Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

A Asociación de Compositores edita tres cadernos de obras orixinais para cámara

Xénero: Clásica/Lírica | 18 / 6 / 2024

imaxe non dispoñible

No ano 2012 a Asociación Galega de Compositores abriu estre os seus asociados unha convocatoria para a edición de partituras inéditas de música para grupos de cámara. Os obxectivos eran acadar maio proxección en Galicia a este tipo de agrupacións e fornecer o corpus musical con novas obras orixinais e inéditas. Tres anos despois a AGC ven de presentar o froito desa iniciativa plasmado en tres volumes que se dividen segundo o número de instrumentos de vento e/ou percusión para os que están escritas: Dúos e Trios; Cuartetos; Quintetos.

Medalla Castelao para as pandeireteiras Leilía

Xénero: Folk | 18 / 6 / 2024

imaxe non dispoñible

O Consello da Xunta aprobou onte a concesión das Medallas Castelao da comunidade deste ano. Entre os cinco nomes que recibirán esta distinción está o da formación Leilía, que o pasado ano anunciou o fín da súa actividade artística tras 34 anos sobre os escenarios. No anuncio, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou a característica de "pioneiras" do conxunto de pandeireteiras na promoción do folclore galego e o feito de que "abriron camiño a moitos que artistas e agrupacións que viñeron detrás". A Medalla Castelao é unha condecoración de carácter civil outorgada pola Xunta de Galicia ás personalidades e institucións que destacan polo seu traballo no eido artístico, literario, deportivo, económico ou intelectual. A gala de entrega celebrarase o vindeiro 28 de xuño, coincidindo co aniversario da aprobación do plebiscito do primeiro Estatuto de Autonomía de Galicia e do regreso a Galicia dos restos mortais de Castelao. Xunto a Leilía imporáselles outras medallas a o deportista Borja Golán, o empresario Amancio López Seijas, a activista Maite Isla e a Asociación de Médicos Galegos (Asomega). A formación musical conformada por Ana Rodríguez, Rosario Rodríguez, Montse Rivera, Felisa Segade, Patricia Segade e Mercedes Rodríguez recibiu o pasado ano o Premio Opinión Andaina Senlleira á súa traxectoria de 34 anos e cinco discos.

O Ciclo Coa Nosa Voz reúne a catro representantes da canción de autora

Xénero: Cantautor | 22 / 5 / 2024

imaxe non dispoñible

O domingo 2 de xuño, e xa cun confirmado cheo total, Guadi Galego abrirá o ciclo Coa Nosa Voz, que cada domingo do mes levará ao Teatro Colón da Coruña a unha artista representativa da 'canción de autora'. A área de cultura da Deputación promove este ciclo que acollerá as actuacións de Guadi Galego, Antía Muiño, Uxía e Ugía Pedreira. As entradas poderán retirarse de balde, na páxina web de ataquilla.com.

Sondeseu presenta este venres o seu novo espectáculo 'Entreterras'

Xénero: Folk | 20 / 5 / 2024

imaxe non dispoñible

Un fío sonoro para tecer un "meridiano invisible" entre Galicia, Portugal e Canarias a través das músicas de raíz é o concepto do nace "Entreterras", o novo proxecto escénico da Orquestra Folk de Galicia Sondeseu, no que se acompaña de tres artistas comprometidos respecto ás músicas tradicionais dos seus territorios: a galega SÉS, o portugués Daniel Pereira e o canario Hirari Afonso. Compartindo con eles os escenarios estará o medio cento de músicos que conforman o corazón dunha orquestra única en Galicia que, baixo a dirección de Xaquín Xesteira, conta con nove seccións instrumentais: arpa céltica, buzuqui, canto, contrabaixo gaita, percusión, requintas, violín e zanfona. "Entreterras" estrearase este vindeiro venres, 24 de maio, no Teatro Afundación de Vigo e poderá verse despois o domingo 2 de xuño no Pazo da Cultura de Narón.

Xosé Lois Romero publica a BSO de 'Manuela Rey is in da house'

Xénero: BSO | 16 / 5 / 2024

Portada - A mulher lyrio.jpg

O músico Xosé Lois Romero participaba recentemente sobre as táboas como un integrante máis do elenco da obra teatral 'Manuela Rey is in da house', un espectáculo creado en coprodución polo Centro Dramático Galego, o Teatro Nacional Dona Maria II, o Teatro Nacional São João, e o Teatro do Noroeste –Centro Dramático De Viana. Ademais diso o artista foi o compositor de oito pezas orixinais que conforman a banda sonora do espectáculo, algunha das cales se interpretan en directo durante o mesmo e que agora son publicadas de xeito conxunto.

Os do Fondo da Barra publican o seu primeiro disco "BâNZô"

Xénero: Folk | 7 / 5 / 2024

imaxe non dispoñible

Vencellados como cantareiros da Asociación Cultural Xacarandaina desde a súa creación, en 1993, Os do Fondo da Barra, dirixidos por Quique Peón divulgan a música tradicional galega cantada por homes, como herdeiros dos antigos orfeóns galegos de homes do mar e a terra . Tras todos estes anos levando a súa música en directo polos escenarios, xa fose acompañando ao grupo de baile como en solitario, Os do Fondo da Barra veñen de deixar rexistrado o seu primeiro disco "BâNZô" (Maré), que presentarán no Teatro Colón da Coruña o vindeiro 30 maio, xoves, pechando o ciclo Folk do recinto. Quince homes compoñen esta formación que ofrece cantos de taberna, cantos mariñeiros e cantos de acompañamento ao baile do repertorio tradicional. En "BâNZô", que xa está dispoñible en plataformas dixitais, presentan once destes temas populares dándolles un tratamento folk actual achegado ás novas correntes utilizando distintos instrumentos de percusión de man e outros como acordeón, gaita, saxofón, tamboril ou bombo con pratos turcos. Estes son temas recollidos por todo o territorio galego, coa pretensión de representar os cantares masculinos da arte inmaterial de Galicia. O espectáculo, dirixido artisticamente por Peón, pretende dar unha visión escénica contemporánea da cultura tradicional.

Emilio Cao, galardón honorífico nos Premios Martín Códax da Música 2024

Xénero: Folk | 6 / 5 / 2024

imaxe non dispoñible

O arpista Emilio Cao (Santiago de Compostela, 1953) recibirá o vindeiro 15 de maio en Pontevedra o galardón honorífico dos 11º Premios Martín Códax da Música. Recoñecido por recuperar a arpa celta para a música galega, instrumento esquecido desde o medievo, ao que se enfrontou de maneira autodidacta, Emilio Cao é unha das figuras da música do noso país que concitan un recoñecemento unánime desde que comezou a súa carreira musical nos primeiros anos setenta. Músicas ao Vivo (MAV), entidade promotora dos Premios Martín Códax da Música, quere render homenaxe a un artista pioneiro sen o que entenden que sería difícil entender o devir da música galega nas últimas décadas.

Grampoder dá a coñecer o seu Amuleto

Xénero: Indie | 29 / 4 / 2024

amuleto_grampoder.jpg

Once anos despois da súa presentación, o dúo Grampoder, composto polos antigos membros de The Homens LeRoi e MartinWu, presenta neste 2024 o seu cuarto álbum. Os dez temas de Amuleto afondan na vaga de rock escuro con influencias indies do seu anterior traballo.

DEVALO refresca o pop co seu terceiro disco

Xénero: Pop | 26 / 4 / 2024

devalo_azul.jpg

DEVALO, ou o que é o mesmo David Miranda, ven de sacar un novo traballo longo, o terceiro do seu percorrido, "Azul vindeiro” (Ferror Records, 2024). A súa proposta de pop sen complexos, refresca o xénero sen renunciar a influencias e colocando o seu son no marco do indie de finais do século XX e principios do XXI, pero non por iso soando antigo, senón ao contrario como unha renovación enerxética e unha evolución natural por un camiño que xa non son moitos artistas os que o percorren sen complexos e acadando un produto de total actualidade. Na parte da composición e a gravación o artista admite unha intención de espir as cancións, en comparación cos anteriores discos nos que o son estaba composto a base de capas de arranxos superpostos de guitarras, sintetizadores e voces. Neste caso "Azul vindeiro" conta segundo Miranda cunha menor superposición de elementos: "A miúdo aparecen varias melodías levadas por distintos instrumentos que dialogan entre si, mais deixándose espazo en vez de formar capas de son.

Os músicos galegos recollen cinco galardóns nos Premios da Música Independente estatais

Xénero: Miscelánea | 18 / 4 / 2024

imaxe non dispoñible

Os Premios MIN da industria da música independente española chegaron a pasada noite ao remate da súa XVIª edición en Zaragoza e amosan, unha vez máis, o bo estado de calidade da escena musical galega actual e dos músicos xurdidos dela. O proxecto Baiuca do catoirán Alejandro Guillén foi o protagonista da noite grazas ao seu EP conxunto realizado coa artista de Elx (Valencia) Alba Reche. A súa colaboración de título 'Diamante / La mare' (Raso estudio), que fusiona electrónica e folclore galego fíxose cos premios 'Radio 3 á Canción do ano', 'Premio SAE Spain á Mellor Produción Musical' e o de 'Mellor Gravación Electrónica', un premio este derradeiro que Baiuca xa acadou no ano 2022 nos Premios Min grazas ao seu traballo 'Embruxo' (Raso estudio).

<< Inicio / Anterior . 11 a 20 de 1395 . Seguinte \ Fin >>