Ti estás aquí > Inicio / música en galego
Música en galego
Quempallou mesturan o folk con hip-hop no seu terceiro traballo discográfico
Xénero: IMAXES
| 27 / 6 / 2007 +O terceiro disco de Quempallou rompe un silencio relativo da banda, xa que aínda que xa van tres anos desde a gravación de “Estremonías”(2004) o grupo non deixou en ningún momento as actuacións en directo. Na gravación de “Polo aire” (Zouma Records) a banda contou con diversos colaboradores. Unha das propostas musicais máis atípica chega da colaboración co colectivo de hip-hop Dios ke te Crew co que asinan o tema “Ninguén”, nunha mestura á que dan en chamar “hip-folk” con letra de reivindicación social. Os dezaoito temas do disco son, maiormente, composicións propias de Guillerme Ignacio e Roi Maceda e abundan os arranxos de corda grazas á integración de Xulio Abal despois de tres anos dentro da banda. O disco tira dunha estética radiofónica incluíndo cortes con eses son característico da radio e introducións dos locutores Xurxo Souto e Emilio Espadañedo da Radio Galega.
Máis información en La Opinión
A banda folk Kérkennai saca o seu segundo traballo con renovación musical e da formación
Xénero: IMAXES
| 26 / 6 / 2007 +Neste segundo traballo da banda nacida na Limia en 1999 volve a integrarse un dos músicos fundadores, o violinista Felipe Rodicio. A formación que presenta “Nas beiras do Lethes” está integrada por Pepe Quintas, ó baixo e guitarra; Sindo Otero, ás guitarras e voz; Pepa Rodríguez ó clarinete e voz; Felipe Rodicio, ó violín e viola; Juan Seara, á gaita, flautas e voz. O disco presenta dez temas e está editado pola discográfica ourensá Zouma Records, igual que o primeiro disco do grupo “Vía nova” (2003). "Nas Beiras de Lethes" conta coas colaboracións de David González Outumuro na batería e percusións e Sabela Dacal ao acordeón.
Flook, Kroque, Kepa Junkera e Mercedes Peón encabezan o programa do Festival de Ortigueira
Xénero:
| 22 / 6 / 2007Aínda que os grupos galegos terán unha importante presenza no Festival de Ortigueira, as cabezas de cartel serán os anglo-irlandeses Flook, os polacos Kroque e mais o vasco Kepa Junkera. Canda a eles, Mercedes Peón, Milladoiro, Daniel Bellón e Diego Maceiras, Os Zarambeques ou Pepe Vahamonde Grupo compartirán escenario con outras formacións internacionais. O espectáculo "Vacuo", do Centro Coreográfico Galego, tamén estará presente no evento.
Máis información en La Voz de Galicia; e no web do Festival, e nos nosos arquivos
Crema de Gaita presenta o seu primeiro disco no selo VIR de Ouvirmos
Xénero: AUDIO + IMAXES
| 21 / 6 / 2007 +Na mesma semana en que confirmou a súa presenza no Festival de Ortigueira, o grupo vigués Crema de Gaita o seu primeiro disco “TanGalego” (Ouvirmos). Editado no selo VIR, que Ouvirmos reserva para novos creadores, este disco presenta quince temas nos que a formación folk achégase a ritmos latinos e versións de música tradicional, buscando amosar as múltiples posibilidades que ofrece a gaita como instrumento versátil. A formación leva existindo desde 1994 e Ernesto Campos, membro da banda e compositor das pezas ten composto temas para Carlos Núñez, Budiño ou Susana Seivane. O disco conta tamén con colaboracións de outros músicos como Kin García, Marcos Valcárcel, Ioana Pérez e a Banda de Gaitas Xarabal. O CD contén unha pista de datos coas partituras dos temas e un karaoke para voz e gaita.
Gandarío acollerá un campamento onde os nenos elaborarán partituras
Xénero:
| 20 / 6 / 2007A Asociación Cultural Musical Solfa de Fontiñas en Santiago, a Banda da Escola de Música de Rianxo e a Agrupación Músico Cultural de Ribadumia traballan xuntas da man en “Musigalizando”, un curioso campamento de verán onde o protagonista é a música. A actividade está destinada a persoas de entre 8 e 25 anos e a principal actividade será a elaboración de partituras que se interpretarán en dous grandes concertos en Santiago e Pontevedra.
Máis información no web da Xunta
A orquestra folk Sondeseu presenta en Vigo o seu segundo traballo discográfico
Xénero: IMAXES
| 14 / 6 / 2007 +"Trastempo" está producido e editado pola Fundación Sondeseu e ofrece doce pezas interpretadas pola orquestra Sondeseu no seu conxunto, mantendo espazos nos que cada sección convértese en protagonista nalgún momento. “Trastempo”, sae á rúa cunha tirada de 3.500 exemplares para a venda. Xunto con temas tradicionais e arranxos contemporáneos o disco achega dúas pezas orixinais concibidas para a formación e tamén un DVD con actuacións da orquestra en vivo. O disco foi gravado entre xullo de 2006 e marzo de 2007 no estudio Casa de Tolos de Gondomar. A Orquestra Sondeseu é a primeira orquestra de música folk de España, naceu hai seis anos e publicaba no ano 2003 o seu primeiro CD, "Mar de Vigo". O Salón de actos da da escola de Artes e Oficios acolle este venres ás 19 horas a presentación deste novo disco.
A Fundación Seoane xunta a arte electrónica e a música nun festival de verán
Xénero:
| 13 / 6 / 2007Música + arte electrónica= Artec. Esta é a combinación que a Fundación Luís Seoane ten prevista para amenizar as noites dos xoves do verán coruñés. “Un contorno de diálogo onde se dean a man a alta e a baixa cultura” segundo apuntou Juan de la Colina na presentación dun evento que ten a súa orixe nas Block Parties celebradas en 2006.
Máis información en La Voz de Galicia, Galicia Hoxe e no web da Fundación Seoane
Alberto Conde Trío presentan o seu último disco en concerto en Ourense
Xénero:
| 13 / 6 / 2007A Praza Maior de Ourense acollerá este sábado durante as Festas do Corpus un concerto do trío formado por Alberto Conde, Baldo Martínez e Nirankar Khalsa no que presentarán o seu último traballo discográfico. En “Andaina” (Karonte Jazz) presentan dez temas dos que seis son de composición propia de Alberto conde e catro son versións como o “Teño saudade”, de Andrés Dobarro, “Time remenbered” de Bill Evans e dous arranxos sobre cancións tradicionais galegas. Igual que na gravación do disco, o directo conta tamén, coa colaboración puntual de tres artistas invitados de recoñecido prestixio, o guitarrista flamenco Cuchús Pimentel, o saxofonista Roberto Somoza e a voz de Maite Dono. Con “Andaina” o Alberto Conde Trío fai unha viaxe de ida e volta entre Galicia e Latinoamérica interpretando o fenómeno da emigración desde o jazz.
O programa Alalá da TVG recibirá un galardón da Academia de Televisión
Xénero:
| 7 / 6 / 2007O programa da Televisión de Galicia Alalá, que dirixe Senén Bernárdez e presenta Pilar García Rego, recollerá este sábado en Sevilla o galardón ao mellor programa de Tradición musical outrogado pola Academia das Ciencias e das Artes de Televisión. Alalá naceu como documental musical que se interna nas historias e vidas cotiás da xente que loita para que non se esqueza a sabedoría tradicional. Alalá é un dos programas que a TVG presentou dentro da súa renovación de contidos e supón unha revisión do xeito en que a televisión difunde a tradición musical, encadrando a actuación dun grupo ou artista dentro do seu marco social, laboral ou persoal. A gala de entrega dos premios, que tamén celebra o décimo aniversario da Academia das Ciencias e das Artes de Televisión retransmitirase por todas as canles autonómicas da FORTA.
Máis información na Academia de Televisión
e sobre Alalá na TVG
Reúnense en Bruxelas tres voces galegas femininas de primeira fila no espectáculo “Ida e volta”
Xénero:
| 6 / 6 / 2007As cantantes Guadi Galego, Uxía e a belgo-galega Verónica Codesal estarán acompañadas no escenario do Teatro Molière por Didier Laloy (acordeón), Pascal Chardome (guitarra), Cédric Waterschoot (baixo) e Osvaldo Hernandez (percusión). O trío Ad Cominotto abrirá ás 20 horas a velada na que as tres artistas galegas amosarán o son actual da tradición musical galega. O espectáculo "Ida e volta" esta organizado pola Fundación Muziekpublique coa colaboración da Consellaría de Cultura e a Fundación Galicia-Europa. Está previsto que este espectáculo se repita despois en outros lugares.