Ti estás aquí > Inicio / música en galego
Música en galego
A xira de presentación de “Alma de Buxo” nos Estados Unidos viuse cancelada polos acontecementos das Torres Xemelgas
Xénero: IMAXES + AUDIO
| 22 / 10 / 2001 +O buxo do que os Seivane levan facendo gaitas desde o ano 1939 foi a inspiración para poñer nome a este disco "Alma de buxo" (Boa Music, 2001). Susana amosa aquí a madeira da que está feita e que xa deixaba albiscar no anterior traballo "Susana Seivane" (Boa Music, 1999). A xira de promoción de "Alma de Buxo" viuse reducida polas circunstancias internacionais que comezaban o 11 de setembro. Ante a crecente inseguridade e un ambiente social nada propicio nos EUA para contribuír ó éxito da xira a gaiteira decidiu anular os seus compromisos para actuar nos Estados Unidos de América onde xa tiña concertados numerosos concertos, sen coñecerse a día de hoxe datas para unha posible continuación da xira en terras americanas. Para as trece pezas que conforman "Alma de Buxo" a gaiteira de Cecebre arrodéase de colaboradores algún dos cales xa a acompañaba no anterior disco, como Rodrígo Romaní, quen producira enteiramente aquel traballo e que aquí só colabora, xa que a mesma Seivane encargouse da produción. Nas gravacións acompañaron a Susana tamén importantes figuras da música tradicional e folk como Kepa Junquera, Uxía Senlle, Guadi Galego (Berrogüetto), Ugía Pedreira (Chouteira) e o seu propio avó, Xosé Manuel Seivane, gaiteiro e mestre artesán, que gravou dúas das composicións do seu repertorio.
O disco "Henrique Otero. O Gaiteiro do Fragoso" recolle algunhas das mellores pezas deste músico septuaxenario que segue en activo
Xénero:
| 11 / 10 / 2001"O gaiteiro do Fragoso" ten xa setenta anos e moita gaita ás súas costas. Cincuenta e seis anos de profesión consolidaron o seu nome coma un dos principais mestres de gaita da segunda metade do século XX en Galicia. Nacido en 1930 no barrio de Lavadores de Vigo, acadou facer unha síntese entre a aprendizaxe tradicional da gaita e os métodos clásicos. Membro fundador do grupo "Os Cruceiros", de grande popularidade na Galicia dos anos sesenta, converteuse a partir de 1971 en mestre gaita no Conservatorio de Vigo. Logo da recente concesión da medalla Constantino Bellón en homenaxe á súa carreira, publícase agora "Henrique Otero. O Gaiteiro do Fragoso" (Boa Music , 2001). Un disco no que se recollen quince das súas composicións orixinais. Estes temas amosan a pericia técnica e a sensibilidade musical do mestre Otero, e van desde os ritmos tradicionais da muiñeira ata o máis estraño da polca, todos eles empregados con grande acerto e axustando o ritmo á intención. Cada tema preséntase cun texto do propio Henrique no que explica o como xurdiu cada peza. Na gravación atopamos colaboracións de luxo coma a de Beatriz Riobó no único tema con voz do álbum ou as de varios dos membros de Noitarenga.
O IGAEM edita un duplo disco con temas das bandas participantes no certame da Liga de Bandas de Gaitas
Xénero:
| 9 / 8 / 2001"Galicia, bandas de gaitas", é un dobre CD que recolle as interpretacións de dezaoito formacións deste tipo gravadas no XI campeonato galego da Liga de Bandas de Gaitas que se celebrou o pasado novembro no mes de Teo. Un total de setenta e tres temas que foron rexistrados polo servizo de produción da Radio Galega nun álbum que é o primeiro que se edita coas actuacións en directo do certame. O disco esta editado polo Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais en colaboración coa Federación Galega de Bandas.
O grupo Na Lúa celebra o seu vinte aniversario cun recopilatorio
Xénero:
| 9 / 8 / 2001O grupo de folk Na Lúa cumpría no 2000 vinte anos de existencia, o que o converte nun dos grupos máis veteráns do panorama galego. Lonxe fican xa aqueles días en que, onda grupos coma Milladoiro, Fía na Roca, Amerguín ou Doa, comezaron a traballar nun panorama pouco explorado coma era o do folk galego. Para celebrar o aniversario o grupo comezou a traballar nun recopilatorio que sae agora á rúa con dezaoito temas remesturados.
O cuarto traballo de Mutenrohi quere ofrecer unha música para gozar bailando
Xénero: VIDEO + AUDIO
| 4 / 6 / 2001 +Con DANZE (Zouma Records, 2001) Mutenrohi seguen na súa liña de innovación e investigación musical, buscando a unión real entre a música tradicional e o pop.O nome do disco revela a intención de ofrecer unha música para bailar, que faga dos seus concertos unha boa forma de pasar o rato, gozando dun espectáculo de música tradicional desde a elegancia e os arranxos. Mutenrohi ten sido dos primeiros en moitas cousas en Galicia. Foron o primeiro grupo folk que fixeron un disco en directo, os primeiros en realizar proxeccións nos concertos, en usar bailaríns nos espectáculos, dos primeiros en usar "loops" e secuencias musicais nas súas producións. É tamén a primeira das novas bandas que recuperou a voz para as súas gravacións, como neste traballo que inclúe seis temas vocais. A voz de Cristina Barriga volta á banda despois de colaboracións no anterior disco ("Cousas da Lúa", CNR Arcade 1999) e de ir de xira con Cristina Pato.
En “Todo vai ben” os Zënzar mesturan o rock coa denuncia social
Xénero: VINCULO + AUDIO
| 2 / 6 / 2001 +O grupo Zënzar achéganos desde Meirama o seu segundo disco, "Todo vai ben". Detrás dunha espectacular portada debuxada por Javi Prieto atopamos trece temas ben tocados e cantados integramente en galego nos que a enerxía máis pura mestúrase co lirismo e coa denuncia social. Os Zënzar continúan co seu estilo: ritmos rápidos con guitarras contundentes conforman o groso do disco. As letras, agudas e críticas, conforman unha paisaxe na que a carraxe e a ironía son as armas contra o caciquismo, contra a destrución do medio, contra o poder e a hipocrisía. O disco gravouse nos estudios "Nuevos fusión" de Javier Abreu en Nigrán entre decembro do ano 2000 e febreiro deste ano, e foi producido integramente polo propio grupo. A pesar de que o rock duro é o ritmo dominante no disco, atopamos dous temas nos que o grupo se abre a outros ritmos con colaboracións de luxo. Xan dos Papaqueixos achega a súa gaita a "Todos me queren", adaptación dun tema popular. Pola súa banda, Rómulo Sanjurjo, dos Diplomáticos, toca o acordeón en "A banda do coche encarnado", un narco-corrido achegado á realidade galega.
As pandeireteiras Anubía presentan o seu primeiro disco "Segredo a voces"
Xénero: IMAXES + AUDIO
| 21 / 5 / 2001 +Anubía é un grupo formado por seis pandeireteiras que na puberdade xuntáronse a cantar dentro da Agrupación Folklórica Cantigas e Agarimos e que comezaron a súa experiencia en gravacións participando en 1996 co grupo Berrogüetto no álbum Navicularia. Co seu primeiro traballo discográfico "Segredo a voces" (Boa Music, 2001) Eva Blanco, Maite Castro, Ana Blanco, Teresa Triáns, Patricia Blanco e Isabel Vilaseco amosan o seu dominio das cordas vocais. Nos doce temas que se recollen no disco as polifonías vocais quedan equilibradas entre elas e cos instrumentos grazas a un bo traballo de produción da man de Pancho Álvarez, membro da banda de Carlos Núñez. Nesta ducia de temas do disco atopamos influencias ben asimiladas de ritmos árabes ou melodías pop que enriquecen e achegan orixinalidade. Sen dúbida que as achegas de catro dos membros de Berrogüetto á gravación do álbum contribúe a dotar ó son dunha calidade excepcional.
A Orquestra Sinfónica de Galicia gaña un Goya pola banda sonora do filme "Sei quen es"
Xénero:
| 16 / 4 / 2001A produción galega "Sei quen es", dirixida por Patricia Ferreira acadou un Goya á mellor banda sonora o pasado sábado tres de febreiro. Detrás da banda sonora desta produción houbo un esmerado traballo de coordinación entre directora do filme e o músico, José Nieto, un profesional de recoñecido prestixio, que xa acadara varios Goya pola música de películas coma "El bosque animado", "El rei pasmado" ou "El maestro de esgrima". Xuntos desenvolveron un traballo de visionado e un intenso proceso de discusión coa intención de definir perfectamente a sensación que a música debía transmitir en cada escena. A idea básica que vertebra todas as pezas musicais partiu dunha escena da película, aquela na que o protagonista, que sufre amnesia recupera momentaneamente a súa memoria. A partir deste intre concreto desenvolvéronse vinte e unha pezas musicais que xiran arredor duns personaxes que tentan esquecer o seu pasado para fuxir do destino. As pezas foron gravadas pola Orquestra Sinfónica de Galicia baixo a dirección do propio José Nieto, no Auditorio da Coruña.
O selo independente Lixo Urbano saca o segundo disco dedicado a bandas punk rock galegas e estranxeiras
Xénero: AUDIO
| 15 / 3 / 2001 +Desde debaixo da terra, as bandas independentes máis ruidosas atópanse reunidas no segundo recompilatorio do selo musical Lixo Urbano Ediçons: "Killer Lixo vol.II -O retorno do Lixo Assassino". Punk-rock en galego, español e inglés feitos por bandas de todos os recantos do mundo. Desde os composteláns Fame Neghra aos finlandeses The Flaming Sideburns, pasando por vascos, cataláns ou madrileños. Esta variedade supón unha internacionalización do traballo desta casa, que xa sacara un volume de Killer Lixo "o primeiro recompilatorio galego de punk-rock" só con grupos galegos. Aquí presentan unha mostra da presenza galega neste recompilatorio. Desde Compostela os Samesugas ou o xa desaparecido Fame Neghra; desde Vigo unha formación con historia, Foggy Mental Breakdown, e desde Coruña chega Mistakens. Outra banda coruñesa que comeza a soar "Thee virus" aportou a este recompilatorio "Como un animal". Rematamos cunha versión dun clásico do xénero, "Those boots are made for walking", a cargo do novo grupo Japón 84, no que participan algúns ex-membros de Fame Neghra.
Do Cumio edita un duplo CD co concerto de homenaxe a José Afonso en Castrelos no 1985
Xénero: AUDIO
| 1 / 12 / 2000 +"Galiza a José Afonso" (Edicións do Cumio, 2000) é un duplo CD que constitúe, ademais de o seu innegable valor musical, todo un documento sonoro dun momento histórico: o concerto que reuniu en agosto de 1985 a amigos e admiradores do cantautor portugués durante máis de doce horas no Parque de Castrelos, en Vigo. Unha auténtica maratón musical e cultural na que poetas, músicos e escritores homenaxearon a Zeca Afonso, que naquel momento estaba loitando contra a doenza que o consumía. O concerto, que tiña entre os seus obxectivos reunir diñeiro para axudar o Zeca no grave momento que vivía, foi quizais o máis semellante ó Woodstock americano, que houbo nestas terras. Así, saltaron ó escenario: poetas para recitar algúns dos temas e ideas que el defendía, amigos que lle dedicaron unhas palabras, músicos para recrear ó propio Zeca e pechando a homenaxe o grupo de maior resonancia musical da época, Fuxan os Ventos.
novidades discográficas
O Noso Tempo
Hugo Guezeta
Cāldo
Catuxa Salom
Vertentes
Garza
Obra social
ORTIGA
Barullo
Baiuca