mutenrohi seguen na súa liña de innovación e investigación musical, buscando a unión real entre a música tradicional e o pop.O nome do disco revela a intención de ofrecer unha música para bailar, que faga dos seus concertos unha boa forma de pasar o rato, gozando dun espectáculo de música tradicional desde a elegancia e os arranxos. Mutenrohi ten sido dos primeiros en moitas cousas en Galicia. Foron o primeiro grupo folk que fixeron un disco en directo, os primeiros en realizar proxeccións nos concertos, en usar bailaríns nos espectáculos, dos primeiros en usar "loops" e secuencias musicais nas súas producións. É tamén a primeira das novas bandas que recuperou a voz para as súas gravacións, como neste traballo que inclúe seis temas vocais. A voz de Cristina Barriga volta á banda despois de colaboracións no anterior disco ("Cousas da Lúa", CNR Arcade 1999) e de ir de xira con Cristina Pato.

En “Todo vai ben” os Zënzar mesturan o rock coa denuncia social

Xénero: Rock | 2 / 6 / 2001 + VINCULO + AUDIO

not_7511.jpg

O grupo Zënzar achéganos desde Meirama o seu segundo disco, "Todo vai ben". Detrás dunha espectacular portada debuxada por Javi Prieto atopamos trece temas ben tocados e cantados integramente en galego nos que a enerxía máis pura mestúrase co lirismo e coa denuncia social. Os Zënzar continúan co seu estilo: ritmos rápidos con guitarras contundentes conforman o groso do disco. As letras, agudas e críticas, conforman unha paisaxe na que a carraxe e a ironía son as armas contra o caciquismo, contra a destrución do medio, contra o poder e a hipocrisía. O disco gravouse nos estudios "Nuevos fusión" de Javier Abreu en Nigrán entre decembro do ano 2000 e febreiro deste ano, e foi producido integramente polo propio grupo. A pesar de que o rock duro é o ritmo dominante no disco, atopamos dous temas nos que o grupo se abre a outros ritmos con colaboracións de luxo. Xan dos Papaqueixos achega a súa gaita a "Todos me queren", adaptación dun tema popular. Pola súa banda, Rómulo Sanjurjo, dos Diplomáticos, toca o acordeón en "A banda do coche encarnado", un narco-corrido achegado á realidade galega.

As pandeireteiras Anubía presentan o seu primeiro disco "Segredo a voces"

Xénero: Folk | 21 / 5 / 2001 + IMAXES + AUDIO

not_7520.jpg

Anubía é un grupo formado por seis pandeireteiras que na puberdade xuntáronse a cantar dentro da Agrupación Folklórica Cantigas e Agarimos e que comezaron a súa experiencia en gravacións participando en 1996 co grupo Berrogüetto no álbum Navicularia. Co seu primeiro traballo discográfico "Segredo a voces" (Boa Music, 2001) Eva Blanco, Maite Castro, Ana Blanco, Teresa Triáns, Patricia Blanco e Isabel Vilaseco amosan o seu dominio das cordas vocais. Nos doce temas que se recollen no disco as polifonías vocais quedan equilibradas entre elas e cos instrumentos grazas a un bo traballo de produción da man de Pancho Álvarez, membro da banda de Carlos Núñez. Nesta ducia de temas do disco atopamos influencias ben asimiladas de ritmos árabes ou melodías pop que enriquecen e achegan orixinalidade. Sen dúbida que as achegas de catro dos membros de Berrogüetto á gravación do álbum contribúe a dotar ó son dunha calidade excepcional.

A Orquestra Sinfónica de Galicia gaña un Goya pola banda sonora do filme "Sei quen es"

Xénero: BSO | 16 / 4 / 2001

imaxe non dispoñible

A produción galega "Sei quen es", dirixida por Patricia Ferreira acadou un Goya á mellor banda sonora o pasado sábado tres de febreiro. Detrás da banda sonora desta produción houbo un esmerado traballo de coordinación entre directora do filme e o músico, José Nieto, un profesional de recoñecido prestixio, que xa acadara varios Goya pola música de películas coma "El bosque animado", "El rei pasmado" ou "El maestro de esgrima". Xuntos desenvolveron un traballo de visionado e un intenso proceso de discusión coa intención de definir perfectamente a sensación que a música debía transmitir en cada escena. A idea básica que vertebra todas as pezas musicais partiu dunha escena da película, aquela na que o protagonista, que sufre amnesia recupera momentaneamente a súa memoria. A partir deste intre concreto desenvolvéronse vinte e unha pezas musicais que xiran arredor duns personaxes que tentan esquecer o seu pasado para fuxir do destino. As pezas foron gravadas pola Orquestra Sinfónica de Galicia baixo a dirección do propio José Nieto, no Auditorio da Coruña.

O selo independente Lixo Urbano saca o segundo disco dedicado a bandas punk rock galegas e estranxeiras

Xénero: Rock | 15 / 3 / 2001 + AUDIO

not_7470.jpg

Desde debaixo da terra, as bandas independentes máis ruidosas atópanse reunidas no segundo recompilatorio do selo musical Lixo Urbano Ediçons: "Killer Lixo vol.II -O retorno do Lixo Assassino". Punk-rock en galego, español e inglés feitos por bandas de todos os recantos do mundo. Desde os composteláns Fame Neghra aos finlandeses The Flaming Sideburns, pasando por vascos, cataláns ou madrileños. Esta variedade supón unha internacionalización do traballo desta casa, que xa sacara un volume de Killer Lixo "o primeiro recompilatorio galego de punk-rock" só con grupos galegos. Aquí presentan unha mostra da presenza galega neste recompilatorio. Desde Compostela os Samesugas ou o xa desaparecido Fame Neghra; desde Vigo unha formación con historia, Foggy Mental Breakdown, e desde Coruña chega Mistakens. Outra banda coruñesa que comeza a soar "Thee virus" aportou a este recompilatorio "Como un animal". Rematamos cunha versión dun clásico do xénero, "Those boots are made for walking", a cargo do novo grupo Japón 84, no que participan algúns ex-membros de Fame Neghra.

Do Cumio edita un duplo CD co concerto de homenaxe a José Afonso en Castrelos no 1985

Xénero: Cantautor | 1 / 12 / 2000 + AUDIO

not_7464.jpg

"Galiza a José Afonso" (Edicións do Cumio, 2000) é un duplo CD que constitúe, ademais de o seu innegable valor musical, todo un documento sonoro dun momento histórico: o concerto que reuniu en agosto de 1985 a amigos e admiradores do cantautor portugués durante máis de doce horas no Parque de Castrelos, en Vigo. Unha auténtica maratón musical e cultural na que poetas, músicos e escritores homenaxearon a Zeca Afonso, que naquel momento estaba loitando contra a doenza que o consumía. O concerto, que tiña entre os seus obxectivos reunir diñeiro para axudar o Zeca no grave momento que vivía, foi quizais o máis semellante ó Woodstock americano, que houbo nestas terras. Así, saltaron ó escenario: poetas para recitar algúns dos temas e ideas que el defendía, amigos que lle dedicaron unhas palabras, músicos para recrear ó propio Zeca e pechando a homenaxe o grupo de maior resonancia musical da época, Fuxan os Ventos.

Sae á rúa o segundo disco de Nen@s da Revolta

Xénero: Rock | 20 / 11 / 2000 + AUDIO

not_7460.jpg

"As vozes roubadas" (Boa Music, 2000) é o segundo disco desta formación saída no ano 93 de entre as iniciativas musicais que xurdiron do Centro Social Ocupado Ruela de Vigo. Letras comprometidas e con aire de disidencia, expresión de posturas culturais, sociais e políticas. Música de mestizaxe e experimentación sonora. Hip-hop, reggae, ska, rumba, raggamuffin... Integrando no discurso sonoro as pandeiretas e gaitas cos teclados e os samplers. Unha proposta de revolta asentada nunha idea cultural da que a música, aínda que importante, non é o límite no que queren quedar estes seis músicos. Nen@s da revolta preocúpase por temas sociais como a desigualdade das mulleres, os dereitos dos traballadores, a liberación dos animais, a identidade cultural. Estas ideas, que xa estaban no seu primeiro disco "A revolta d@s Nen@s /Raggaliza dissidente" (Sons de Luita, 1998), volven agora arroupadas por unhas composicións musicais máis coidadas e impactantes, tanto en arranxos como en produción, que afastan ó grupo de todo folclorismo cara a unha mensaxe musical máis o pé das rúas do fin de século. Os da revolta fortalecen a escena casque esmorecente dos novos sons, que dende hai anos non tiñan unha representación clara.

Quinta Feira presenta no seu primeiro disco cancións con letras de literatos contemporáneos e trobadores medievais

Xénero: Folk | 15 / 11 / 2000 + AUDIO

not_7462.jpg

A casualidade reuniu en 1997 enriba dun escenario a Tito Maqueira(guitarra), Marcos Seixo (zanfona e percusións) e Toño Domínguez (frauta e voz) para dar un concerto de intención case que anecdótica. A boa comunicación que acadaron entre eles levounos a comezar a cavilar nun proxecto de formación musical estable. Aquel día da casualidade era un xoves, e os músicos decidiron lembrar o encontro dándolle ó seu proxecto o nome do día, Quinta Feira. Agora, tres anos despois editan o seu primeiro disco "...de seu" (Sons Galiza, 2000). En Quinta Feira conviven cordialmente o jazz, o rock, a bossa, aires portugueses e, como non, a referencia da música tradicional galega. A metade das cancións do seu disco son instrumentais, mentres que as letras das outras cinco baséanse en textos de autores galegos. tanto contemporáneos (Roberto Blanco Torres, Castelao) coma trobadores medievais (Xoán de Cangas, Mendinho, Martín Codax). A presentación do disco "...de seu" fíxose o pasado 20 de outubro no Teatro Principal de Pontevedra, co apoio da Concellaría de Cultura do concello da cidade do Lérez. A formación caracterízase por unha vocación didáctica que se materializou cando, en 1998, fixeron unha xira por centros de ensino e asociacións culturais. O espectáculo didáctico que presentaron entón, no que se mesturaban música e literatura, facía un percorrido pola historia e cultura dos trobadores medievais

<< Inicio / Anterior . 1401 a 1410 de 1415 . Seguinte \ Fin >>