A novela é un lenzo, un cadro en que os acontecementos suceden paseniño, mais que cando o fan, deixan marcas ben profundas. O texto amósanos a vida de Vincent Van Gogh en Auvers-sur-Oise, relatada a través do ollar dun mozo parisino que chega á pequena vila para reconducir o seu camiño. Quen se achegue a estas páxinas, mozo ou non, deberá deterse a observar unha lectura que nos pinta os ollos de emocións e que nos lembra, maxistralmente, os últimos dous meses de vida do pintor holandés.
18 / 10 / 2010
Montse Pena Presas.Santiago
Unha oración que podería ser a descrición dunha pintura: “As mulleres aquelas parecían levar alí séculos. Chantadas ergueitas, como as árbores e os outeiros, semellaban agromar da mesma terra, como se fosen parte dela dende a noite dos tempos” (páxina 112). Unha das moitas sentenzas tan fermosas coma plásticas que se poden atopar n’
O pintor do sombreiro de malvas (2010), a volta de Marcos Calveiro á ficción xuvenil que o fixo xusto merecedor do Premio Lazarillo 2009.
A novela é un lenzo, un cadro en que os acontecementos suceden paseniño, mais que cando o fan, deixan marcas ben profundas. O texto amósanos a vida de Vincent Van Gogh en Auvers-sur-Oise, relatada a través do ollar dun mozo parisino que chega á pequena vila para reconducir o seu camiño. Axiña comparten soidades, e o rapaz protagonista –cuxo nome as lectoras nunca chegamos a coñecer– acaba sendo o acompañante do pintor nas súas incursións polas fragas da contorna, nas súas arroutadas e nalgunhas das súas angurias persoais. Ambos están unidos pola súa inadaptación á colectividade: Van Gogh polos seus problemas de alcoholismo e o seu inconformismo; o mozo pola constante procura do seu camiño e o descoñecemento das súas orixes.
Namentres, a comunidade vilega estrutúrase como un microcosmos que é unha representación a pequena escala das forzas que moven o mundo: a represión, personificada polo sacerdote e por Jojo, tía do rapaz; a amizade, representada polo doutor Gachet –grande amigo do artista e personaxe real retratado por este–; o amor, na figura de Adeline, romance iniciático do protagonista; a maldade, un sentimento que acubilla o corazón do xendarme Rigaumont; e a fidelidade incondicional, da que é mostra Theo, irmán do xenio. Fronte a eles, o pintor e o rapaz procurarán a súa liberdade sen conseguir que as súas soidades esvaezan.
A novela vese moi favorecida, doutra volta, da facilidade de Calveiro para recrear ambientes e personaxes históricos. A precisión do autor é inxente á hora de introducir pegadas do tempo recreado (neste caso 1890) que funcionan como referentes (ou como interrogantes que incentivan a curiosidade) para o lectorado e que conseguen trasladalo ao espazo e ao tempo desexados. Libros de Zolá ou sentenzas de Dickens (que aparecía tamén en
Rinocerontes e quimeras), anécdotas do pintor holandés Anton Hirsching ou comentarios sobre as creacións de Cézanne, amais da morte de Henri Nestlé –creador do imperio de chocolate– mestúranse facendo máis esvaradía a liña entre ficción e realidade.
Fronte a outras creacións do autor –que non contan con este ingrediente–, esta novela destaca polas súas magníficas e detallistas descricións. Calveiro convértese nun pintor de escenas con palabras, un recurso que acada a súa maior forza cando o narrador describe cadros de Van Gogh con tanta precisión que consegue que os visualicemos. A reprodución dalgunhas das pinturas máis nomeadas do artista no propio libro logo de que sexan aludidas consegue que se estableza unha vizosa ponte entre a plástica e a literatura que fomenta a interartisticidade. Ademais, o decorrer da narración zarrapícase continuamente de pequenas e significativas historias protagonizadas por diversos habitantes de Auvers, conformando así un interesante mosaico impresionista.
Cun final que non desvelarei,
O pintor do sombreiro de malvas amósanos como debemos ir sempre na procura da liberdade e que a tristura, desgraciadamente, ás veces se acubilla para sempre no corazón das persoas. Quen se achegue a estas páxinas, mozo ou non, deberá deterse a observar unha lectura que nos pinta os ollos de emocións e que nos lembra, maxistralmente, os últimos dous meses de vida do pintor holandés.