Medio século de escrita poética de Xosé Luis Méndez Ferrín encontran agora edición conxunta nun volume da editorial Espiral Maior. En “Era na selva de Esm” reúnense as creacións poéticas do autor de Vilanova dos Infantes entre 1956 e 2003 recompiladas coa axuda da crítica Iris Cochón. Ferrín reúne obras non doadas de atopar polos lectores, dispersas en publicacións periódicas ou pertencentes a libros de tiraxe curta ou dos que só se editou unha parte, como é o caso de “A Xuntanza do Piñeiro Derrubado”, de 1956, do que só chegaron a publicarse sete poemas no volume “Voce na néboa”.