lg3
inicio » lg3 »  libros

QUE É LG3, O SOPORTAL DA LITERATURA

Benvidos e benvidas a LG3, o soportal da literatura galega promovido polo portal Culturagalega.org, do Consello da Cultura Galega. Os seus contidos e a súa presentación fan de LG3 unha iniciativa esencial para amosar a calidade do traballo e do esforzo de todos aqueles que están detrás dos libros en galego e para servir de ferramenta de comunicación e promoción da nosa literatura. Culturagalega.org, a web de referencia para a cultura en Galicia, presenta este producto que conta con chegar a un amplo público e promover a lectura, a creación, a traducción e a edición en galego.

LG3 está concibido como unha revista virtual para responder á gran demanda de información sobre literatura e edición literaria galegas que os usuarios deixan sentir nas estatísticas de visitas e nalgunhas suxestións. A capacidade da revista para conter información, presentala e servir de porta a outros puntos de información na rede en Galicia, fai dela unha importante ferramenta de promoción cultural. E xeral a información e os contidos que poden atoparse en LG3 teñen o seu punto temporal de partida na súa data de inicio de actividade, a finais do ano 2003, sen pretender ser unha base de datos de todo o publicado anteriormente e sen comprometerse coa exhaustividade, mais si coa representatividade.

En Culturagalega.org queremos con LG3 dar un apoio estratéxico á industria e iniciativa cultural do libro e pulo ao avance e introducción nas novas tecnoloxías cunha meirande difusión das noticias e protagonistas do sector e unha maior presencia deles en Internet. Para chegar a cumprir con este apoio ao libro en galego, LG3 dará nas súas páxinas presencia e información sobre todos aqueles axentes, xa sexa individualmente ou en asociacións ou institucións, que forman parte do sector: escritores, editores, institucións, libreiros, traductores e lectores. A producción desta revista depende en gran medida non só da actividade dos integrantes do sector, senón da súa cooperación a través da comunicación fluída coa nosa redacción. LG3 permite a estes axentes do sector presentar os seus traballos e facer pública a súa actividade a través das nosas páxinas poñéndose en contacto con nós ou enviándonos o seu material.

O soportal de literatura, LG3, quere responder coa súa presencia e actividade a moitas peticións e chamados que levan tempo a pedir un esforzo para promover o libro galego, darlle un escaparate axeitado e vistoso e poñelo en valor ante os seus lectores actuais e futuros. A organización dos contidos de LG3 está pensada para recoller axeitadamente aqueles que cremos que poden ser de interese dos lectores e presentalos da maneira máis atractiva e doada posible. Para ampliar informacións sobre algúns autores, libros ou noticias LG3 proporciona ligazóns a outros sitios web galegos.

Un equipo de recensores/as traballa para ofrecer nas páxinas de Lg3 as súas opinións especializadas sobre algunhas das publicacións que van saíndo ao mercado e que poden ser de interese do noso público. Co ánimo de ser representativo da actualidade literaria LG3 vai incluíndo no seu catálogo de publicacións todas aquelas das que ten noticia e vainas clasificando a través dunha organización de xéneros que procura responder á realidade editorial do mellor xeito posible. Xunto a xéneros tradicionais como Narrativa, Poesía, Teatro, Ensaio e investigación ou Infantil e xuvenil, aparecen outros que acollen publicacións que precisan dunha clasificación máis específica como o de Xornalismo, dedicado a aquelas obras que proceden de traballos xornalísticos, xa sexa en compendios de artigos ou como un só texto de orixe xornalística; o xénero Biográficos recolle aquelas obras dedicadas a dar a coñecer datos ou pasaxes da vida de alguén e que poden estar escritas como crónicas ou estudios, ou mesmo ser autobiográficas; baixo a definición de Clásicos, LG3 pon as obras daqueles autores que a Real Academia Galega ven elixindo desde 1963 para ser homenaxeados nas celebracións do Día das Letras Galegas e que con esa selección pasan a ser auténticos clásicos do noso sistema literario.


Acerca de Lg3
Que é LG3
Créditos
Correo
culturagalega.org | RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.gal
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.gal