Ti estás aquí > Inicio / música en galego
Música en galego
Alberto Conde Trío presentan o seu último disco en concerto en Ourense
Xénero:
| 13 / 6 / 2007A Praza Maior de Ourense acollerá este sábado durante as Festas do Corpus un concerto do trío formado por Alberto Conde, Baldo Martínez e Nirankar Khalsa no que presentarán o seu último traballo discográfico. En “Andaina” (Karonte Jazz) presentan dez temas dos que seis son de composición propia de Alberto conde e catro son versións como o “Teño saudade”, de Andrés Dobarro, “Time remenbered” de Bill Evans e dous arranxos sobre cancións tradicionais galegas. Igual que na gravación do disco, o directo conta tamén, coa colaboración puntual de tres artistas invitados de recoñecido prestixio, o guitarrista flamenco Cuchús Pimentel, o saxofonista Roberto Somoza e a voz de Maite Dono. Con “Andaina” o Alberto Conde Trío fai unha viaxe de ida e volta entre Galicia e Latinoamérica interpretando o fenómeno da emigración desde o jazz.
O programa Alalá da TVG recibirá un galardón da Academia de Televisión
Xénero:
| 7 / 6 / 2007O programa da Televisión de Galicia Alalá, que dirixe Senén Bernárdez e presenta Pilar García Rego, recollerá este sábado en Sevilla o galardón ao mellor programa de Tradición musical outrogado pola Academia das Ciencias e das Artes de Televisión. Alalá naceu como documental musical que se interna nas historias e vidas cotiás da xente que loita para que non se esqueza a sabedoría tradicional. Alalá é un dos programas que a TVG presentou dentro da súa renovación de contidos e supón unha revisión do xeito en que a televisión difunde a tradición musical, encadrando a actuación dun grupo ou artista dentro do seu marco social, laboral ou persoal. A gala de entrega dos premios, que tamén celebra o décimo aniversario da Academia das Ciencias e das Artes de Televisión retransmitirase por todas as canles autonómicas da FORTA.
Máis información na Academia de Televisión
e sobre Alalá na TVG
Reúnense en Bruxelas tres voces galegas femininas de primeira fila no espectáculo “Ida e volta”
Xénero:
| 6 / 6 / 2007As cantantes Guadi Galego, Uxía e a belgo-galega Verónica Codesal estarán acompañadas no escenario do Teatro Molière por Didier Laloy (acordeón), Pascal Chardome (guitarra), Cédric Waterschoot (baixo) e Osvaldo Hernandez (percusión). O trío Ad Cominotto abrirá ás 20 horas a velada na que as tres artistas galegas amosarán o son actual da tradición musical galega. O espectáculo "Ida e volta" esta organizado pola Fundación Muziekpublique coa colaboración da Consellaría de Cultura e a Fundación Galicia-Europa. Está previsto que este espectáculo se repita despois en outros lugares.
Ponse en marcha a Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra
Xénero:
| 6 / 6 / 200743 músicos integran a nova Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra. Segundo o coordinador da proposta, Luís Costa, o 90% dos integrantes son de procedencia galega. A orquestra, segundo Costa, aspira a “integrarse na vida social da cidade e converterse nun referente no panorama simbólico de Galicia”. Trátase dun proxecto financiado pola Deputación de Pontevedra, o Concello e a Xunta de Galicia coa colaboración do Conservatorio de Música de Pontevedra. A Orquestra estará dirixida por Javier Viceiro-Filgueira e dará tres concertos de presentación nestes días. O inaugural será hoxe, mércores, ás 21 h. no Pazo da Cultura de Pontevedra. O sábado 9 será o seguinte, no Auditorio Martín Códax do Conservatorio Superior de Vigo e no Auditorio de Galicia o vindeiro día 12.
Máis información en Galicia Hoxe
Preséntase o disco no que trinta grupos fan versións de temas de Andrés do Barro
Xénero: VIDEO + AUDIO
| 4 / 6 / 2007 +Son tempos de Do Barro. Se onte mesmo a Televisión Galega emitía a gala de homenaxe a Andrés do Barro, mañá chega ás tendas "Manifesto Dobarrista", un CD editado por Falcatruada. Baixo este título unha trintena de grupos galegos presentan cadansúa versión dun éxito deste pioneiro do pop en galego. Entre os participantes neste disco, grupos coma The Homen, Narf, Niño y Pistola Fanny + Alexander ou Projecto Mourente. De xeito paralelo, está xa na rede o web dobarrismo.com, que quer ser un punto de encontro para os admiradores deste artista.
Máis información no web de Falcatruada, en Dobarrismo.com, en Galicia Hoxe; en La Voz de Galicia; trailer do documental O tren que me leva en AVG; o noso tema sobre Do Barro; escoita mostras dalgúns dos temas en Mega
14 promotoras musicais únense para abrir unha canle de diálogo coa Administración
Xénero:
| 1 / 6 / 2007Hoxe presentouse en Santiago de Compostela a AGEM (Asociación Galega de Empresarios Musicais). A asociación, que aínda está en fase de creación, xunta a 14 empresas do sector musical e ten entre os seus obxectivos servir “de interlocutor entre as empresas do sector e as diferentes Administracións” e “crear un panel para intercambiar ideas e experiencias en beneficio do exercicio da profesión da promoción, producción e distribución de concertos musicais”. A asociación está presidida por Lucila Fernández, de Idea Rock e os seus promotores subliñaron que se trata dunha “iniciativa pioneira no sector da música en directo”. Entre os socios atópanse Zouma Records, Nordesía Produccións, Nocturna Producciones e XXL Produccións.
Fía na roca presenta o seu quinto disco co que inicia xira en Alemaña
Xénero: VIDEO + IMAXES + AUDIO
| 1 / 6 / 2007 +“Vente vindo” (Corda Frouxa, 2007) é o nome do novo traballo de Fía Na Roca que o grupo, acompañado polo xornalista da Radio Galega Pepe Carreira, presentaron hoxe no Consello da Cultura Galega. O disco presenta catorce temas nos que a presenza vocal de Sonia Lebedynski adquire un maior protagonismo respecto a anteriores traballos de Fía na roca. A formación presenta tamén algúns cambios coa incorporación de Xabier Olite e Roberto Rama substituíndo a Xabier Bueno e Cris Gándara. Carlos Castro, Giao Rodríguez, Roberto Santamarina e Xosé Ramón Vázquez seguen no grupo. O disco foi gravado en catro días o pasado abril no Estudio SoNNatural, en Angueira de Castro (Rois)e mesturado no Estudio 5 da Radio Galega. O grupo marcha mañá para Alemaña onde iniciará a súa xira en Frankfurt, pasando despois a outras localidades, a Francia e incluíndo tamén Galicia na xira de verán. Xosé Ramón Vázquez salientou a importancia que para a súa proxección tivo a nova axencia que os representa, Abada Xestión Cultural.
Máis información nos nosos arquivos sobre Fía na roca
Comeza o programa de concertos Vai de Camiño organizado polo Xacobeo
Xénero:
| 31 / 5 / 2007Desde o primeiro de xuño e ata finais de setembro case 120 actuacións están programadas nas vilas polas que pasan os oito camiños recoñecidos a Compostela. As localidades de Vilagarcía e Boqueixón acollerán este venres os concertos inaugurais do programa con Berrogüetto e Leilía respectivamente. Haberá concertos nas vilas atravesadas pola Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla, a Vía da Prata, o Camiño Inglés, o Camiño Portugués, o Camiño Primitivo, o Camiño Norte, o Camiño de Fisterra-Muxía e no Camiño Francés. Grupos e artistas de todos os estilos como The Homens, Fía Na Roca, Marful, Siniestro Total, Malvela, Uxía, Sete Saias, Xabier Díaz, Samesugas, Narf ou Mercedes Peón tamén tocarán nalgún dos moitos concertos deste percorrido artístico que inclúe tamén actuacións de maxia e pasarúas nestas máis de cen localidades polas que transcorre.
Máis informacíón no Xacobeo
Edicións do Cumio presenta en Vigo o Método de gaita de Xaquín Xesteira
Xénero:
| 31 / 5 / 2007Edicións do Cumio presenta este venres 1 ás 19 horas Auditorio da Escola de Artes e Oficios de Vigo o libro “Método de Gaita Galega I” escrito polo mestre Xesteira e que inclúe un CD. Mestre de gaita e percusión na Universidade Popular de Vigo e membro fundador do grupo Treixadura Gaiteiros, o cambadés Xaquín Xesteira leva desde neno inserido no mundo da música tradicional. Ademais de tocar en varios concertos con Milladoiro na década dos noventa participou en gravacións cos grupos Na Lúa e Fuxan os ventos e tamén e´fundador da Fundación Sondeseu xunto a Anxo Pintos ou Rodrigo Romaní.
O Festival Novas Músicas de Monforte acollerá un seminario para músicos e educadores
Xénero:
| 31 / 5 / 2007O Seminario de Música Moderna e Improvisación vai dirixido persoas que, posuíndo xa algúns coñecementos musicais, desexen achegarse á musica moderan para ampliar os seus coñecementos e recursos. Neste sentido tanto músicos de calquera especialidade como ensinantes poderán sacar partido desta actividade formativa con vistas a aumentar os seus recursos para a interpretación e a improvisación ou para obter recursos pedagóxicos. Inserido na programación do Festival Novas Músicas de Monforte o seminario terá lugar durante os seis días do festival entre o 21 e 26 de agosto. A coordinación do curso corre ao cargo de Miguel Angel Rodríguez e contará coa participación dos profesores Fernando Llorca, Roberto Somoza, Andy Phillips, Carlos Calviño e Charlie Moreno.
Máis información no Festival Novas Músicas