Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

O goberno galego financiará economicamente o programa “Cultura Quente”

Xénero: Miscelánea | 21 / 3 / 2006

imaxe non dispoñible

O festival “Cultura Quente” contará este ano coa axuda do goberno galego. Segundo publica hoxe “Diario de Pontevedra” o director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, confirmou verbalmente ao concelleiro de Cultura de Caldas, Manuel González, que se implicará economicamente no festival. A programación do evento que se desenvolverá do 1 ao 16 de xullo, está practicamente pechada e xirará ao redor da emigración e da recuperación da memoria histórica.

Máis información no Diario de Pontevedra e sobre o festival na nosa hemeroteca

O grupo folk Milladoiro faise co premio anual da Fundación Otero Pedrayo

Xénero: Folk | 21 / 3 / 2006

imaxe non dispoñible

A Fundación Otero Pedrayo acordou conceder o premio que leva o nome do escritor ao grupo Milladoiro "pola súa importante contribución ao desenvolvemento da cultura galega, así como pola proxección da mesma máis aló das nosas fronteiras". Milladoiro leva vinte e cinco anos de carreira dando a coñecer a nosa tradición musical.

Máis información no web da Fundación

Xosé Carlos Caneiro presenta nun disco os seus poemas recitados con acompañamento musical

Xénero: Cantautor | 21 / 3 / 2006

not_7694.jpg

Co disco “De bar en bar. Os poemas prohibidos” o multipremiado escritor de Verín, Xosé Carlos Caneiro volve a presentar en público a súa poesía, esta vez nun formato sonoro. Buscando o contacto directo da escrita co público Caneiro recita vintedúas das súas obras poéticas acompañado por Xosé Manuel Salgado á guitarra e Manolo Garrido á frauta. O autor non publicara nada desde a novela “Ámote” (Galaxia, 2003). O escritor pretende presentar o disco en directo con recitais por toda Galicia en bares e teatros, comezando o venres 24 en Ourense no Teatro Principal. O disco de Caneiro é o segundo deste tipo editado en poucos meses no país, despois do de “A caricia da serpe” con poemas de Lino Braxe.

Máis información en La Voz de Galicia
e na páxina da discográfica

Eloi Caldeiro promove a revista de información cultural Naz-on

Xénero: Miscelánea | 10 / 3 / 2006

imaxe non dispoñible

O músico e empresario Eloi Caldeiro presentou hoxe o primeiro número da revista bimestral Naz-on. O compoñente de Brath e director da discográfica Sons Galiza dirixe esta iniciativa que ten como obxectivo cubrir todos os eventos culturais que está a ter lugar e toda a produción cultural do país. Segundo Caldeiro a revista, que xa está en quioscos e librarías, “nace para quedarse” e confirma a súa saída por un período inicial dun ano. Caldeiro apuntou a gran necesidade que ten a cultura galega de verse recollida nos medios de comunicación xa que “sen repercusión da actividade cultural é imposible manter un mínimo de profesionalidade”.

Máis información en Naz-on

O Concello de Ortigueira saca por primeira vez a concurso a programación do Festival Internacional do Mundo Celta

Xénero: Folk | 7 / 3 / 2006

imaxe non dispoñible

A elaboración do programa do vindeiro Festival Internacional do Mundo Celta, en Ortigueira, será cousa de quen gañe o concurso que, con este fin, acaba de convocar este concello. Cun orzamento de 119.000 euros, a empresa ou o particular que se faga coa concesión encargarase de organizar os concertos para o escenario principal do evento nos días centrais do festival, o oito e o nove de xullo. É a primeira vez que se opta por esta fórmula para organizar o evento.

Máis información no Diario de Ferrol e no web do festival

O gaiteiro Iván Costa interpreta todos os instrumentos e leva a produción no disco “Ávrego” editado por Cumio

Xénero: Folk | 22 / 2 / 2006 + AUDIO

not_7551.jpg

Con nome de vento das Rías Baixas “Ávrego” (Cumio, 2006) o gaiteiro Iván Costa presenta o seu disco en solitario, unha obra na que conxuga sete recompilacións con outras tantas composicións propias. Iván Costa foi alumno de Xosé X. Blanco Nogueira e de Nazario González “Moxenas”, e desde a súa mocidade conseguiu dar mostras de talento artístico acadando premios en Lorient ou nos certames Constantino Bellón e Solistas da Estrada. Agás nunha canción, A Gaita de Melchor, gravada en directo na Casa das Crechas en verán de 2002, no resto das cancións do disco el mesmo produce e interpreta todos os instrumentos ademais da gaita: zanfona, charrasco, pandeiro, tamboril, etc. O disco gravouse e mesturouse nos estudos Savik Sound de Caritel, en Pontecaldelas.

As empresas Mare e Zouma alíanse e crean Turma, un selo que abordará desde a xestión de artistas á edición de discos

Xénero: Folk | 20 / 2 / 2006

imaxe non dispoñible

Son dúas firmas dedicadas á música folk. Editan discos e levan a representación de artistas. Agora, Mare e Zouma alíanse para crear Turma. Este novo selo quere servir de plataforma para abordar proxectos de maior envergadura e apoiar os seus artistas. Os Cempés, Rosa Cedrón, Cristina Pato ou Quempallou son algúns dos nomes que se cubrirán ao abeiro desta iniciativa, que non eliminará a existencia autónoma de cada unha das empresas que a constitúen.

Máis información en La Opinión

A discográfica Ouvirmos presenta os selos Vir e Localizados para lanzar proxectos actuais

Xénero: Miscelánea | 17 / 2 / 2006

imaxe non dispoñible

Logo de varios anos a desempeñar un intenso traballo de recuperación da nosa historia musical, a discográfica Ouvirmos dá un paso mais. A empresa acaba de anunciar o lanzamento de dous novos selos cos que quer potenciar traballos actuais. Deste xeito, Vir será o nome co que Ouvirmos quere desenvolver producións con grupos que pretendan manter o control dos seus proxectos. Por outra banda, Localizados potenciará produtos innovadores no noso panorama musical. Galegoz e Ecléctica Ensemble serán os encargados de abrir cada unha destas firmas.

Máis información no web de Ouvirmos e nos nosos arquivos

Lamatumbá presenta a reedición de "Lume" despois do seu éxito de vendas

Xénero: Miscelánea | 17 / 2 / 2006 + VIDEO

not_7522.jpg

Vender tres milleiros de discos en oito meses nun mercado como o galego é o equivalente a obter un disco de ouro no mercado do conxunto do Estado. Con esta idea como motivo de celebración os ourensáns Lamatumbá presentaron na tenda de discos Gong de Santiago a reedición do seu disco “Lume (para que saia o sol)” arroupados por representantes da discográfica, Falcatruada, e da distribuidora, Discmedi. Os compoñentes do grupo brindaron con licor café polos seus seguidores e amigos que fixeron isto posible. A reedición inclúe a tradución das súas letras a outras linguas do Estado cun ánimo de proxección exterior no que tamén incidirán actuacións previstas en Andalucía, Cataluña e Euskadi. Os membros do grupo congratúlanse de poder amosar fóra que aquí hai outras propostas musicais ademais das xa coñecidas e consolidadas do folk. Outra das noticias que avanzaron nesta presentación foi a inclusión dun novo tema seu no espazo da TVG Xabarín Club. Un vídeo feito ao estilo Lamatumbá aparecerá agora na oferta musical dese contedor televisivo recuperado, un feito que o grupo celebra “como se nos tiveran posto unha medalla”.

Máis información en Vieiros

O Palacio da Ópera da Coruña acolle a gala de homenaxe a Pucho Boedo que gravará a TVG

Xénero: Pop | 31 / 1 / 2006

not_7415.jpg

Vinte anos despois do pasamento do cantante Pucho Boedo a televisión autonómica vai gravar un programa especial de homenaxe ao artista. O palacio da Ópera da Coruña acollerá o vindeiro domingo 5 de febreiro está gala na que participarán artistas como Miguel Ríos, que foi amigo do cantante, Deluxe, Paco Lodeiro, Uxía Senlle e Nancho Novo. Tamén actuarán as orquestras coas que Boedo cantou, Os Satélites e Os Tamara. A gala estará presentada por Xurxo Souto, eterno reivindicador do cantante do Ventorrillo, e Yolanda Vázquez. A entrada será de balde previa recollida da invitación na oficina do Instituto Municipal A Coruña Espectáculos na Praza de Ourense.

Máis informaciónno sitio de Asociación de Veciños do Ventorrillo sobre Pucho Boedo

<< Inicio / Anterior . 1351 a 1360 de 1407 . Seguinte \ Fin >>