lg3
inicio» lg3»  criticas» Infantil-Xuvenil 

CRÍTICAS SOBRE Infantil-Xuvenil / 48

SOBRE O LIBRO "A ILLA DE TODAS AS ILLAS"
Un libro dendrítico, por Xavier Queipo
O escritor Xavier Queipo, desde o seu coñecido vencello coa literatura do mar e de aventuras, comenta este libro co que Xabier P. Docampo quixo render tributo con esta historia a todos aqueles fermosos libros de aventuras cuxas historias sucedían nunha illa deserta ou aparentemente inhabitada, obras que mantiveron, como di no epílogo, «o meu corazón alterado, as miñas emocións abrollando coma fontes da alma e moitas horas entregadas á lectura cando llelas tiña prometidas ao sono ou ao estudo».


SOBRE O LIBRO "EU, PEL"
Distopía en clave de conto
O primoxénito da familia Semper-Vanien, tras nacer cun misterioso mal, centra a súa existencia na experimentación para dar cunha cura que anule a súa diferenza. Así, deseña un mundo á súa medida que esvaeza a súa condición de “monstro” rexeitado. Unha novela ambiciosa que pon en pé todo un mundo a partir de claves coñecidas ben interiorizadas e que mantén o interese e a tensión na lectura mesturando ingredientes da estirpe do gótico, o fantástico e o terror.


SOBRE O LIBRO "A FILLA DO LADRóN DE BICICLETAS"
Pouso teatral
Obra gañadora do XXV Premio Merlín de Literatura Infantil no ano 2010 coa que a autora debuta como narradora. Por dura que poida parecer a trama, o relato desdramatiza todos os elementos negativos utilizando o humor nos contrastes continuos e, sobre todo, nas escenas que poñen en práctica gran cantidade de técnicas de filiación teatral. O humor situacional artella moitos dos momentos máis gratificantes desta historia.


SOBRE O LIBRO "A FAMILIA C"
“C” de complicidade
A familia C (C de circo?) é unha familia que adora o ambiente circense e ese amor pola fantasía, o xogo de irreal-realidade, é o que permite que a rutina dos seus días se impregne de ilusión. Unha proposta refrescante para se enfrontar ao día a día con outros ollos nestes tempos grises, que invita á descuberta dos múltiples segredos que agocha a rutina.


SOBRE O LIBRO "O PINTOR DO SOMBREIRO DE MALVAS"
Lenzo de palabras
A novela é un lenzo, un cadro en que os acontecementos suceden paseniño, mais que cando o fan, deixan marcas ben profundas. O texto amósanos a vida de Vincent Van Gogh en Auvers-sur-Oise, relatada a través do ollar dun mozo parisino que chega á pequena vila para reconducir o seu camiño. Quen se achegue a estas páxinas, mozo ou non, deberá deterse a observar unha lectura que nos pinta os ollos de emocións e que nos lembra, maxistralmente, os últimos dous meses de vida do pintor holandés.


SOBRE O LIBRO "DIóXENES"
Excesos: Dióxenes
Esta obra gañadora do Premio Lazarillo 2008 é unha micronovela exenta de pedagoxía e boas intencións, feita de anaquiños que se entrelazan e se mesturan entre humor absurdo e afecto. Un libro especial, deses que conmoven e sorprenden e axiña entran no círculo das recomendacións.


SOBRE O LIBRO "PODEROSA 2"
Escribir para transformar, escribir para atoparse
Neste segundo título da serie, Sérgio Klein adéntrase no complexo mundo da adolescencia e nos embarca na aventura de descubrilo. Un diario protagonizado por unha rapaza que tiña o mundo na man. Unha novela para todos os lectores e lectoras que cren no poder transformador das palabras e que consegue sorprendelos a cada paso explicando así o éxito acadado xa en Brasil, Arxentina e México.


SOBRE O LIBRO "O BRINDO DE OURO II"
Reinventar un subxénero e un espazo
A Táboa da Hospitalidade é a segunda entrega da serie O Brindo de Ouro, iniciada con A chamada do Brindo. Que se entusiasmou con aquelas aventuras reciben agora, algúns anos despois, o seguinte chanzo desta prometida triloxía. A saída do prelo da segunda aventura de Selmo, o Garduián do Brindo, é unha boa nova para a literatura xuvenil e unha oportunidade para que o público mozo de hogano se achegue a esta fascinante recreación do espazo courelá e dos seus símbolos literarios máis comúns.


SOBRE O LIBRO "OLGA E O DINOSAURIO"
Un dinosauro no armario
Unha aposta literaria para quen gosta das lecturas dinosáuricas e divertidas. Un relato áxil, sinxelo e lúdico moi recomendable, ateigado de claves literarias que remiten a outros textos e, sobre todo, que divirte e garante sorrisos e mesmo gargalladas nalgunhas pasaxes, se cadra tamén accesible para lectores e lectoras de menor idade dos que recomenda a editorial.


SOBRE O LIBRO "MIL COUSAS PODEN PASAR - LIBRO I"
Contador de fantasías
A obra de Jacobo Fernández Serrano, gañadora do Premio Merlín de literatura infantil 2009, vainos levando ao encontro dunha serie de personaxes insólitos e á sucesión de situacións imaxinativas e disparatadas na cidade de Nil, onde todo é posible, onde o surrealismo é o normal e o absurdo convértese en lóxico. Un novo chanzo na carreira deste contador de fantasías e unha achega máis aos trazos que definen as súas creacións.


SOBRE O LIBRO "LúA DO SENEGAL"
“Deixo a aldea que coñezo por un mundo que non vin”
Khoedi, unha nena de dez anos, ten que deixar a súa casa no sur do Senegal, para instalarse en Vigo, onde o seu pai xa leva varios anos emigrado. Na nova terra, a vida é dura para Khoedi: non coñece a ninguén e todo lle resulta diferente. Está en Europa, mais a súa cabeza e o seu corazón continúan en África. Fernández Paz plasma unha vez máis a súa visión do mundo e faino creando unha voz narrativa intensa, madura e reflexiva a desta rapazar que ten a lúa como confidente.


SOBRE O LIBRO "MAKINARIA"
Born to run
Makinaria cheira a música a todo volume, a ritmo marcado e persistente, a letras de cancións, susceptibles de seren declamadas ou berradas, a makina e hip hop, a coches maqueados, a velocidade, a goma de pneumático queimada. Un libro de versos sen final feliz: porque a Morte converte a euforia en chatarra. Makinaria: nin difícil, nin aburrido. Accesible, breve, espido de concepcións idealizadas para tratar a dor, a angustia, o medo, a morte, o perigo de queimalo todo axiña.


SOBRE O LIBRO "CHAMáDEME SIMBAD"
Unha palabra fea
O avó fai cousas raras. Esquécese de todo. Cámbialle o nome a todo o mundo. Incluso ao seu neto. Que se chama Paulo, pero que para o avó é Simbad o Mariñeiro. Francisco Castro diríxese nesta súa nova obra a lectores máis novos que en textos anteriores. A historia seduce polo acerto no deseño do pequeno narrador, polas constantes apelacións aos lectores e a introdución de efectos de recoñecemento e mais por non existiren demasiadas concesións no retrato desta familia na que o protagonista loitará contra a enfermidade do avó, contra dos adultos e, sobre todo, contra do egoísmo.


SOBRE O LIBRO "QUEN MATOU A INMACULADA DE SILVA?"
Amor ou vinganza?
Etelvina de Silva descobre a súa vocación literaria investigando o seu pasado familiar, que a levará a tratar de desvelar que sucedeu realmente na casa familiar hai tres décadas cando morreron Antón do Cañote, un fuxido, e Inmaculada de Silva, unha antepasada, unha beleza a quen todos din que ela moito imita. A novela comparte trazos da resolución dun misterio, o crime sen resolución certa, con outros propios das narracións de tipo iniciático. Sospeitas e conxecturas acadan un lugar decisivo e conducen o lector cara a un final aberto, pois non existe no discurso a reconstrución certa do que aconteceu e a narradora invítanos a escoller o desenlace en función das nosas propias conclusións: “historia de amor ou de vinganza?”.


SOBRE O LIBRO "O LIBRO DAS VIAXES IMAXINARIAS"
A viaxe de quen le
O libro gañador do Premio Isaac Díaz Pardo ao libro ilustrado do 2008 outorgado polos editores galegos invita a un paseo demorado polas súas páxinas, a se recrear nas súas palabras e imaxes. Cadernos de viaxe evocadores e poéticos que nos propoñen unha viaxe ao interior de nós mesmos, que nos trasladan a mundos imaxinados reais e fantasiosos, uns relatos que nos invitan a gozar do pracer da lectura.


SOBRE O LIBRO "XENARO E O MISTERIO DA MOCHILA VERDE"
A chispa de Xenaro
Xirando arredor da amizade e os seus modelos e xogando coa linguaxe e o humor, esta primeira novela de Mar Guerra, resultou gañadora do Premio Merlín de Literatura Infantil 2008. Debuta a autora con acerto nesta narración sinxela que transcorre no ámbito escolar, nun mundo de barrio no que conviven diferentes personaxes, e cun protagonista que é un dos grandes atractivos do libro.


SOBRE O LIBRO "A CABEZA DE MEDUSA"
Onte e hoxe: o mito de Medusa
Con esta obra galardoada co Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil, a autora introdúcese nun tema pouco ou nada tratado na LIX galega cal é a violación. Un conflito extraído da realidade, enfocado dende a psicoloxía adolescente que ten ante si un universo de interrogantes, dúbidas e adversidades que acontecen no seu contorno. A construción formal da narración ofrece unha intelixente estrutura e a narración compleméntase coa introdución de elementos informativos, fundamentais para o desenvolvemento e os verdadeiros intereses da historia, que inciden na violación social que sucede á física, cun amplo retrato das diferentes presións ás que están sometidas as rapazas, obrigadas a mastigar o acontecido e a superar un complicado camiño de obstáculos.


SOBRE O LIBRO "PODEROSA"
E se Deus fose unha muller?
Nun equilibrio entre verdade real e verdade fantástica Sérgio Klein crea unha ficción con capacidade de rachar esterotipos e cuxa lectura desprende diversión. Dous alicerces fundamentais dunha obra, a primeira dunha saga, que ven de triunfar entre os lectores do Brasil e que ten moito potencial para conseguilo tamén aquí.


SOBRE O LIBRO "LíA E AS ZAPATILLAS DE DEPORTE"
Literatura como vehículo do compromiso
Unha novela que convida a reflexionar aos nenos e nenas sobre a súa responsabilidade en colaborar para facer un mundo máis xusto. Unha historia con indubidable utilidade para a formar seres humanos que fagan un mundo mellor, malia que ese fin conséguese cun sacrificio da cualidade narrativa do texto literario.


SOBRE O LIBRO "IMAXINA ANIMAIS"
A chave da fantasía
Neste libro de creación conxunta os autores descontextualizan o significado das cousas, alteran por sorpresa o seu estado natural e propóñenlle ao lector un xogo para descubrir a vida oculta dos obxectos. A maxia fica garantida desde o comezo para logo aumentar ao contemplar a conxunción entre texto e imaxe, dúas realidades que dialogan moi habilmente ata fundirse nunha soa.


CRÍTICAS POR XÉNERO


Acerca de Lg3
Que é LG3
Créditos
Correo
culturagalega.org | RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.gal
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.gal