Ti estás aquí > Inicio / música en galego
Música en galego
Ophiusa saca ao mercado o seu primeiro disco
Xénero: VIDEO
| 16 / 4 / 2008 +Máis de dúas décadas despois do seu nacemento o grupo compostelán Ophiusa presenta esta semana o que é o seu primeiro disco “Paos” editado baixo o selo independente Leilear. Un concerto no Centro Sociocultural do Ensanche de Santiago este venres 18 de abril marcará o punto de saída do álbum ao mercado. Ophiusa está formado por Ramón Feáns, Paco Nogueiras, Antonio Presedo e Paulo Gacio. O grupo naceu a mediados do ano 1986,e durante case dez anos amosou o seu traballo en escenarios diversos e mesmo realizaron dúas xiras polas Illas Británicas nos anos 1988 e 1990. No ano 1995 o grupo fixo unha paréntese que durou dez anos volvendo a xuntarse a finais do ano 2005 renovándose coas experiencias acumuladas por cada un deles nas diversas bandas e formacións musicais polas que pasaron nestes anos.
O IGAEM saca a revista da Rede Galega de Música ao Vivo
Xénero:
| 10 / 4 / 2008A Rede Galega de Música ao Vivo (RGMV) conta con dúas novas canles para a difusión da súa actividade a través da revista “Ao vivo música” e da web www.musicaovivo.info, que en ambos casos ofrecen información sobre a axenda de concertos mailos grupos que configuran a programación deste circuíto de distribución musical promovido polo IGAEM en colaboración con Clubtura, Asociación Galega de Salas de Música ao Vivo. A revista “Ao vivo música”, de periodicidade semestral, pode descargarse da devandita web e os seus 9.000 exemplares impresos se distribúen de xeito gratuíto nas salas da RGMV. A formación viguesa The Blows ocupa a portada do primeiro número da publicación, dando paso a máis de 30 páxinas nas que aparecen, entre outros contidos, reportaxes e entrevistas.
Ruxe-ruxe reivindícanse como banda de rock and roll con Xigantes
Xénero: AUDIO + VIDEO + IMAXES
| 10 / 4 / 2008 +Unha ducia de cancións enchen “Xigantes”, sexto disco da carreira da banda compostelá, e do que se amosan máis satisfeitos do son conseguido. Acompañado por membros da banda, Jose Patiño da discográfica PAI Música presentou en Santiago o novo disco dos Ruxe-ruxe e reivindicou para eles a categoría clara de banda de rock and roll por riba de outras etiquetas. Segundo o vocalista Vituco Neira “Xigantes” é un disco de rock cun son achegado aos clásicos dos sesenta e setenta que ten “moito respecto pola música tradicional”, da que seguen collendo músicas prestadas. O disco, que inclúe una pista co videoclip da canción “Xigantes”, foi gravado en Casa de Tolos e producido por Segundo Grandío e pola propia banda. Con doce anos de traxectoria os Ruxe-ruxe entenden que gravar un disco entra dentro do proceso normal do seu estilo de vida que consiste na satisfacción de “facer música”. Co disco novo baixo o brazo o grupo iniciará una xira por todo o Estado, o seu primeiro concerto de presentación será ás 22:30 horas deste sábado 12 na Sala Capitol de Santiago onde, cos dez euros da entrada, incluirán o disco.
Mutenrohi xirará co seu sétimo disco por Francia e Reino Unido
Xénero: VIDEO + AUDIO
| 8 / 4 / 2008 +A discográfica ourensá Zouma Records ven de presentar no seu catálogo de novidades o máis recente traballo do grupo Mutenrohi: Sete. Como o seu nome indica este é o sétimo disco da formación cando xa leva trece anos en activo en el presentan 11 novas cancións e dous temas gravados en directo nos que seguen a mesturar a tradición coa modernidade. Na gravación de Sete, nos estudios Desfase Sound, Mutenrohi puido contar coas colaboracións achegadas polo violinista de Wolfstone, Duncan Chisholm, a gaita de Cristina Pato, as voces de Eva Carreras e Laura Moure, a Banda de Gaitas de Cea, a frauta de Diego Fortes e Mcarballo na guitarra. A banda liderada por Xoan Carlos Fasero ten por diante un ano cheo de traballo no que estarán tocando no festival de Lorient, no Festival Celta de Isgneis e iniciarán xira polo Reino Unido. O disco preséntase este xoves, 10 de abril ás 11 horas na Livraría Torga (Rúa Paz) de Ourense.
Emilio Cao gaña o Premio Opinión pola súa traxectoria musical
Xénero:
| 7 / 4 / 2008O músico compostelán Emilio Cao verá recoñecida a súa traxectoria co Premio Opinión a unha Andaina Senlleira na primeira edición desta modalidade dos galardóns da música folk. Tal e como comunica a través do xornal La Opinión Óscar Losada, os trinta anos de carreira musical de Cao e a súa persoal achega ao folk galego convenceron ao xurado conformado polo mesmo Losada, Xosé Manuel Estévez e Xosé Manuel Budiño. Con seis discos editados desde 1977 Emilio Cao leva xa unha década sen presentar novos traballos propios, sendo o último “Simbad en Galicia”.
Luar na Lubre gaña nos Premios da Música e Giselle Grau faise co de Excelencia Musical
Xénero: VIDEO
| 4 / 4 / 2008 +A edición deste ano dos Premios da Música tivo a Luar na Lubre como grande gañador entre os galegos. O grupo fíxose co premio de música tradicional por “Camiños da fin da terra”, co que tamén obtivo o de mellor canción en galego. Pola súa banda, Luz Casal levou o premio á mellor canción con “Soy”. A coincidir con este evento, a Coruña acollía onte a entrega dos Premios á Excelencia Musical que convoca a Fundación Paideia e mais a Consellaría de Educación. Giselle Grau, estudante de piano no Conservatorio Superior de Vigo foi a gañadora do primeiro premio.
Pelo Gato 24 preséntase cun grupo de nenos practicando xogos populares
Xénero: VIDEO + AUDIO
| 3 / 4 / 2008 +Malia que o disco se editou a finais do 2007 será este sábado, día 5 de abril, cando se faga a presentación oficial de “Pelo Gato 24” a partires das 12 horas, na recentemente inaugurada Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago de Compostela (Avda. Xoán XXIII). Impulsado pola Asociación de Gaiteiros Galegos, gravado nos estudios Casa de Tolos e co-editado pola Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural e PAI-Música, "Pelo Gato 24" consta dun libro, un CD de 13 cantigas e un DVD cun documental sobre os xogos tradicionais , un "como se fixo", ademais de varios videoclips e playbacks das cantigas. Baixo a dirección musical de Paulo Nogueira e Magoia Bodega, conta coas importantes colaboracións de Leilía, Fuxan os Ventos, Xabier Díaz, Sonia Lebedynski, Señora Carmen, Xurxo Souto, Pancho Álvarez e Segundo Grandío, entre outros. A presentación dividirase nunha rolda de prensa encabezada polo Director Xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, Pablo Carpintero da Asociación de Gaiteiros Galegos e mailos responsables da dirección musical; e unha segunda parte cunha mostra en directo de varios xogos populares, feita por un grupo de 25 rapaces dirixidos polo colectivo Brinquedia.
O grupo ourensán Coanhadeira gaña o certame de Música Folk Radio Obradoiro
Xénero:
| 17 / 3 / 2008O folk galego tiña unha cita esta fin de semana, coa final do Certame de Música Folk Radio Obradoiro. Un evento que gañou o grupo ourensá Coanhadeira despois de interpretar “Muiñeira de Antela”, “O fiadeiro” e “Serán en Liñares” e que lle permitirá gravar o seu primeiro CD. Na gala tamén se presentou “Aliaxe”, o traballo de Pradoiro, o grupo gañador da anterior edición.
O Cuarteto Caramuxo de Salvaterra gaña o certame Festival Folk Cancioneiros
Xénero:
| 14 / 3 / 2008A orixinal proposta dun cuarteto formado por seis músicos alzouse con premio do Festival Folk Cancioneiros convocado pola Fundación Barrié de la Maza. O Cuarteto Caramuxo de Salvaterra do Miño, integrado por catro clarinetistas, acordeón e percusión, acadou a unanimidade do xurado, que valorou a súa orixinalidade, a coidada posta en escena e a calidade do tratamento dos temas procedentes do Cancionero Gallego e do Cancionero Musical de Galicia, editados pola Fundación Barrié. Os gañadores recibirán un premio de 6.011 euros, a gravación dun disco e a participación no concerto que ofrecerá a Fundación Barrié o vindeiro 17 de maio no auditorio de Palexco, compartindo escenario con Milladoiro. O xurado tamén propuxo á Fundación Barrié facer unha mención especial, pola calidade dás súas propostas musicais, das formacións finalistas Covalblú, Jacobo de Miguel & Pedro Lamas e Quenda Folk.
Uxía Senlle presenta en concerto o seu novo disco en Compostela
Xénero:
| 14 / 3 / 2008Con “Eterno navegar” Uxía Senlle, máis coñecida só por Uxía, presentou o seu quinto disco en solitario esta semana aos medios e mañá fará o propio ao público en xeral. Composicións de letra e música propias mestúranse con interpretacións sobre poemas de Celso Emilio ou Curros Enríquez. No seu espectáculo estarán presentes, de igual xeito que no disco, a poesía, a fotografía e outras linguaxes de expresión artística. O álbum gravouse en Sintra (Portugal) e para el contou con diversas colaboracións como a de Paulo Borges, Ugía Pedreira, Guadi Galego, Quim Farinha, Anxo Pintos, Manecas Costa, Filipa Pais e Rui Veloso entre outros. Durante a actuación deste fin de semana no Ciclo Sons da Diversidade de Compostela, Uxía estará acompañada por algúns destes colaboradores. En “Eterno Navegar” a voz de Uxía percorre camiños de sonoridades atlánticas e ritmos africanos, partindo da tradición e das atmosferas da súa orixe. O disco está editado pola discográfica francesa Harmonía Mundi.