Xirando arredor da amizade e os seus modelos e xogando coa linguaxe e o humor, esta primeira novela de Mar Guerra, resultou gañadora do Premio Merlín de Literatura Infantil 2008. Debuta a autora con acerto nesta narración sinxela que transcorre no ámbito escolar, nun mundo de barrio no que conviven diferentes personaxes, e cun protagonista que é un dos grandes atractivos do libro.
15 / 12 / 2008
Isabel Soto. Santiago
A xornalista Mar Guerra debuta na literatura infantil galega con
Xenaro e o misterio da mochila verde e faino con acerto neste texto galardoado co prestixioso e veterano Premio Merlín na súa edición de 2008. Trátase dunha narración sinxela que transcorre no ámbito escolar, nun mundo de barrio no que conviven diferentes personaxes, cada un cunha historia de seu.
Un dos principais acertos do relato é precisamente o deseño do personaxe que lle dá nome, pois tanto a súa voz en primeira persoa coma o ton que emprega e a súa maneira de interpretar o mundo espertan o sorriso. Entre as “rarezas” deste rapaz de once anos cóntase o seu nome, xa que é o único na familia cuxo nome comeza con
xe, unha cuestión que pode parecer intranscendente a non ser que teñamos en conta que os apelidos da estirpe son Conese e Maiúsculo e que el destaca, á forza, entre o seu irmán maior, Sebas, as xemelgas Sabela e Sarula, o seu pai, Senín, e a súa nai, Soidade. Ademais, a este
Xe singular encántalle xogar coas palabras, adoita pasar o tempo folleando dicionarios na procura de “xenónimos” e é un grande afeccionado á lectura. Pero unha das súas meirandes paixóns é xogar aos detectives e desvelar misterios, aínda que sexan tan “pequenos” como o que nos conta nesta súa crónica.
A curiosidade de Xenaro esperta ao principio do curso, cando chega á clase un novo compañeiro que carga cunha enorme mochila verde ás costas. O Novo, amais de campar polo miúdo das súas nobres orixes familiares, visibles nos seus longos apelidos compostos, axiña se burla do contraditorio nome de Xenaro e a este, co paso dos días, non acaba de convencerlle o comportamento do fachendoso Fernández-Xildas nin a súa présa por formar unha banda cos máis trastes da aula co fin de facer maldades e mangonear nos demais. E, como remate, sucédense unha serie de roubos para os que tanto Xenaro coma os seus dous mellores amigos, Flipe Ferro Flores e Uve, tentarán buscar unha explicación. As sospeitas de Xenaro acabarán confirmándose malia aprender no camiño a importancia de contar con bos amigos, que non sempre é máis feliz quen máis ten, como as aparencias moitas veces enganan e como cómpre non poñer etiquetas apresuradas que non sempre se axustan ás historias que cadaquén garda para si, as que acontecen no marco familiar e determinan por veces as circunstancias, o carácter e a maneira de ser de cadaquén.
A edición vai acompañada das ilustracións do canario Fernando Llorente, quen pertence dende hai anos ao Estudio Baobab, un proxecto colectivo que reúne a varios debuxantes que traballan na cidade da Coruña. Neste caso recorre a un estilo achegado ao cómic e ao imaxinario da animación para poñerlles rostro aos personaxes e recrear dende a súa ollada algunhas anécdotas do texto.
En conxunto,
Xenaro e o misterio da mochila verde recrea, con humor e desenfado, un universo cotián e doadamente recoñecible para os lectores e lectoras ao que vai destinado –escola, aula, relacións entre compañeiros, grupo de amigos, contexto familiar, afeccións persoais...–, mais non por iso exento de acontecementos que levan a descubertas inesperadas. A implicación dos lectores e lectoras que se acheguen a estas páxinas procúrase con constantes apelacións que, a miúdo, buscan a súa complicidade, con capítulos de curta extensión e cunha galería de personaxes que combinan trazos tópicos e outros xa non tanto, sempre dende a ollada amable do cronista da aventura, que ben podería repetir noutra entrega.