Medio século de escrita poética e espallada de Xosé Luis Méndez Ferrín encontran agora edición conxunta neste volume. Un libro heteroxéneo que responde á vontade de compilación da obra dispersa do autor, algunha dela de difícil acceso para o lector común. Agasallo prezado para o seguidor da poesía ferriniana e complemento necesario para o seu estudoso, é tamén un suxerinte punto de partida para quen queira achegarse aos universos poéticos do autor ourensán.
1 / 5 / 2005
María Xesús Nogueira. LugoA compilación de textos recuperados ou inéditos dun autor que ten acadado unha indubidábel centralidade no sistema literario constitúe de por si un feito salientábel. No caso de Xosé Luis Méndez Ferrín, cuxa obra está presente en todas as antoloxías aparecidas recentemente, cómpre engadir outro acontecemento editorial, como é a magnífica reedición conmemorativa de Con pólvora e magnolias, ilustrada por Sucasas e publicada na colección Os Libros Xerais do XXV Aniversario.
A selva de Esm, que se presenta tamén nunha coidada edición, é un libro heteroxéneo que responde á vontade de compilación da obra dispersa do autor, algunha dela de difícil acceso para o lector común. Alén deste mérito, que non é pouco, o volume posúe un valor que lle vén dado pola información que o escritor expón nun xeneroso limiar, referida tanto á iniciativa de recolleita como á súa biografía e á xénese e historia editorial dalgunhas obras. Tales comentarios constitúen un guieiro sumamente útil para o lector, pois axúdano a facer unha lectura cronolóxica e ao tempo integradora dun escritor caracterizado pola concepción unitaria da súa obra.
A información resulta prolixa no referido á primeira sección do libro, “Voce na néboa”, pois explica polo miúdo a orixe do libro e a pertenza das composicións un poemario perdido, de grande extensión, titulado A Xuntanza do Piñeiro Derrubado, do que seleccionou unha pequena escolma para publicar na colección Alba co título Voce na néboa. Ferrín proporciona un novo dato ao explicar que foi unha razón económica a que motivou a redución do proxecto. Proveitosa resulta tamén a descrición da precaria situación editorial do momento, así como a explicación acerca da convivencia n’A Xuntanza do Piñeiro Derrubado de varias voces poéticas ou heterónimos, cuxo seguimento resulta ben atractivo desde a óptica de hoxe en día. Estes e outros datos biográfico-poéticos son de gran interese tanto para o lector afeccionado como para o estudoso da súa obra.
Un universo familiar ao lector de Ferrín
No que se refire ao contido, a heteroxeneidade á que fixen referencia está mitigada pola reiteración dunhas claves poéticas ás que o escritor foi afacendo o lector nos sucesivos poemarios: os seus universos ficcionais (o mundo artúrico, Galicia), o discurso político, a reescritura ou a elaboración dun particular código poético.
O volume estrutúrase en sete seccións determinadas pola orixe e datación dos textos. Son estas “Voce na néboa”, “Os Cincocentos Días”, “Homes e Illas”, “Morte de Amadís”, “Erótica”, “O Outro” e “Extravagantes”.
“Voce na néboa” recupera os sete textos deste opúsculo de 1957 e dous máis, d’A Xuntanza do Piñeiro Derrubado, que foran publicados nunha antoloxía de Ramón González Alegre. O conxunto pon ao dispor do lector de hoxe uns textos de difícil localización nos que unha voz ficcional e épica acada rexistros de fondo calado existencial. “Os Cincocentos Días” (1962) é un poemario perdido, “en parte erótico en parte político”, do que se reproducen tres composicións que apareceran no seu día na revista mexicana Vieiros. Abondo significativa resulta a alegoría que podemos ler no texto “Os Batracios”, incluído nesta sección. Por outra parte, o poema “Homes e Illas” (1986) fora publicado no libro Baiona, horizonte atlántico, de reducida tiraxe, xunto con gravados de Xosé Lodeiro.
Un universo familiar ao lector ferriniano está presente en “Morte de Amadís”, que fora publicado tamén nunha edición artesanal en 1991. Nun volume luxoso, con ilustración de Franciso Leiro, viu a luz “Erótica” (1991), serie na que o escritor desprega potentes imaxes eróticas cunha linguaxe innovadora. A vinculación de texto e obra plástica volve producirse na sección “O Outro” (2002), na que se recuperan once textos que foran publicados xunto con augafortes de Manuel Facal. Entre estes textos heteroxéneos (temática política, homenaxe persoal, etc.) figura o revelador “Verbas a lector futuro”, testemuña de grande valor autopoético que conclúe coa afirmación “todo lector está fora do mundo”, mediante a que reforza ese receptor ideal ao que o autor se ten referido nalgunha ocasión:
para que ti existas como eu quero
todo pende en nosoutros
cucará neses lados o cuco ledo
no profundo do bosco primavera
e non lonxe
o chocallo da vacada se cadra igoal ca hoxe
Finalmente, “Extravagantes” (1972-2003) reúne textos soltos que foran publicados en Dorna, Intifada e Batiscafo, alén do poema que prologa Patria do mar, de Darío Xohán Cabana e o inédito “Epístola a Darío”.
Era na selva de Esm (título tomado, por certo, do primeiro verso de “A fuxida de Loog”, de Voce na néboa) achéganos, en palabras do seu autor, a “case cincuenta anos de escrita poética” pois “o primeiro e o último que escribín en verso están aquí”. Agasallo prezado para o seguidor da poesía ferriniana e complemento necesario para o seu estudoso, é tamén un suxerinte punto de partida para quen queira achegarse aos universos poéticos do autor ourensán.