lg3
inicio» lg3»  criticas» Poesía 

CRÍTICAS SOBRE Poesía / 47

SOBRE O LIBRO "LABIRINTO OU MEMORIA"
Un libro conmovedor
A memoria non se garda de xeito consciente senón que é aleatoria na súa aparición e, ao mesmo tempo tramposa, trapalleira, feita de anacos de sentimentos, nunha especie de patchwork de sons, cores, aromas gustos e imaxes asociadas e nese labirinto non hai –ou non se descubriu aínda- un fío de Ariadna que nos guíe. Os poemas deste libro -labirinto ou memoria- son pois reconstrución de árbores xenealóxicas propias feitas por unha testemuña fiábel, que a xeito de restauradora vai arquitectando os poemas con certas imaxes e sensacións deturpadas polo paso do tempo. Convídoos pois a ler Labirinto ou memoria.


SOBRE O LIBRO "DESESCRIBINDO"
O caderno da naturalista
Desescribindo é un poemario confeccionado coa sensibilidade dunha botánica que percura follas de árbores en perigo de extinción e decide apreixalas no seu herbario para identificalas e garantir a súa preservación."Termar da memoria, termar dos nomes. Exercer a resistencia", así remataba Aleixandre o seu recente discurso de ingreso na Real Academia Galega como académica numeraria e no caderno de naturalista (o papel, as gardas e o coidado da edición reforzan esta fasquía) que Apiario nos ofrece, a poeta fixará poeticamente os nomes de árbores e animais para que non se esquezan e tamén revisará, desde o seu discurso feminista, simboloxías caducas que perpetúan invisibilidades e estatismos.


SOBRE O LIBRO "EXHUMACIóN"
Os puntos cegos, todos.
O xurado do IV Premio Manuel Lueiro Rey subliñou deste poemario a súa «arquitectura moi sólida e tramada» e o feito de que a «dicción culta da obra convence polo seu poder evocador e a fulguración das imaxes labradas con gran mestría». Para Antía Marante, Marcos Abalde desvela os mecanismos perversos sobre os cales se asenta o mundo no que hoxe vivimos.


SOBRE O LIBRO "OS INOCENTES"
Da man da escrita, a resistencia
Irrompe María do Cebreiro na colección Dombate da Editorial Galaxia cun poemario definible, por analoxía e contraste, grazas ás voces do escritor francés Henri-Pierre Roché e do (controvertido) filósofo alemán Heidegger que a enmarcan paratextualmente. Os inocentes nomean un desexo imposible: regresar ao intre fundacional da lírica, a ese momento histórico no que a poesía chegou a ser definida como emoción evocada no acougo e a imaxinación foi pensada como a capacidade intelectual máis estimable.


SOBRE O LIBRO "ESPIRAL DE SOMBRAS"
Cantos épicos para pobos desnortados
Desde as orixes, pasando pola historia e polos seus avatares, Xavier Seoane indaga na tensión entre o que xa foi e o que pelexa por ser, nun contexto de globalización imparable que trae ata o presente as ameazas da perda e da demolición. Ao fin descobremos que no canto tratarse dun laio nostálxico amósase como urxente reflexión que xorde da necesidade imperante de fixar o rumbo para un futuro non delimitado.


SOBRE O LIBRO "CARNE DE LEVIATáN"
Cando as palabras non existen
A poesía de Chus Pato reafírmase como discurso inclasificable para o que non existen (nin existirán) adxectivos que o describan, signos de puntuación que o limiten ou lecturas que o reduzan. Este libro sitúanos na fenda existente entre o mundo prelingüístico e o mundo configurado, segundo o mito, a golpe de voz. Carne de Leviatán poderá ser bestiario, mito, pléroma, cuestionamento ou revelación pero nunca poderá ser peche.


SOBRE O LIBRO "BREIZH"
Superposición de filtros
A lectura de Breizh provoca unha inmediata apertura de fronteiras ao tratarse dun poemario que, formalmente, participa dunha tradición poética oriental e, tematicamente, nos transporta a xeografías bretoas. Así, situado nunha encrucillada de tradicións e xeografías, Villar acomoda experiencias, olladas e percepcións no breve espazo poético que os haikus lle ofrecen e fornece ao lectorado da posibilidade de percorrer xeografías distantes pero semellantes.


SOBRE O LIBRO "O MARIñEIRO CON CABALOS MATUTINOS BAIXO O VESTIDO"
A permeabilidade das máscaras
Elías Knörr é o alter ego de Elías Portela (Cangas do Morrazo, 1981), poeta e tradutor en galego. Con este pseudónimo foi escollido coma un dos tres poetas máis representativos da lírica actual islandesa, na Poetry Review do Reino Unido. Este é o seu primeiro libro en islandés. Portela confecciónase unha máscara a medida con fasquía e sotaque islandés que lle permite inxerirse nun espazo alleo e procurar unha escrita anovadora coa que transitar novos vieiros.


SOBRE O LIBRO "RUíNAS AO ESPERTAR"
Do descenso ás tebras
A fotografía de Manuel Vilariño (Premio Nacional de Fotografía) non pode entenderse sen a ollada poética que a motiva ao igual que os versos deste poemario son herdeiros dos universos evocados nas súas series fotográficas máis austeras, lúgubres e barrocas. Esta primeira incursión no ámbito da poesía escrita é unha exploración radical do sentimento de perda, visión e experiencia da dor a través dunha poesía depurada por unha estética da imaxe e do silencio.


SOBRE O LIBRO "JAZZ ESPIDO UN E DOUS"
Improvisación en verso e trazo
Achega interartística que activa todos os sentidos de quen se aproxime a ela. Os lectores, levados polo pulo da música evocada en cada composición, farán cadrar o ritmo da súa lectura ao tempo dos movementos de danza recollidos nos debuxos secuenciais para, finalmente, completar un orixinal percorrido pola historia do jazz e do blues. A voz de Ella Fitgerald ou o saxo de Coltrane xorden ao mesmo tempo que se pasan as páxinas.


SOBRE O LIBRO "PALABRAS XORDAS PARA OíDOS NECIOS"
Partituras poéticas
Combinación da creación literario-poética coa musical, observando de forma directa a estreita relación que hai entre ambas e o importante que é a «musicalidade» na creación poética. Este é o resultado dunha exploración levada a cabo por un autor que conta cunha brillante formación musical e que se estrea no terreo poético cun discurso arriscado e situado nas marxes do xénero, en territorios fronteirizos e inexplorados.


SOBRE O LIBRO "NON SON DE AQUí"
O libro dos lugares
María do Cebreiro intenta nesta obra escribir poesía como se non houbese poesía. Poida que por iso mesmo este poemario difire do resto da súa obra por unha escasa presenza de paratexto e a dosificación, con respecto a obras anteriores, do xogo intertextual. Unha cartografía íntima escrita desde a desposesión e a distancia no que o discurso se vai ramificando en direccións diversas: o amor, o paso do tempo, a estranxeiría ou a memoria colectiva e familiar.


SOBRE O LIBRO "LIBRO DE ALICIA"
O tobogán de raíces
Obra premiada no VIII Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño do Concello de Sarria. A terceira obra de Olalla Cociña mostra unha interesante evolución na súa poesía. Espremendo a materia da memoria, a autora inicia un descenso polo “tobogán de raíces que se perden / no fondo baixo a terra” para debuxar, con cicatrices da vida e do paso do tempo, a amorosa figura de Alicia.


SOBRE O LIBRO "NADJA C´EST MOI"
A existencia de Nadja
Na singular concepción da obra, así como na tensión conseguida entre realidade e soño é onde radican, segundo María Xesús Nogueira , os principais valores deste libro, gañador do X Premio de Poesía Concello de Carral. Un libro solidamente trabado, escrito cunha linguaxe que bota man con frecuencia de expresións en francés e mesmo en alemán para procurar o contrapunto ou o matiz, así como de elementos do cotián.


SOBRE O LIBRO "LáTEGO DE ALGAS"
A pirotecnia que rebenta o iceberg
Antón Reixa sorprende ao seu lector con esta obra desconectada da súa traxectoria poética pola súa temática amorosa dunha intensidade lírica descoñecida en obras anteriores. A evolución como escritor deste polifacético artista vencellado á cultura dos 90 e ao actual panorama audiovisual suscita a curiosidade ante este poemario.


SOBRE O LIBRO "HORDAS DE ESCRITURA"
Botar por fóra a escritura
Este libro é tamén a terceira entrega dunha pentaloxía que Chus Pato vén construíndo baixo o título xenérico de Método. A aparición desta nova achega mostra como a lava poética das composicións de Chus Pato reborda tamén o recipiente do libro e precisa a creación dunha estrutura superior. Un libro denso e complexo, no que a autora continúa o seu camiño de exploración poética con instrumentos coñecidos que chegan a facer rebordar os moldes do texto.


SOBRE O LIBRO "OS POEMAS DE COMO SE ROMPE TODO"
Sen poema abondo para tanta intemperie
Publica Sotelo Blanco o cuarto poemario de Daniel Salgado dentro do corpus co que inaugura a ambiciosa colección Edoy Leliadoura da editorial, que “aspira a ser o reflexo das diversas constelacións poéticas que atravesan e iluminan a poesía galega actual”. Se algunha dúbida quedaba, Salgado consolídase nesta obra teimando con acerto na elaboración dun discurso orixinal que dá conta do poema do seu propio tempo.


SOBRE O LIBRO "PROFUNDIDADE DE CAMPO"
O círculo pechado da beleza
Catro anos despois do "Libro da egoísta", Yolanda Castaño abre unha nova etapa con “Profundidade de Campo”. Dunha banda porque con este poemario fíxose cun dos premios máis importante de poesía do sistema literario galego, o Espiral Maior; da outra, porque a autora recoñece que é unha obra máis madura que as anteriores. Volve así renovada unha voz poética precoz da década dos noventa.


SOBRE O LIBRO "BINGO"
Palabras que ninguén nos pide
Na voz singular de Pilar Beiro é posíbel identificar algunhas pegadas da militancia poética nas Redes Escarlata, como é o signo político do seu verso, concibido a miúdo como unha intervención social. O libro insírese na nova colección de poesía Edoy Leliadoura que aspira a ser o reflexo das diversas constelacións poéticas que atravesan e iluminan a poesía galega actual.


SOBRE O LIBRO "MUDANZAS"
As fillas do centauro
Galardoado co prestixioso Premio Caixanova, este poemario centra a súa temática nos mitos clásicos, pois está concibido como un exercicio de intertextualidade cunha das obras máis significativas da mitoloxía, As metamorfoses de Ovidio. Marilar Aleixandre proponnos unha nova lectura dun bo número de mitos levada a cabo desde unhas coordenadas culturais e ideolóxicas concretas.


CRÍTICAS POR XÉNERO


Acerca de Lg3
Que é LG3
Créditos
Correo
culturagalega.org | RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.gal
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.gal