Ti estás aquí > Inicio / DISCO / Pelo Gato 24 preséntase cun grupo de nenos practicando xogos populares
Pelo Gato 24 preséntase cun grupo de nenos practicando xogos populares
abril 3, 2008
Malia que o disco se editou a finais do 2007 será este sábado, día 5 de abril, cando se faga a presentación oficial de “Pelo Gato 24” a partires das 12 horas, na recentemente inaugurada Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago de Compostela (Avda. Xoán XXIII). Impulsado pola Asociación de Gaiteiros Galegos, gravado nos estudios Casa de Tolos e co-editado pola Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural e PAI-Música, "Pelo Gato 24" consta dun libro, un CD de 13 cantigas e un DVD cun documental sobre os xogos tradicionais , un "como se fixo", ademais de varios videoclips e playbacks das cantigas. Baixo a dirección musical de Paulo Nogueira e Magoia Bodega, conta coas importantes colaboracións de Leilía, Fuxan os Ventos, Xabier Díaz, Sonia Lebedynski, Señora Carmen, Xurxo Souto, Pancho Álvarez e Segundo Grandío, entre outros. A presentación dividirase nunha rolda de prensa encabezada polo Director Xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, Pablo Carpintero da Asociación de Gaiteiros Galegos e mailos responsables da dirección musical; e unha segunda parte cunha mostra en directo de varios xogos populares, feita por un grupo de 25 rapaces dirixidos polo colectivo Brinquedia.