Ti estás aquí > Inicio / música en galego
Música en galego
O festival Popkomm de Berlín contará cunha ampla representación galega
Xénero: VIDEO
| 19 / 7 / 2007 +Faltriqueira, Berrogüeto e Lamatumbá son os grupos galegos que estarán presentes na décimonovena edición do Popkomm. Unha das citas máis importantes do mundo en materia musical que terá lugar en Berlín do 19 ao 21 de setembro. Grupos, empresas e institucións relacionadas coa música en todo o Estado irán baixo o paraugas da iniciativa “Sounds from Spain”, na que tamén colaborou o Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais.
Máis información no web do Popkomm e sobre a política de promoción de festivais na nosa hemeroteca
A agrupación Os Folerpas gaña o VIII Memorial Ricardo Portela de Pontevedra
Xénero:
| 16 / 7 / 2007En homenaxe a un dos mestres gaiteiros máis afamados celebrouse en Pontevedra a oitava edición do certame que leva o seu nome. No Memorial Ricardo Portela participaron seis agrupacións de música tradicional chegadas de toda Galicia. Na final, celebrada o sábado na Praza da Verdura, a agrupación compostelá Os Folerpas, na que milita Pablo Carpintero, acadou o primeiro premio desta edición. O segundo e terceiro premios foron para Rédea Solta de Pontevedra e Contracocheno de Vigo respectivamente. O premio especial Seivane foi para a agrupación Os Enxebres de Cacheiras mentres que o especial Ricardo Portela á mellor interpretación dunha peza do gaiteiro homenaxeado foi para os Rédea Solta.
Máis información no blog Malmequer
Preséntanse as novidades do concurso Constantino Bellón e o disco coas gravacións da edición do 2006
Xénero:
| 13 / 7 / 2007O presidente do Ateneo Ferrolán, Eliseo Zaera, e o organizador do certame de gaita Constantino Bellón, Víctor Gabeiras, presentaron as novidades da edición 2007 deste consolidado concurso de gaiteiros e o disco dobre que recolle as interpretacións do ano pasado. Un dos compactos leva a gravación en directo das catro pezas que gañaron o concurso de composición e o outro leva as interpretacións do concurso de solistas gañado por Daniel Bellón. O disco ten unha tiraxe de un milleiro de exemplares que se poñerán á venda e se distribuirán por ateneos e centros galegos no exterior. A décimo sétima edición do certame trae como novidade un aumento importante dos premios en metálico grazas ao apoio conseguido por parte da Consellaría de Cultura, a deputación da Coruña e o Concello de Ferrol.
Máis información no Diario de Ferrol
e sobre as bases do XVII Concurso Constantino Bellón
A Xunta gastará ata sesenta mil euros en gaitas para enviar ás organizacións de emigrantes galegos
Xénero:
| 13 / 7 / 2007Ata o venres da semana que ven teñen todos os fabricantes de gaitas para presentar á Xunta as súas ofertas para o subministro de 55 gaitas. O Diario Oficial de Galicia de onte, xoves 13 de xullo, anuncia o concurso público por procedemento aberto e tramitación urxente, para a contratación dunha subministración de 55 gaitas tradicionais galegas pola Secretaría Xeral de Emigración. A adquisición ten un orzamento base de 60.000 euros, o que suporía un máximo de 1.091 euros por gaita e todas deberán entregarse antes do 30 de novembro deste ano.. Segundo informa La Voz de Galicia estes instrumentos están destinados como agasallos ás organizacións de emigrantes galegos no exterior para fomentar entre elas a querenza á nosa música.
Máis información en La Voz de Galicia
O alcalde de Lalín reclama a Cultura que participe no financiamento do Conservatorio Folque
Xénero:
| 12 / 7 / 2007Xosé Crespo, alcalde de Lalín, solicitou onte por segunda vez á Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural a coparticipación da Xunta de Galicia nos gastos de financiamento do Conservatorio Folque da localidade, fundado no ano 2000. Segundo Crespo, "resúltanos cada vez máis complicado manter un centro único en Galicia no ensino da música tradicional galega". A alcaldía solicita da Consellería de Cultura unha achega de 24.000 euros, que corresponderían ao financiamento da metade do custe anual dos docentes.
Máis información en La Voz de Galicia
A convocatoria para A Rede Galega de Música ao Vivo 2008 suprime a selección previa e a distinción en categorías
Xénero:
| 9 / 7 / 2007O prazo de apuntarse á Rede Galega de Música ao Vivo 2008 xa está aberto para as salas e músicos desde o día 5 de xullo ata o 3 de agosto a través da páxina web de Galescena. As bases deste programa do IGAEM destinado a favorecer unha programación de concertos en salas privadas estable e de calidade traen numerosos cambios respecto ao vixente ano. Desaparecen nesta convocatoria dous elementos que suscitaron numerosas controversias anteriormente como foron as dúas categorías nas que se dividía aos artistas e a fase de selección previa por parte dunha comisión designada. A convocatoria do 2008 deixa liberdade para fixar o caché aos artistas, impondo un máximo de 800 euros por actuación e un mínimo de seis concertos para estar na rede, o programa inclúe tamén actuacións no mes de setembro. As salas asumirán o 15 % dos cachés e a recadación que supere a inversión repartirase a partes iguais entre músicos e salas.
Máis información en Galescena
e sobre a RGMV nos nosos arquivos
Ortigueira comeza o seu macro-evento musical agardando máis dun cento de milleiros de asistentes
Xénero:
| 5 / 7 / 2007A partir de hoxe agárdanse en Ortigueira a máis de 100.000 persoas, segundo as cifras estimadas pola organización da vixésimo novena edición do Festival de Ortigueira. A presente edición deste evento que cada ano acada o primeiro posto na lista de citas musicais con máis afluencia de público comeza hoxe cun cartel no que hai sitio para as novas promesas do folk galego e para artistas consagrados tanto do país como internacionais durante os vindeiros catro días. A organización habilitou un espazo na praia de Morouzos para o campamento pudendo acoller máis de 10.000 tendas de campaña. O festival está declarada Festa de Interese Turístico Internacional e conta cun orzamento de 670.000 euros.
Máis información en Festival de Ortigueira
O festival itinerante “As nosas músicas” chega á sexta edición programando máis concertos
Xénero:
| 3 / 7 / 2007Naceu en 2001 co compromiso da Fundación Caixa Galicia de achegar o máis destacado da música galego-portuguesa polo noso país. Agora, seis anos despois “As nosas músicas” medra en número de concertos. En total 41 concellos das catro provincias poderán gozar da música de grupos históricos como Treixadura ou Mercedes Peón, proxectos novidosos e afianzados como Marful ou Lamatumbá, e este ano, como novidade, están os barceloneses “The Unfinished Simpathy”.
Máis información no web da Fundación Caixa Galicia e na nosa hemeroteca
Sumrrá gravará tres noites de directo na Sala NASA para o seu vindeiro disco
Xénero: VIDEO
| 29 / 6 / 2007 +O trío formado por LAR Legido, Xacobe Martínez e Manuel Gutiérrez ofrecerá na Sala NASA de Santiago os vindeiros 4, 5 e 6 de xullo tres noites de música en directo que serán gravadas para dar forma a un novo disco. Contando coa loxística da sala e do estudio Soyuz o trío de jazz gravará así ante público o que será o seu terceiro traballo discográfico despois de “Sumrrá” (Madame Mir, 2003) e “2” (2006) e que ademais neste caso tamén levará a gravación audiovisual para un DVD. A idea da gravación do directo xurdiu despois do concerto ofrecido por Sumrrá en xaneiro pasado na NASA. Sumrrá nace no verán do 2001, como consecuencia dunha serie de contactos dos tres implicados en numerosas “jam sessions”. Sumrrá traballa basicamente sobre composicións orixinais.
Máis información na Sala NASA
Ana Belén Monís gaña o concurso de cantantes “Son de estrelas” da TVG
Xénero:
| 28 / 6 / 2007Cunha cota media de pantalla de 16,8 % e 145.seguidores rematou a primeira edición co concurso de cantantes “Son de estrelas” da TVG. A verinense de 25 anos Belén Monís resultou a gañadora deste certame de voces, impoñéndose no reconto de chamadas á outra finalista, María Chenlo, de Caldas. Na gala final Monís, que leva máis de cinco anos actuando con orquestras, interpretou os temas “Voa alto” e Lela. A resolución do concurso estivo marcada por un empate porcentual moi axustado das dúas finalistas que tivo que resolverse co reconto das chamadas gañando Belén Monís por 3.403 fronte ás 3.363 de María Chenlo. A gañadora gravará un disco e leva ademais un coche e unha viaxe ao Caribe.
Máis información en La Voz de Galicia