Ir ao contido directamente.


Noticias

ISIUS presenta o seu disco de debut en Vigo

Xénero: Rock | 11 / 4 / 2019

ISIUS_SFE.jpg

A sala La Fábrica de Chocolate de Vigo acollerá mañá venres 12 a presentación en concerto do álbum debut de ISIUS, Songs from Everywhere (Ernie Records, 2019). Tras dous temas de adianto (Moving On e The Hollow Side) saía o pasado 1 de marzo en plataformas dixitais o álbum completo con sete temas, todos eles cantados en inglés e compostos por José Viqueira (ex- Free Serena) a metade do proxecto ISIUS xunto a Nuria Moreu. Para defender o traballo en directo contan con Eduardo Romero (baixo), Carlos Gil (guitarra) e Alberto Iglesias (batería). Os temas de ISIUS parten das vivencias da parella e son un retrato sonoro do seu devir vital, unha crónica de varios anos e experiencias compartidas. Para iso a banda usa un repertorio de composicións propias que nos sitúa nos ecos do folk-rock americano, a discográfica apunta referencias como Death Cab for Cutie ou Nada Surf e serían de engadir outras como Nick Mulvey, The Oh Hellos e, xa máis cerca, Pajaro Sunrise. O "mapa sonoro" como crónica das vivencias da parella preséntase á prensa xa delimitado e sinaladas as fases: o paso da parella por Madrid (The Hollow Side, GWG, Chasing Time), Holanda (Moving On, De Pijp), o regreso a Galicia e nacemiento da súa filla (Ana's Lullaby). A gravación e produción do disco levouse a cabo no estudio do produtor Paco Loco en Cádiz coa batería de Rafa Camisón e a participación de numerosos músicos que pasaron pola casa durante a gravación. Despois desta presentación a banda estará o vindeiro día 18 actuando de abreconcertos para os escoceses Teenage Fanclub na Sala Capitol de Santiago de Compostela.

Faia debuta en solitario con Ao cabo leirín

Xénero: Fusión | 9 / 4 / 2019

cabo_leirin_faia2.jpg

Faia Díaz Novo, membro de De Vacas, o Coro Encaixe ou Apatacón acaba de iniciar a súa carreira en solitario. Ao cabo leirín é o título do primeiro disco de Faia, un lanzamento de seis temas no que a voz, a interpretar cantigas de feitío tradicional, aparece como protagonista absoluta. Acompañána ambientes sonoros contemporáneos que se desesnvolven en colaboración con Hevi, de Fluzo e Malandrómeda, a crear un innovador contraste. O proxecto complétase coas videocreacións de Sara Traba que acompañan cada unha das cancións. O álbum pódese escoitar íntegro no web da artista, onde tamén se poden ver os vídeos correspondentes a cada tema.

O 17° Ribeira Sacra Festival presenta artistas e espazos para a súa terceira edición

Xénero: Miscelánea | 5 / 4 / 2019

imaxe non dispoñible

O festival 17° Ribeira Sacra deu hoxe a coñecer o seu cartel de artistas confirmados para a programación Paisaxe desta terceira edición, a falta dalgunhas “sorpresas” que aínda poidan chegar, segundo Carlos Montilla, director do 17° Ribeira Sacra. Entre o 18 e o 21 de xullo Terán lugar en oito localizacións diferentes os 13 concertos das sesións Paisaxe desta terceira edición. Tres adegas, o parador de Monforte, o miradoiro de Santiorxo, a reitoral de Gundivós a Praza de España de Chantada e o barco catamarán de Doade acollerán estas actuacións. O cartel artístico "aposta pola variedade e a diferenciación" nun contexto de saturación de festivais no que, Segundo Montilla o 17° Ribeira Sacra non quere presentarse como "un festival temático" e ademais preséntase cun concepto afastado dos eventos masivos buscando un público diferente tamén. O arxentino Kevin Johansen, o estadounidense Jonathan Wilson e a a veterana banda de rock Los Enemigos encabezan as propostas este ano. Tamén están as galegas Marem Ladson e Cora Velasco, Enric Montefusco, McEnroe, Delafé, Jacobo Serra, Champs, Alberto&García, 39th& The Nortons e Soledad Vélez, esta última será quen dará o concerto a bordo do catamarán. Hoxe ás 20:00 horas dá comezo tamén no mesmo lugar da presentación, a fundación DIDAC de Santiago, o ciclo de concertos 17° Delicatessen, antesala do festival, coa actuación de Santi Araújo en entrada libre ata completar aforo.

A Gramola Gominola presenta en Pontevedra o seu terceiro disco

Xénero: Infantil | 5 / 4 / 2019

Bravas_capa_gramolaG.jpg

No marco do XIX Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, o grupo A Gramola Gominola presenta este sábado 6 de abril o seu novo traballo de música infantil: BRAVAS. O REXURDIR DA LUZ (Sonárbore, Ed. Galaxia). A banda de rock ofrecerá un concerto a partir das 19.00 horas no Pazo da Cultura para dar a coñecer e iniciar a distribución deste terceiro traballo da banda que gañou o Premio Martín Códax da Música 2018 ao mellor grupo de música infantil, que se lle entregou no mesmo recinto onde mañá presentan este traballo. Segundo comunica a formación, o libro-disco, pon en valor ás Superheroínas que tratan de cambiar o mundo cos seus superpoderes. As protagonistas de BRAVAS. O REXURDIR DA LUZ, ilustradas por Iago Araujo, viven mil aventuras. A Megatronca, a Lebre Chouteira, a Superlingua, Paz, a Banda Pica Pica e moitas máis empregan os seus poderes para loitar contra o abuso escolar, defender a lingua, protexer a natureza e visibilizar as emocións. A Gramola Gominola nace en 2015 como unha banda de auténtico Rock&Roll en galego para público cativo. Eles son Paco Cerdeira (Pakolas, Zenzar), Paula Romero (De Vacas, Coro Encaixe), Anxelo de Xermar (Festicultores Troupe) e Rodrigo Muñoz (Di elas, Lacón con Grelos). Trala estrea de Pontevedra, a banda presentará o novo proxecto o 21 e abril, ás 18.00 horas, no Teatro Colón da Coruña.

O 8º Galegote Rock volve a facer de Pontevedra a capital da música en galego

Xénero: Miscelánea | 4 / 4 / 2019

imaxe non dispoñible

O vindeiro 25 de abril volverá a Pontevedra o Galegote Rock, a aposta máis forte pola música en galego no país. O festival alcanza este ano a oitava edición e entre o día 25 e o 27 ofrecerá numerosos concertos tanto nas rúas como no interior de locais tendo todos eles como común denominador o uso da lingua galega na música. O Parque das Palmeiras acollerá por vez primeira algúns dos concertos do programa entre os que destacan na cabeza do cartel as actuacións de Malandrómeda, Terbutalina, Oh!Ayatollah e Chicharrón. Actuarán tamén seis bandas do programa Xeración Sónica, compostas por adolescentes de 12 a 16 anos que cantan en galego. O cartels deste 8º Galegote Rock ofrecerá ademais propostas moi variadas en canto a xéneros musicais coa presenza de música rock, rap, electrónica, funk, etc. A sala Karma e El Pequeño seguen a ser locais de referencia neste festival urbano no que tamén haberá concertos en A Taberna do Jazz e O Diaño. O xoves 25 de abril haberá unha obra de teatro musicalizada, Ele e Dylan: As flores solitarias, en A Taberna do Jazz.

A RFG estrea hoxe en Vigo a obra 'Sálvora' do compositor Xabier Mariño

Xénero: Clásica/Lírica | 4 / 4 / 2019

imaxe non dispoñible

A Real Filharmonía de Galicia estrará hoxe no Teatro Afundación de Vigo a obra Sálvora de Xabier Mariño (Ponteareas, 1983). Esta estrea absoluta forma parte do programa que a orquestra dirixida por Paul Daniel dará na cidade olívica acompañada polo pianista Nicholas Angelich. Sálvora é unha partitura escrita por encargo da RFG dentro do seu programa de impulso a novos compositores e está inspirada nunha lenda que xunta a seres míticos, sereas, e viquingos na illa á que se refire e mitifica a orixe do apelido “mariño”. Na obra, toda esta historia, forma un dos fíos argumentais, ademais doutras cuestións propias das características da illa. Outra das ideas de Sálvora, segundo Mariño, é a intención de formar parte dun tríptico coas súas ‘irmáns maiores’ dentro das chamadas ‘Illas Atlánticas’ xunto con Ons e Cíes. No concerto de hoxe ás 20 horas a RFG tamén executará, en estrea para España, a obra Scenes from Schumann, op. 13 do británico Robin Holloway e outras dúas obras do propio Schumann: Carnaval, op. 9 e Concerto para piano en la m, op. 54.

Xacarandaina recupera gravacións inéditas polos seus corenta anos

Xénero: Folk | 4 / 4 / 2019

40anos xacarandaina.jpg

Unha selección de músicas gravadas ao vivo, material descartado doutros álbums ou proxectos que non chegaron a ver a luz compoñen o disco 40 anos Xacarandaina. A formación de música tradicional coruñesa celebra o seu aniversario con este lanzamento, no que se poden escoitar desde a Danza de Bergantiños, gravada ao vivo en 1981 nun festival bretón, ata gravacións do pasado ano que permiten verificar a evolución do grupo de música e baile tradicional ao longo do tempo. Ademais, inclúense temas rexistrados en 1990 na que se considera a primeira gravación moderna dun grupo de pandeireteiras para un disco.

O Melona Fest de Santiago abre hoxe a súa cuarta edición

Xénero: Alternativa | 3 / 4 / 2019

imaxe non dispoñible

O colectivo La Melona, promotora e selo discográfico, abre hoxe o programa da cuarta edición do Melona Fest en Santiago. Este evento de música alternativa ofrece concertos, sesións e outras actividades culturais espalladas por varios locais e recintos da capital galega, sete en total, ata o vindeiro sábado día 6. Como prólogo inaugurábase o pasado sábado 30 de marzo a exposición de White Collective na Casa do Matadoiro. Hoxe ás 17:00 horas abrirá o programa desta nova edición a proxección no club Riquela da longametraxe "neoquinqui" Criando ratas (2016) do cineasta e compositor Carlos Salado. A presentación oficial deste Melona Fest 4 terá lugar alí mesmo ás 21:30 horas seguida Riquela dun espectáculo audiovisual a cargo de Live Pixel, o proxecto da artista visual Marta Verde e o artista multimedia Juanma Lodo. En total serán case vinte concertos e varias sesións de Dj con nomes como Soledad Vélez, Pantis, Pony Bravo, Blanco Palamera, Trifulca, etc. Neste contexto Nico Casal estrea o seu primeiro disco o 5 de abril baixo o título Alone, unha obra que trata de conxugar a vangarda co clásico e que supón un punto de inflexión creativa e un momento de resolución artística. Ademais o programa ofrece o Encontro entre voluntariado e iniciativas culturais: motivacións e metas do voluntariado da USC, obradoiros e conferencias.

O ciclo 'Liberdades Sonoras' de Lugo finalizará co concerto de volta de Holywater

Xénero: Miscelánea | 28 / 3 / 2019

imaxe non dispoñible

A terceira edición do ciclo de concertos Liberdades Sonoras deseñado especificamente para O Vello Cárcere de Lugo polas promotoras Work On Sunday e CLAP comezará o domingo 7 de abril, nun concerto dos holandeses Jungle By Night ao aire libre xunto ao edificio histórico no Cantiño Nemesio Cobreros. O combo de Amsterdan ofrecerán a súa explosiva mestura de krautrock, dance, jazz e afrobeat presentando ademais o seu novo disco Livingstonenop que será o seu único concerto no noroeste español. O segundo concerto será o venres 3 de maio a cargo da lisboeta Sofía Mestre, alias Clothilde. Pecha esta terceira edición de Liberdades Sonoras o esperado regreso dos lucenses Holywater, presentando o seu novo disco tras varios anos de silencio, Arboreal (Ernie Records, 2019). Tras un silencio discográfico de sete anos, os lucenses volven aos escenarios para presentar o seu novo traballo, a súa sétima referencia, gravado o pasado agosto. Esta volta supón un broche de outro para pechar esta terceira edición do ciclo lucense.

A AS-PG publica Pondaliana, quince poemas musicados do Bardo de Ponteceso

Xénero: Miscelánea | 28 / 3 / 2019

pondaliana_cd.jpg

En 2017, a coincidir co centenario da morte de Eduardo Pondal, a Sociedade Cultural Medulio de Ferrol realizou un concerto no que se presentaron versións musicadas de textos do Bardo de Ponteceso. Dous anos despois, a Asociación Socio Pedagóxica Galega recupera aquel repertorio no CD Pondaliana, un álbum que recolle quince temas con letra de Pondal e música de diferentes autores e que ve a luz en colaboración coa Mesa pola Normalización Lingüística. Xoán Padín, Lidia Piñeiro, Alberte López Porta e Roberto Vázquez nas voces, Andrés Pazos Bellón co piano, Alberte Maceiras á gaita, Alberte Núñez co acordeón diatónico, Soraia García Riveiros á frauta, Marta Varela Porto a achegar o óboe, Pablo Salgueiro Alonso na percusión, Víctor Gacio co baixo, Marcos Sánchez coa marimba e Cabe García na guitarra eléctrica son algúns dos creadores que participan desta iniciativa.

<< Inicio / Anterior . 941 a 950 de 3533 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR