Medalla Castelao para as pandeireteiras Leilía
xuño 18, 2024
O Consello da Xunta aprobou onte a concesión das Medallas Castelao da comunidade deste ano. Entre os cinco nomes que recibirán esta distinción está o da formación Leilía, que o pasado ano anunciou o fín da súa actividade artística tras 34 anos sobre os escenarios. No anuncio, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou a característica de "pioneiras" do conxunto de pandeireteiras na promoción do folclore galego e o feito de que "abriron camiño a moitos que artistas e agrupacións que viñeron detrás". A Medalla Castelao é unha condecoración de carácter civil outorgada pola Xunta de Galicia ás personalidades e institucións que destacan polo seu traballo no eido artístico, literario, deportivo, económico ou intelectual. A gala de entrega celebrarase o vindeiro 28 de xuño, coincidindo co aniversario da aprobación do plebiscito do primeiro Estatuto de Autonomía de Galicia e do regreso a Galicia dos restos mortais de Castelao. Xunto a Leilía imporáselles outras medallas a o deportista Borja Golán, o empresario Amancio López Seijas, a activista Maite Isla e a Asociación de Médicos Galegos (Asomega). A formación musical conformada por Ana Rodríguez, Rosario Rodríguez, Montse Rivera, Felisa Segade, Patricia Segade e Mercedes Rodríguez recibiu o pasado ano o Premio Opinión Andaina Senlleira á súa traxectoria de 34 anos e cinco discos.