Combinación da creación literario-poética coa musical, observando de forma directa a estreita relación que hai entre ambas e o importante que é a «musicalidade» na creación poética. Este é o resultado dunha exploración levada a cabo por un autor que conta cunha brillante formación musical e que se estrea no terreo poético cun discurso arriscado e situado nas marxes do xénero, en territorios fronteirizos e inexplorados.
5 / 10 / 2009
Mª Xesús Nogueira.Lugo
De cando en vez, ao andel de novidades chegan produtos –que adoitan presentarse baixo o formato de libro máis ou menos convencional– cuxa clasificación resultaría difícil de non ser por algunha indicación de tipo xenérico que figure na súa capa. Tal é o caso de
Palabras xordas para oídos necios. Cinco estudos para 2 recitadores, que ve a luz na colección Varilongo / Poesía, de tresCtres. A editora de Santa Comba aposta por unha opera prima singular na súa concepción e asume o proxecto co esmero e a calidade que adoita empregar nos seus traballos.
A orixinalidade da obra apréciase xa no seu título, no que alén de se inverter unha coñecida fórmula, etiquétanse as composicións botando man da linguaxe musical. O rótulo adianta polo tanto o diálogo música-palabra estabelecido ao longo do libro. Igualmente insólitas resultan tamén as Instrucións que abren o volume, nas que ademais de se explicar que nel se inclúen “5 estudos de poesía escritos para seren lidos, idealmente, por dous recitadores, aínda que tamén é posible facer unha lectura individual para cada quen de xeito habitual”, incorpóranse un glosario de termos e unhas indicacións para o recitado.
Os cinco estudos presentan, malia a súa diferente natureza, trazos compositivos comúns baseados na repetición e na variación, que confiren un carácter envolvente tanto ás distintas seccións como ao conxunto. O primeiro deles desenvolve ademais a idea apuntada no título referida ao desafío de facerse oír ante a imposibilidade da comunicación:
“Ides ter que escoitar máis alto
porque non vos estou a falar,
ou quizais si,
pero son palabras xordas para oídos necios
para orellas que non me queren oír”.
Nesta sección introdúcese tamén outro elemento desenvolvido, mediante diversos procedementos, ao longo do libro. Trátase da eliminación do sentido no discurso (“palabras e silencios [...] / que para vós se baleiran no baleiro / finalmente baleiro / de burbulla e de sentido”), que acada a súa formulación máis radical no estudo III, onde a voz poética renuncia a calquera vontade de significado na combinación de sílabas e ritmos que o conforman. Por veces, ensáianse imaxes innovadoras, construídas a partir da dislocación ou a sinestesia –“tose de vidro oxidado”, “lúa [que] esvarou ceo abaixo”–, nas que se aprecia ademais unha marcada reiteración adxectival que pecha o texto en si mesmo e tensa a reflexión sobre a comunicación e a soidade proposta ao longo das súas páxinas.
O volume incorpora ademais dous anexos con partituras dalgunhas composicións, que reforzan o diálogo entre as linguaxes poética e musical exploradas polo escritor, así como cun DVD no que se inclúen os cinco estudos recitados por Ton Risco e o propio David Durán Arufe. A gravación enriquece o produto e engade unha terceira lectura, a dos mencionados intérpretes, que convive coa lectura privada e co recitado concibido polo autor e explicado con detalle.
Palabras xordas para oídos necios é o resultado dunha exploración en diferentes planos levada a cabo por un autor que conta cunha brillante formación musical e que se estrea no terreo poético cun discurso arriscado e situado nas marxes do xénero, en territorios fronteirizos e inexplorados. O libro estabelece unha puxa entre as linguaxes poética e musical que se resolve a través de experiencias estéticas diferentes, na súa natureza e fortuna, as máis delas innovadoras e insólitas.