Noticias
A Coruña achégase á música contemporánea co II Festival RESIS
Xénero:
| 22 / 4 / 2019Coa intención de se consolidar como unha plataforma estable de estrea e difusión da música contemporánea o Festival RESIS celebrará na Coruña a súa segunda xeira. Entre o 3 e maio e o 1 de xuño espazos da cidade como a Domus, a Fundación Luís Seoane, a Igrexa das Capuchiñas, a NORMAL, o Museo de Belas Artes ou o Paraninfo da UDC acollerán as actuacións de Begoña M. Santiago, César Viana e Luz Arcas, Romina Casile e Marco Maril, Gran Torso, David Durán, Manuel del Río, Vertixe Sonora ou Hachè Costa & Jacobo Gaspar. O programa inclúe ademais un encontro entre música e gastronomía e obradoiros nos que alumnos de composición do Conservatorio de Vigo se encontrarán con tres compositores contemporáneos.
Alba Messa estréase na longa duración Con todas las consecuencias
Xénero:
| 17 / 4 / 2019Bases electrónicas, produción coidada e letras moi persoais compoñen Con todas las consecuencias, primeiro álbum da cantante luguesa Alba Messa. A autora corre coa composición dos once temas dun disco autoeditado no que aborda temas como o amor, a relación cos animais ou a vida en xeral. Manu Chalud, Sasha Pantchenko ou Josh Tampico participan como produtores neste proxecto, do que acaba de ver a luz o primeiro vídeo, Será Será. Messa comezaba a pasada fin de semana en Lugo a xira de presentación, con datas confirmadas en Zaragoza, Valencia e Madrid para o vindeiros meses.
O 33 Festival Noroeste empeza a crecer en feminino con novas incorporacións
Xénero:
| 16 / 4 / 2019O 33º Festival Noroeste Estrella Galicia da Coruña desvela novas confirmacións para este 2019 e case todas elas en feminino total ou parcialmente, como xa fixera na anterior edición. Así Nathy Peluso daralle a réplica a Patti Smith and Band sobre o escenario da Praia de Riazor o venres 9 de agosto. Ademais tres nomes son de proxectos galegos, o dúo Vudú, Las Antonias e Andhrea & The Black Cats. Mentres, Soleá Morente levará ao Castelo de Santo Antón o seu pop flamenco, no mesmo espazo onde o público tamén poderá gozar da cantautora estadounidense Holly Miranda. Na súa pasada edición, o festival rexistrou preto de 90.000 asistentes e un 72% de cota feminina nun cartel con máis de 85 bandas e artistas programadas.
Xoán Curiel presenta o libro-cd 'Canta, miña pedra, canta' dedicado a Antonio Fraguas
Xénero:
| 16 / 4 / 2019Cun título sacado dunha cantiga recollida preto da casa de Antonio Fraguas, Xoán Curiel presenta o disco Canta, miña pedra, canta (Sonárbore, 2019), un traballo dirixido ao público infantil e baseado na vida e obra do autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas. Curiel ofrece nas once pezas deste libro-cd un percorrido pola tradición popular recollida en Cantigueiro de Cotobade e tamén con letras creadas para que os nenos e nenas coñezan o mestre galeguista, inseridas en sons que presentan sons tradicionais e outros máis modernos. O disco gravouse en Gourmet Sound estudio e conta con moitas colaboracións nas voces e instrumentos como a de Sérgio Tannus que engade sonoridades do Brasil en dous temas, país traído ao libro porque o pai de Fraguas tivo que emigrar a el. Curiel non dá puntada sen fío e para cada tema do disco acha unha conexión co mestre Antonio Fraguas e a súa obra.
Os Amigos do Músicos presentan o disco 'Segundo fogar'
Xénero:
| 15 / 4 / 2019Os Amigos dos Músicos achan novo fogar nun novo disco. Case tres anos despois do seu disco de debut (Os Amigos dos Músicos, Gran Derby Records 2016) a banda ourensá presenta estes días tanto en plataformas dixitais como en tendas o novo traballo Segundo fogar (Todomedre,2019). A banda que conseguiu facerse un oco na escena pop do país entrando en numerosos carteis de festivais e conseguindo o Premio Martín Códax en 2017 na categoría POP/Indie aumenta a súa aposta por un son máis folk, aínda que mantendo bases do pop, en galego e apegado á terra e a tradición as través dos dez temas que conforman este traballo. O disco do sexteto (Jaime Mateo, Arcadio Nóvoa, Raúl Diz, Daniel Alonso, Druso Pedrouzo, Álvaro A. Rivera.) preséntase ao igual que o primeiro como un traballo de gran coherencia sonora e virtuosismo instrumental, no que as composicións corren a cargo de varios dos seus seis compoñentes. Nunha delas, Bicarelo, ademais tiran para a letra dun poema do poeta Uxío Novoneyra. O primeiro concerto onde o grupo defenderá en directo Segundo fogar será en Lugo, o 18 de maio dentro do programa do FaCeLa fest.
Medran as axudas da Agadic a festivais escénicos e musicais
Xénero:
| 15 / 4 / 2019Un incremento de 70.000 euros apoiará o desenvolvemento de festivais escénicos e musicais que se desenvolvan entre o 1 de novembro de 2018 e o 31 de outubro de 2019. O DOG publicaba o pasado venres a convocatoria das subvencións a festivais de artes escénicas e de música, que chegan nesta ocasión aos 530.000 euros. Destes fondos, 340.000 destínanse a eventos musicais, categoría que recibe o maior incremento ao contar con 60.000 euros máis que no pasado ano. Os festivais escénicos, pola súa banda, repartirán 190.000 euros, 10.000 máis que no anterior exercicio. O prazo para acceder as estas liñas de apoio está aberto ata o vindeiro 13 de maio.
O Festival de la Luz presume de eclecticismo na súa oitava edición
Xénero:
| 12 / 4 / 2019A oitava edición do Festival de la Luz presentouse hoxe en sociedade na sede de CaixaBank en Santiago, un feito pouco usual pero explicable ao sumar o patrocinio da Obra Social LaCaixa a este evento. Farruco Castromán da promotora ZircoZine e Paco Pérez Bryan, organizador e parella de Luz Casal, desvelaron as características que este ano terá o festival- romaría de Boimorto. A falta dalgunhas confirmacións a maiores que terán lugar a finais de xullo o festival de La Luz ten xa un cartel con máis de trinta nomes que pasarán por algúns dos seus dous escenarios entre os días 5 e 7 de setembro. Paco Pérez Bryan reivindicou como sinal de identidade do festival o carácter ecléctico da oferta musical do evento que inclúe nomes que “forman xa parte da historia da música pop española”. Así podemos ler os nomes de bandas de sobrada traxectoria como Celtas Cortos, Orquesta Mondragón, Mikel Erentxun ou Amparanoia xunto a abandeirados da escena indie actual como Egon Soda, Ángel Stanich, Arizona Baby , Diavlo, Putochinomaricón, Broken Peach, Delaporte ou Kitai ata as presenzas internacionais como a electrónica islandesa a cargo de Gus, Gus. Tamén a escena musical galega estará moi presente nesta tres xornadas grazas a nomes como Basanta, Presumido, BFlecha, Cepeda (OT), Riff Raff, Ortiga, Tiruleque, Silvia Penide, As Netas de Mauriza e a Banda de Música de Arzua, esta última preséntase como unha das grandes sorpresas xa que consegue, grazas ao seu éxito e aceptación en edicións anteriores no horario de mañá, un posto no horario de noite máis multitudinario. Tamén se unen no cartel Andhrea & the Black Cats e Allova, bandas seleccionadas por Mahou de entre os proxectos participantes no Coworking de Emprendemento Musical organizado pola Fundación Paideia.
Familia Caamagno presentan o seu novo disco 'Había que intentalo'
Xénero:
| 12 / 4 / 2019Como xa ocorrera co seu anterior traballo discográfico, os sigüeiráns Familia Caamagno elixiron a Sala Capitol de Santiago para a presentación do seu novo traballo Había que intentalo (Folc Records). Estes sábado 13 de abril a banda convocará aos seus fieis e celebrar a ocasión oficialmente, acompañados ademais por outra banda da corda, os Oh Ayatollah!. A banda de power pop en galego mantén a súa liña sonora bailable, divertida e chea de enerxía e a súas letras contemporáneas apegadas ao territorio e á vida real. O novo álbum, que xa está nas plataformas dixitais, está formado por oito cancións e máis un bonus track, cos que achegan novos himnos, coma Castromil, O peor non son os cartos ou Un día espectacular. Dialogando cos seus discos anteriores, continuístas no rock & roll de inspiración 60’s pero cun afán renovador: Tabernas e rotondas, Cocogualla e Proceso Soberanista. O novo traballo, o terceiro disco editado pola banda, está gravado entre os días 2 e 7 de febreiro nos estudios Circo Perrotti de Xixón. Ao igual que os dous anteriores está producido, mesturado e masterizado por Jorge Explosión, agás o corte Canción Moderna de Occidente, que está producido, gravado e mesturado por Hevi no Laboratorio Soyuz e masterizado por Cem Oral en Jammin’ Masters (Berlín) en maio de 2018.
Nace na Coruña o festival REC Fest de rock
Xénero:
| 11 / 4 / 2019Rock en Coruña REC Fest é un novo encontro musical na cidade herculina. Un festival que xurde aspirando a converterse en referencia a nivel estatal para os amantes da música de guitarras na súa versión máis enerxética. A primeira edición do evento xa ten data, hora e cartel, terá lugar o sábado 23 de novembro de 2019, a partires das 19.00 horas, no Coliseum d’A Coruña. Seis horas de sons incendiarios e música combativa. Co propósito de ser ecléctico dentro do xénero do rock, no cartel do REC Fest teñen cabida sons coma o Punk, o Ska, o rock clásico, o Metal, o Hardcore, os ritmos urbanos, a fusión, etc. Na cita non faltan figuras de alcance nacional e internacional e bandas con acento galego. No cartel da súa primera edición dánse cita Ska-P, Dakidarría, La Regadera, Bastards On Parade, Machete en Boca e Ezetaerre. As entradas do REC Fest estarán dispoñibles a partires do vindeiro luns 15 de abril a través das plataformas online Ticketea e Ataquilla e, físicamente, no Quiosco da Praza de Ourense. O REC Fest (Rock En Coruña) é un festival organizado pola promotora de eventos Galicia Vella, coa colaboración do Concello de A Coruña.
Xacarandaina: A evolución do patrimonio sonoro
Xénero:
| 11 / 4 / 2019A moita xente pode parecerlle que a música tradicional está aí desde sempre, sen mudanzas, e que na actualidade só cómpre rescatala e interpretala. No entanto, o xeito no que a nosa sociedade se achega a este patrimonio foi mudando ao longo do tempo. Nas últimas catro décadas, o colectivo Xacarandaina foi un axente ademais de testemuña privilexiada destas mudanzas. A coincidir co seu aniversario repasamos con eles a evolución que se deu neste campo.