Unha novela que convida a reflexionar aos nenos e nenas sobre a súa responsabilidade en colaborar para facer un mundo máis xusto. Unha historia con indubidable utilidade para a formar seres humanos que fagan un mundo mellor, malia que ese fin conséguese cun sacrificio da cualidade narrativa do texto literario.
2 / 6 / 2008
Isabel Soto.Santiago
“Lía e as zapatillas de deporte” pon en práctica a máxima expresada pola autora nunha entrevista (Galicia Hoxe, 20.05.2008): «É fundamental ofrecer discursos que expliquen a idea de que é posible cambiar as cousas». A este propósito responde este relato destinado a lectores de nove anos en diante que se presenta dende os textos da contracapa como «unha novela que convida a reflexionar aos nenos e nenas sobre a súa responsabilidade en colaborar para facer un mundo máis xusto». Malia estas boas e máis que loables intencións, neste caso a fusión do compromiso social coa literatura que practica Reimóndez semella decantarse máis cara á defensa da mensaxe, inserindo o texto dentro do formativo.
Se en Usha (2006), a obra coa que inaugurou a súa traxectoria na LIX, ou en “O club da calceta” (2006), que mesmo seduciu aos estudantes de bacharelato que lle outorgaron o Premio San Clemente, a autora soubo equilibrar adecuadamente os seus dous intereses grazas á construción narrativa e ao deseño dos personaxes, ao noso ver non sucede o mesmo en Lía, onde o excesivo peso do discurso “informativo” –que case podería formar parte dun folleto– fana o conxunto. A trama é utilizada aquí para tratar un tema que a autora lle interesa e co que está activamente implicada, o cal non quita que a historia desta nena espelida e curiosa, que asume a información cunha sorprendente rapidez, poida captar a atención dos seus destinatarios. Sen dúbida a historia ha ser utilizada nas aulas para introducir un tema ben preocupante cal é a denuncia da explotación infantil.
A LIX resulta especialmente permeable a temas que axudan a interpretar a realidade e que fan reflexionar o lector, converténdose en vehículo útil e eficiente para formar, ou cando menos intentalo, seres humanos que fagan un mundo mellor. Pero se falamos de literatura, cómpre calibrar con coidado, pois se ben a mensaxe sempre ten presenza –sirva de exemplo “Gordiño recheo” (2007), de Fina Casalderrey, no que malia se tratar o tema da obesidade infantil, este intégrase nunha historia ben artellada que bota man de recursos como o humor, a literatura dentro da literatura ou esa voz narrativa infantil que a autora tan ben sabe construír para que sexa o protagonista o encargado de relatar a experiencia que o leva a comprender por si propio o problema que ten, as súas orixes e as maneiras de superalo–, cando o texto literario é utilizado para comunicar un contido predeterminado –presente no texto de maneira explícita, como sucede en Lía–, o emisor prioriza a transmisión dese contido en detrimento das estratexias literarias, da necesaria plurisignificación e da apertura á interpretación dos lectores e lectoras. Este é o criterio que nos serve tamén para cualificar como textos de apoio ou guías de aprendizaxe produtos como, por exemplo, “Ti podes salvar o planeta” (2007) ou a colección “Os Bolechas aprenden xogando”, por máis que estes personaxes gocen do favor dos nenos e nenas galegos e poidan servir de porta de entrada á literatura e favorezan o contacto cos libros. Eis o traballo dos mediadores e mediadoras.
Talvez a maior debilidade de “Lía e as zapatillas de deporte” radique no enfoque escollido, xa que se recorre a un obxecto con propiedades fantásticas –as zapatillas de deporte que recibe a nena como agasallo de Reis– para viaxar ao escenario da dramática explotación infantil. Son as zapatillas e, posteriormente, Andrea, a dependenta dunha tenda de comercio xusto as encargadas de transmitir esa completa información da que falabamos. Se cadra se a acción narrativa presentase o que acontece sen necesidade desa ollada allea e ignorante do que ocorre, o resultado tería sido outro, pois o lector tería a posibilidade de tirar as súas propias conclusións ao respecto, facendo unha lectura libre e non condicionada dende o primeiro.