lg3
inicio» lg3»  criticas» Poesía 

CRÍTICAS SOBRE Poesía / 47

SOBRE O LIBRO "CóLERA"
Un trebón de palabras compromiso
Este novo poemario de María Xosé Queizán tenta recuperar a memoria da resistencia contra o franquismo, desde mediados dos 60 a mediados dos 70. Máis alá da evocación dun tempo, Cólera supón a recreación dun ambiente e mesmo dun discurso, segundo testemuña a recuperación dalgún dos clixés máis emblemáticos da poesía social e panfletaria. É por iso polo que o libro, escrito desde a paixón antes que desde o documentalismo, ocupa un espazo senlleiro na literatura da memoria aparecida nos últimos tempos.


SOBRE O LIBRO "DERRADEIRAS CONVERSAS CO CAPITáN KRAFT"
Poesía e revolución
Esta obra aborda o texto poético como ferramenta de demolición da usura, como conflito sen resolver, como sinal de posta en marcha. Un libro construído sobre sólidos presupostos ideolóxicos e estéticos, que ofrece visións violentas e radicais do mundo contemporáneo. A opera prima da escritora desafía desde estas coordenadas a estabilidade da poesía galega actual, achegando unha notábel e sempre agardada novidade.


SOBRE O LIBRO "FACER MERZBAU NON OU POSIBLE?"
Esta manía da linguaxe
Primeira proposta editorial de “non ou edicións”, un proxecto alternativo de edición de experiencias. Este poemario defínese como unha deriva en directo coa música de Madame Cell e de dous homes (Estevo e David Creus) dentro dun libro+dvd+autocolantes. Unha proposta singular e de liberdade en canto a contidos e soportes.


SOBRE O LIBRO "CASA PECHADA"
A fraga da memoria
Con este seu primeiro poemario en galego a autora conseguiu o premio Esquío en 2006. A autora fai neste libro un axuste de contas, coa propia lingua e coa propia historia. Na súa evocación de infancia Luz Pichel esquiva a visión bucólica e amosa unha viaxe de partida e de regreso á orixe, non sempre arcádica.


SOBRE O LIBRO "OS HEMISFERIOS"
Co(a)s poetas nunca se sabe
Esta nova exploración poética de María do Cebreiro ilumina con acerto recantos dunha realidade complexa, por veces paradoxal e cambiante, empregando como código unha linguaxe observada con desconfianza, como tamén o semellan estar no libro os mecanismos implicados na nosa interpretación do mundo.


SOBRE O LIBRO "ÉXODO"
Tirar áncoras da lingua
A consolidación dunha voz orixinal que constrúe un discurso no que os contidos sociais teñen un especial protagonismo. A esta consolidación contribúe ademais a concepción singular do libro.


SOBRE O LIBRO "CONTATRáS"
3... 2... 1... 0... Para todos os públicos!
Historias con poesía ou poesías con historia, este volume da conta contos Paula Carballeira busca un lugar no andel da casas, nas que hai rapaces... e nas que non.


SOBRE O LIBRO "PAPAGAIO"
A inservíbel dignidade da ruína
Acompañando ás imaxes de Maribel Longueira, artéllase unha historia poética sobre o derrubamento do barrio coruñés do Papagaio e da vida cotiá das prostitutas que nel desempeñaban o seu oficio.


SOBRE O LIBRO "POETíZATE"
Palabras para mastigar
De Rosalía de Castro ás poetas novas, Fran Alonso propón unha viaxe polos poemas máis próximos, divertidos e desenfadados da poesía galega. Poetízate é un libro pensado para as persoas que non están afeitas a ler poesía, unha iniciativa intelixente que aposta por inserir a poesía no ámbito do lúdico e como alternativa de ocio por riba de outras posicións máis académicas.


SOBRE O LIBRO "MANEIRAS DE QUERER"
(re)Ler A Vicente Araguas
A voz de Vicente Araguas presenta unha singularidade que volve incómodo calquera intento de clasificación. Este volume que reúne toda a poesía publicada polo autor e algúns inéditos, ha ter un lugar de seu nas bibliotecas de estudosos e especialistas na poesía galega. Mais, por outro lado ha permitir tamén o descubrimento e a (re)lectura dalgúns textos que, pola súa deficiente distribución, ou por outras razóns, non chegaron ao lector de poesía.


SOBRE O LIBRO "ESCURA E TRANSPARENTE"
Sintaxe de sombras
É este un libro de poesía para ler, para mergullarse nun universo verbal construído con man artesá. Mais tamén é un caderno de artista e un libro para ter entre as mans, para pasar as follas e experimentar un pracer que vai máis alá do propio texto. A súa aparencia trae á memoria os mellores froitos da edición artesanal.


SOBRE O LIBRO "CASA DE ORFAS"
Alicias e sereas
É certamente Emma Pedreira (A Coruña, 1978) autora dunha obra extensa e complexa no que á poesía se refire, formada polos títulos Diario bautismal dunha anarquista morta (1999), Grimorio (2000), Corpo (2001), As posturas do día (2001), Velenarias (2001) e Os cadernos d’amor e os velenos (2002). A fortuna sorriulle especialmente á escritora, pois os máis destes libros foron merecedores de premios literarios ou accésits, como tamén o foi o ata o de agora derradeiro, Casa de orfas, do Fiz Vergara Vilariño na súa quinta edición.


SOBRE O LIBRO "POESíA GALEGA COMPLETA E TEXTOS EN PROSA"
Unha sede de orballo
Un abondoso conxunto de composicións dispersas e inéditas deste autor que responde ás esixencias do estudoso da literatura galega como ás do consumidor de poesía. Este volume ofrece ao estudoso a recuperación dunha voz esquecida, contextualizada e cunha completa información engadida. Ao lector sedento de poesía ofreceralle o descubrimento dunha voz transparente, brillante e húmida coma o orballo da mañá, conclúe María Xesus Nogueira na súa crítica.


SOBRE O LIBRO "É"
O xogantín das palabras
Un libro no que a linguaxe aproveita todo o seu potencial sonoro e a poesía se contaxia do xogo para intensificar a súa capacidade de chegar ao lector ou lectora. O escritor propón unha lectura atenta, cómplice e mesmo desprexuizada, capaz de arrincar emoción, reflexións e case sempre un sorriso.


SOBRE O LIBRO "GLOSARIOS"
Orixinalidade e risco
Segundo volume poético de Xavier Queipo, este libro recolle algúns materiais frecuentes na obra do escritor, como son a representación de universos exóticos, os escenarios mariños ou a presenza do mundo da ciencia. É este un libro heteroxéneo e claramente experimentador, un poemario cosmopolita e complexo no que nalgún momento semellan loitar, nun difícil equilibrio, a voz do poeta e a voz do científico, pero que en todo caso ven a renovar os códigos do discurso poético.


SOBRE O LIBRO "ERA NA SELVA DE ESM"
Adentrarse na selva de Ferrín
Medio século de escrita poética e espallada de Xosé Luis Méndez Ferrín encontran agora edición conxunta neste volume. Un libro heteroxéneo que responde á vontade de compilación da obra dispersa do autor, algunha dela de difícil acceso para o lector común. Agasallo prezado para o seguidor da poesía ferriniana e complemento necesario para o seu estudoso, é tamén un suxerinte punto de partida para quen queira achegarse aos universos poéticos do autor ourensán.


SOBRE O LIBRO "CHARENTON"
Escribir despois de m-Talá
Unha obra que inventa o que non coincide, que concibe o poema como unha máquina lingüística de liberdade. Un libro de gran fluidez verbal, no que a multiplicación de voces pode chegar a desconcertar o lector que se resista a deixarse levar polas torrentes do texto. “Charenton” desconcerta, envolve e lanza aos ollos de quen le afirmacións dunha contundencia (poética, política e verbal) extrema: augas que arrastran o lector.


SOBRE O LIBRO "FUTURO: BOLSA DE MAREO 2004"
Para iconoclastas e nostálxicos?
Nun formato deliberadamente distinto e provocador preséntanse este produto poético con dous opúsculos no interior dunha bolsa de mareo de avión. A obra colectiva da Corporación Semiótica Galega ten escasa difusión pero a súa proposta vangardista e rompedora non deixa de ser interesante no panorama poético actual. Para a corporación é fundamental o carácter lúdico da creación poética. Para isto válense de signos diversos e de códigos propios da poesía visual.


SOBRE O LIBRO "MIRADAS AUSENCIAS"
Miradas de esguello
Gañador con esta obra do Premio de Poesía Prados Ledesma 2004, Fernando Rodríguez Gómez ofrécenos unha visión sorprendente da realidade, ocúpase de escenas cotiás e problemáticas sociais usando da ironía, o paradoxo, o contraste e a desautomatización. Poemas escritos cunha voz realista e solidaria co ser humano que provocan a sorpresa, a reflexión ou o sorriso, as máis das veces amargo. María Xesús Nogueira encontra neste libro unha boa dose de audacia e unha mirada de esguello cara a liñas canonizadas da tradición lírica galega.


SOBRE O LIBRO "DERROTAS"
Manual de instrucións
Esta obra que obtivo no ano 2002 o VI Premio de Poesía do Concello de Carral contén, a xuízo de María Xesús Nogueira, os trazos característicos de Eduardo Estévez: sinxeleza, economía de recursos, brevidade, e unha recreación de estampas que convidan á reflexión. A obra consegue a creación dunha atmosfera que convida á ficción, sen que faga sospeitar do traballoso equilibrio que o libro consegue entre o goce da poesía e a lectura consciente.


CRÍTICAS POR XÉNERO


Acerca de Lg3
Que é LG3
Créditos
Correo
culturagalega.org | RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.gal
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.gal