É certamente Emma Pedreira (A Coruña, 1978) autora dunha obra extensa e complexa no que á poesía se refire, formada polos títulos Diario bautismal dunha anarquista morta (1999), Grimorio (2000), Corpo (2001), As posturas do día (2001), Velenarias (2001) e Os cadernos d’amor e os velenos (2002). A fortuna sorriulle especialmente á escritora, pois os máis destes libros foron merecedores de premios literarios ou accésits, como tamén o foi o ata o de agora derradeiro, Casa de orfas, do Fiz Vergara Vilariño na súa quinta edición.
31 / 10 / 2005
María Xesús Nogueira. LugoA poesía de Emma non resulta porén de doada lectura. O enmascaramento do eu en suxeitos varios, a creación de neoloxismos, a hibridación textual e a particular simboloxía dan como resultado unha proposta orixinal que se afasta da simplicidade. Alén disto, quen le vese a miúdo sobrecollido por un intimismo tremendista produto dunha escritura violenta que se adentra sen reparos nos recantos máis cavernosos do ser humano.
"Casa de orfas" é un poemario continuador da estética iniciada nas obras anteriores, tanto nas súas actitudes como nunha boa parte dos universos temáticos. O título espella a harmonización de dous importantes elementos desenvolvidos no libro, como son o símbolo da casa e o concepto de orfandade, que articulan ademais as dúas seccións nas que se estrutura o poemario.
A primeira delas, “As orfas”, comeza cunhas cortazarianas “Instruccións para ler”, nas que se percibe unha vontade de deconstrución de tópicos asociados ao mundo feminino así como unha declaración de intencións que, malia ter que ser lida logo de activar o filtro da ironía, resume en boa medida os contidos nela abordados:
“todas as nenas quixemos ser Alicia ou ser sereas
Todas as nenas temos un manifesto proclamo que engade palabras
e disloca ósos e músculos para facer sitio ao que vén
e metemos verbas bonitas aos labres e puntadas do corazón
e no meu verso vense ben:
libeliñas ofelias e achádegos de libro rosas mortas na miola entre
as letras porque me gusta como soan cousas como resío ronsel ou
fumigada sulfatodelirioempó demenciada e contrarreforma. Soan
ao oído tan ben como a túa pel
cando se desarma
para recoller a miña
como roupa limpa.”
Nestas páxinas dedicadas á orfandade a autora preséntanos, como xa fixera en anteriores ocasións, un catálogo de personaxes femininos integrados nos distintos textos e contemplados desde ópticas ben diferentes: a serea, Morgana, Heloísa, Carapuchiña, Penélope, Ofelia, Sheherezade, Xenebra ou Alice Lidell, alén de suxeitos plurais como “elas”, “as invisibles” e “as mulleres de Chihuahua”. A autora contravén a tradición herdada mediante interpretacións, por veces humorísticas, como a referida á serea:
“Todo porque no mercado
un enorme peixe sen cabeza tiña embigo na súa última espiña.
Todo porque no verquedoiro
aparecera unha princesa
que viña do mar e non tiña pernas.”
Outras veces a autora introduce novos personaxes (a mai ou o cazador en Carapuchiña), interpreta con liberdade o mito de Penélope e mesmo insire referencias interdisciplinares (alusión ao cadro “Ofelia” de Millais). Cómpre destacar o contido social dos últimos textos, claramente solidarios con suxeitos femininos colectivos, como as mulleres lapidadas (“Petrípara”), as ataviadas coa burka (“Peleburka”) ou as asasinadas en Chihuahua (“8 mulleres de trapo”). A práctica dun discurso social confire á poesía de Emma Pedreira un matiz ata agora descoñecido.
A parte segunda, “Casa”, ábrese tamén cun poema (“Intención”) que adianta a idea de animalidade, presente en toda a sección: “Non hai nada que eu represente / que sexa menos animal do que son e sinto”. Son estas páxinas unha biografía simbólica na que a casa ocupa un lugar central: “Casa é caixa de ferramentas e tarro de velenos, / herbario de antipoemas, burlario bestiario despido / de tapas duras [...]”. O intento por parte da voz poética de esclarecer o significado dalgún dos símbolos (o río, os velenos e o máis polivalente, a casa) dá a esta segunda parte un valor metapoético. A “Oración polas orfas” das páxinas finais proporciona unidade a dúas seccións en aparencia bastante desiguais.
Casa de orfas é unha boa mostra da vitalidade poética de Emma Couceiro que, alén das reiteracións que poidamos atopar con respecto a obras anteriores, confírmaa dona dunha estética orixinal, curmá, sen dúbida, doutras poéticas femininas (revisión de tópicos, personaxes, linguaxe do corpo, etc.), que obriga, as máis das veces, a unha lectura incómoda e violenta, lonxe de inocentes Alicias e de contos de sereas: “teño corvos embaixo da lingua”, “dubido en nacido en calquera lugar que non estea / arrincado ás veas / tristes / da triste espera”.