Etelvina de Silva descobre a súa vocación literaria investigando o seu pasado familiar, que a levará a tratar de desvelar que sucedeu realmente na casa familiar hai tres décadas cando morreron Antón do Cañote, un fuxido, e Inmaculada de Silva, unha antepasada, unha beleza a quen todos din que ela moito imita. A novela comparte trazos da resolución dun misterio, o crime sen resolución certa, con outros propios das narracións de tipo iniciático. Sospeitas e conxecturas acadan un lugar decisivo e conducen o lector cara a un final aberto, pois non existe no discurso a reconstrución certa do que aconteceu e a narradora invítanos a escoller o desenlace en función das nosas propias conclusións: “historia de amor ou de vinganza?”.
23 / 3 / 2009
Isabel Soto. Santiago
Quen matou a Inmaculada de Silva? podería encadrarse, tendo en conta os alicerces temáticos dos que Marina Mayoral bota man para a construción da trama, dentro do conxunto de textos narrativos que presentan un achegamento a sucesos ocorridos durante a Guerra Civil española a partir das indagacións que emprenden protagonistas adolescentes e que permiten achegarse ao retrato dun tempo que os destinatarios potenciais non viviron e, en ocasións, fica oculto, silenciado ou disfrazado con medias verdades.
Neste caso será Etelvina quen pregunte e investigue as estrañas circunstancias que arrodearon a morte da súa parente, Inmaculada, a carón do fuxido Antón do Cañote, para romper o silencio e intentar botar algo de luz. Como adoita acontecer nas narracións que presentan estas características, a protagonista procura o relato directo das testemuñas que viviron os acontecementos, mais salienta o feito de ela ter que casar diferentes versións, que se superpoñen e complementan nun perspectivismo que quebra e relativiza a verdade final –como acontecía xa en anteriores textos da autora, nomeadamente en
Al otro lado e
La única libertad. Así, mentres Xeorxina incide no comportamento fóra das convencións de Inmaculada e relaciona o acontecido coas dificultades que afectaron ao decorrer da historia das mulleres, Ana Luz introduce decisivas informacións sobre o contexto sociohistórico que lle tocou vivir, marcado polas diferenzas ideolóxicas durante a guerra e a posterior represión e as vinganzas persoais da posguerra. Pola súa parte, os relatos do carpinteiro Ramón e da cociñeira Eusebia, testemuñas oculares ben próximas ao momento no que aconteceu o crime, concentran maiores doses de subxectividade, o cal acrecenta o risco de esaxeración e manipulación das figuras dos asasinados. Sospeitas e conxecturas acadan, pois, nesta narración un lugar decisivo –reflectido na trama mediante os intercambios de pareceres que manteñen Etelvina e os seus compañeiros na pescuda, Juancho e Catara– e conducen o lector cara a un final aberto, pois non existe no discurso a reconstrución certa do que aconteceu e a narradora invítanos a escoller o desenlace en función das nosas propias conclusións: “historia de amor ou de vinganza?”.
Resulta tamén de interese o xogo de temporalidades do discurso narrativo, outro trazo ben recorrente nesta deriva temática relacionada con feitos acontecidos por mor do conflito bélico, pois Etelvina apóiase no diario que recolle a súa estadía na casa familiar ao longo dun verán que se sitúa na agonía do franquismo, intre no que xorde o seu interese por desvelar a historia que se agocha tras dunha frase: “Inmaculada de Silva matou a Antón do Cañote”. Deste xeito, a novela comparte trazos da resolución dun misterio, o crime sen resolución certa, con outros propios das narracións de tipo iniciático, xa que a adolescente protagonista, filla de pai descoñecido e dotada dun pasado pouco convencional que lle permite saír do pechado horizonte de Brétema, percibe o paralelismo entre a relación amorosa que ela está a vivir con Juancho e a que no seu momento viviu súa tía con Antón do Cañote. Ensumida nesa fervenza sentimental, comprenderase mellor a si mesma e achegarase á confusión que talvez sentiu a súa antepasada, pois os recantos do que un sente no máis íntimo de si se cadra son inaccesibles para os demais, sempre observadores externos dos acontecementos. Tampouco non é alleo ese carácter iniciático da historia á descuberta da súa verdadeira vocación, a escrita, e mesmo ao proceso de construción dun relato, todo un reto ateigado de dificultades persoais e literarias.
Mayoral ofrece unha nova mostra do seu bo facer narrativo: bo deseño dos personaxes, percorrido polas súas lembranzas, complexas relacións ao se tratar dunha longa saga familiar, dosificación da intriga, etc., ao tempo que establece o seu habitual xogo metaliterario e autorreferencial, visible na ambientación no espazo imaxinario e simbólico de Brétema ou no final incerto. O epílogo, “Verán 2008”, incide na perspectiva temporal e na intratextualidade, pois remite especificamente a
La única libertad (1982, 2002), texto que nos deu a coñecer outra etapa vital de Etelvina, xa convertida en escritora, e onde xa aparecía parte do seu universo familiar e o deseño de Antón do Cañote.