Este novo poemario de María Xosé Queizán tenta recuperar a memoria da resistencia contra o franquismo, desde mediados dos 60 a mediados dos 70. Máis alá da evocación dun tempo, Cólera supón a recreación dun ambiente e mesmo dun discurso, segundo testemuña a recuperación dalgún dos clixés máis emblemáticos da poesía social e panfletaria. É por iso polo que o libro, escrito desde a paixón antes que desde o documentalismo, ocupa un espazo senlleiro na literatura da memoria aparecida nos últimos tempos.
22 / 10 / 2007
María Xesús Nogueira Pereira.Lugo
A poesía é un xénero serodio na dilatada experiencia dunha autora que iniciou a súa andaina no ano 1965 coa novela “A orella no burato”. Habería que agardar a 1991 para a publicación do seu primeiro poemario, “Metáfora da metáfora”. O dato cronolóxico e o cultivo dun verso sinxelo en canto aos artificios, posto ao servizo do seu ideario feminista, situaron a María Xosé Queizán no mapa da poesía dos noventa.
Alén dos trazos indicados, a poesía da escritora, que tivo a súa continuidade en “Despertar das amantes” (1993), “Fóra de min” (1995) e “Non o abras como unha flor (1980-2004)” (2004), caracterízase pola reescritura, desde unha sólida conciencia feminista, do discurso do patriarcado. Fóra do que é a inquietude social e política, o poemario que acaba de aparecer non ten moitos elementos comúns cos anteriores. Polo contrario, presenta a novidade de se afastar do universo feminino para achegarse a unha temática claramente civil centrada na loita antifranquista levada a cabo en Galicia entre mediados dos 60 e mediados dos 70. Porén, a novidade máis destacada é a adopción dun punto de vista masculino, insólito na súa obra poética anterior.
A escolla dunha voz masculina é xustificada no limiar nos seguintes termos: “non podería escribirse este mesmo libro desde a posición das poucas mulleres organizadas daquela en partidos e sindicatos”. No paratexto afírmase tamén que o libro “non tería sido o mesmo escrito desde a conciencia feminista” e “tería que chamarse Cóleras, porque as mulleres sentíamos unha dupla indignación porque padecíamos unha dobre opresión”. A autora non só mostra con este artificio a invisibilidade da muller naqueles anos, senón que renuncia a calquera crítica que introduza a perspectiva de xénero na súa loa (tal é como figura na dedicatoria) “á mocidade galega idealista e rebelde, que iniciou o galeguismo político de posguerra e se mobilizou para derrocar a ditadura franquista”.
Cóleras é, polo tanto, un libro de lembranza e homenaxe no que se recordan acontecementos (a creación do Consello da Mocidade, as loitas de Castrelo de Miño, o asasinato dos obreiros de Bazán, a revolta das Encrobas, a Revolución dos Cravos), feitos cotiáns (as manifestacións, a militancia clandestina), líderes (Nelson Mandela, Che Guevara, Henri Alleg), así como heroes e mártires da resistencia (Raimundo Patiño, Carmiña, Amador Rei e Daniel Niebla). Estamos, polo tanto, diante dun libro aberto a unha colectividade, un libro que canta os valores do compromiso e a solidariedade:
“acudimos á cita no cavorco,
aguantamos de pé e en pé de guerra
un trebón de palabras compromiso
a condea do individualismo
fervorosa defensa da nación.”
Desde o punto de vista estilístico, Cólera é tamén un libro singular, tanto na traxectoria de María Xosé Queizán como na poesía actual. O poemario semella un mosaico elaborado a partir de retallos de memoria, onde as consignas (Galicia ceibe, poder popular) e o ton panfletario son elementos recorrentes nas composicións. Este particular collage estabelece ademais unha relación intertextual con numerosas voces da literatura galega: Manuel María, Díaz Castro, Novoneyra, Rosalía e mesmo o Pondal épico –que fora obxecto de estudo e de crítica para a autora. Neste diálogo está tamén moi presente a música (de maneira especial, a dos cantautores Lluis Llach, Luis Cília e José Afonso), cuxos ecos conforman unha verdadeira banda sonora:
“berrar, cantar, tomar as rúas
segur que tomba, tomba, tomba.
Tombar a ditadura, camaradas,
trocar a represión en liberdade!”
“en cada rosto a igualdade
sentindo latexar os corazóns á beira
coma se fosen nosos
unha resaca de rabia reprimida
que ha de rebentar ata o triunfo final.”
Máis alá da evocación dun tempo, Cólera supón a recreación dun ambiente e mesmo dun discurso, segundo testemuña a recuperación dalgún dos clixés máis emblemáticos da poesía social e panfletaria. É por iso polo que o libro, escrito desde a paixón antes que desde o documentalismo, ocupa un espazo senlleiro na literatura da memoria aparecida nos últimos tempos.