Publica Sotelo Blanco o cuarto poemario de Daniel Salgado dentro do corpus co que inaugura a ambiciosa colección Edoy Leliadoura da editorial, que “aspira a ser o reflexo das diversas constelacións poéticas que atravesan e iluminan a poesía galega actual”. Se algunha dúbida quedaba, Salgado consolídase nesta obra teimando con acerto na elaboración dun discurso orixinal que dá conta do poema do seu propio tempo.
17 / 3 / 2008
María Xesús Nogueira. Lugo
O cuarto poemario de Daniel Salgado, que forma parte dos textos inaugurais da colección Edoy Leliadoura, confirma a consolidación dun escritor que conseguiu espertar nos últimos anos un interese crecente por parte da crítica e dos lectores. Alén do seu título, singular e apocalíptico, sorprende a datación do libro, que sitúa súa xénese nos anos que van da publicación de Sucede e “Días no imperio” (2004) á de Éxodo (2006).
O procedemento do texto aberto utilizado en Éxodo, onde asistiamos á lectura dun único poema de principio e final non delimitados, ten a súa continuidade na “Autopoética in progress” que abre o volume, un texto acumulativo e inconcluso no que se enumeran unha serie de motivos que remiten, dun xeito máis evocador que explícito, aos contidos do poemario. Son unidades semánticas que fan referencia a cuestións políticas e sociais, á vida cotiá e aos sentimentos, e que anticipan tamén o ritmo sincopado e envolvente da obra:
“os laboratorios de poder, o non, a sensibilidade no que
apalpas, o qué facer, a fraternidade, a fraternidade,
a fraternidade, a fraternidade [...]”
Porén, a diferenza do que acontece co libro anterior, “Os poemas de como se rompe todo” está estruturado en dous bloques que, nunha lectura rápida, podemos identificar co vello binomio da loita e o amor, elemento este último de menor presenza na poesía anterior de Salgado. Unha segunda lectura, máis pausada e menos condicionada polas aparencias, desaconsella ao meu entender esta segmentación, por obedecer todo o texto a un mesmo desvelo: ser testemuña dun tempo –histórico, mais tamén persoal– e procurar un discurso que poida servir de canle tanto para “a caída lenta da nosa época onde non facemos pé” como para “o poema de amor”.
Nesta primeira sección, a do derrubamento, onde predominan os motivos de carácter político, a voz poética mostra xa a particular dicción que domina no libro baseada nun verso rebordante, de ritmos cortados e encabalgamentos constantes, no que o a improvisación jazzística segue a estar moi presente como esquema compositivo. Trátase dunha voz consciente da súa difícil situación, aínda máis cando o país, “O país no burato”, é o tema: “Renxe polas costuras o país / que centra o poema e que debe arder / antes de posuír a certeza de que sobreviva”. En ocasións, discurso deriva nunha interesante reflexión metaliteraria na que tradición e poema semellan instrumentos inoperantes, como tamén o é o “embuste da linguaxe”:
“E non hai canon
que nos abeire
nin poema abondo para tanta intemperie.”
O ritmo acumulativo das composicións vese por veces alterado pola irrupción dun discurso coloquial, cargado case sempre de ironía: “isto éche a idade adulta e non che hai máis”, lemos no texto “A vida amábel”.
Na segunda parte do libro, as composicións céntranse na experiencia do amor e na presenza da persoa amada. Non obstante, non hai unha ruptura cos versos anteriores nin un abandono do compromiso ético. Máis interesante resulta aínda o grao de conciencia da voz poética que repensa “a grave inutilidade dun poema de amor” e, sobre todo, os perigos da súa retórica:
“Todo conspira para que a palabra se poña idiota
e no retrato apareza o que non debe porque non,
porque isto é asunto dos ríos,
do que non se dá parado”,
lemos en “Retrato de Xiana”, onde se nos amosa un rexistro que, malia os seus temores, exhibe pezas da poética do autor escasamente coñecidas e esculpidas con esmero. En calquera caso, a inestabilidade semella o único lugar desde onde se pode escribir esoutra testemuña, íntima pero tamén social, para a que é necesario igualmente buscar novas fórmulas expresivas.
Daniel Salgado segue a teimar con acerto na elaboración dun discurso orixinal co que poder dar conta do poema do seu tempo: a contradición, o compromiso ético, o pensamento e o andar a modo pola pel nos días do capitalismo serodio.