Gañador con esta obra do Premio de Poesía Prados Ledesma 2004, Fernando Rodríguez Gómez ofrécenos unha visión sorprendente da realidade, ocúpase de escenas cotiás e problemáticas sociais usando da ironía, o paradoxo, o contraste e a desautomatización. Poemas escritos cunha voz realista e solidaria co ser humano que provocan a sorpresa, a reflexión ou o sorriso, as máis das veces amargo. María Xesús Nogueira encontra neste libro unha boa dose de audacia e unha mirada de esguello cara a liñas canonizadas da tradición lírica galega.
7 / 12 / 2004
María Xesús Nogueira.Lugo
“Miradas ausencias. Poemas” é a segunda obra de Fernando Rodríguez (Pontecesures, 1966). O autor publicara con anterioridade “A mala idea” na editora lisboeta Tema, o que restrinxiu probabelmente o seu coñecemento entre nós. Esta nova creación vén avalada polo Premio Prados Ledesma, convocado polo Concello de Viveiro, e por unha breve nota limiar na que Antón Fortes vincula os textos coa tradición epigramática.
Unha primeira ollada ao libro revela efectivamente a escolla de fórmulas compositivas breves que, xunto cuns títulos construídos a partir de expresións lexicalizadas na linguaxe cotiá, lembran ao lector a necesidade de cooperación interpretativa.
O poemario reúne un conxunto de textos de pequena extensión próximos a fórmulas como o epigrama, o aforismo ou o haiku, creados as máis das veces mediante a ironía e a desautomatización, tal como anuncia a primeira das composicións:
Currículum vitae
Ramiro Luna, fillo de solteira.
As miradas –en ocasións profundas– de Fernando Rodríguez reparan nunha boa parte dos textos en temas sociais, como a miseria, a guerra, a explotación ou a violencia, o que conleva unha crítica máis ou menos encuberta do sistema. Os protagonistas destas composicións pertencen a miúdo a sectores marxinais da sociedade: os nenos, os anciáns, as mulleres “que non presumen as marcas” ou os indixentes. Esta voz realista e solidaria co ser humano aborda, case sempre con acritude, temas de actualidade, amosando a inxustiza e o infortunio.
Outras veces os poemas contemplan con escepticismo as relacións humanas, especialmente o amor, tal como anticipan os títulos “Mala xogada”, “Conxunto baleiro” ou “Parella de desfeito”.
Mais as miradas do autor diríxense tamén cara a aspectos máis intanxíbeis da realidade nun intento por definilos mediante verdadeiros fogonazos líricos que procuran o estrañamento do lector: “Infinito // Debaixo da xente que está abaixo de todo // hai máis xente”. Con esta actitude abórdase tamén o propio texto poético nunha liña que se pretende deliberadamente antirretórica:
Un poema.
Un río sen meandros,
unha recta entre dous puntos
e punto.
Nalgúns poemas, os menos, as miradas de Fernando Rodríguez vólvense cara á propia interioridade para crearen textos intimistas que escriben presenzas, ausencias e miradas esperanzadas cara ao horizonte: “Imaxino / o ceo feito de azulexos, alicatados de tal maneira / que parece ofrecerme outro camiño”.
Unha fórmula particular
O autor desenvolve, polo tanto, neste libro unha fórmula particular baseada na brevidade e nunha serie de recursos como a ironía, o paradoxo, o contraste e, sobre todo, a desautomatización de títulos e sintagmas que, como se dixo, deriva nun contraste entre os horizontes de expectativas creados no lector e o texto que introduce, e provoca a sorpresa, a reflexión ou o sorriso, as máis das veces amargo:
Linguas mortas
El é italiano, de Roma,
ela, natural dun pequeno pobo de Grecia.
Logo de quince anos de matrimonio
bícanse sen paixón.
Mediante unha aparente simplicidade e unha boa dose de audacia, Fernando Rodríguez consegue esquivar perigos como a trivialidade ou o baleiro, que poden ameazar a apostas como a súa, e, sobre todo, logra manter viva a atención de quen le.
Tan só os dous últimos poemas, de maior extensión, semellan saír do molde creado polo autor. Trátase de dúas miradas no espello dun escritor que, nunha enumeración de desexos, proxéctase en identidades diversas entre as que figura a de “trobador de brocha gorda, cando menos”. Talvez sexa esta afirmación un último intento de marcar as diferenzas da súa poética, que comparte con algunhas voces da poesía actual unha mirada de esguello cara a certas liñas canonizadas da tradición lírica galega.