Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / O ciclo 'Liberdades Sonoras' de Lugo finalizará co concerto de volta de Holywater

O FIV DE VILALBA PECHA CARTEL E HAI NOVAS CONFIRMACIóNS NOS FESTIVAIS REVENIDAS, PORTAMéRICA E ROCK IN RíO TEA

O ciclo 'Liberdades Sonoras' de Lugo finalizará co concerto de volta de Holywater

MISCELáNEA | marzo 28, 2019

imaxe non dispoñible

A terceira edición do ciclo de concertos Liberdades Sonoras deseñado especificamente para O Vello Cárcere de Lugo polas promotoras Work On Sunday e CLAP comezará o domingo 7 de abril, nun concerto dos holandeses Jungle By Night ao aire libre xunto ao edificio histórico no Cantiño Nemesio Cobreros. O combo de Amsterdan ofrecerán a súa explosiva mestura de krautrock, dance, jazz e afrobeat presentando ademais o seu novo disco Livingstonenop que será o seu único concerto no noroeste español. O segundo concerto será o venres 3 de maio a cargo da lisboeta Sofía Mestre, alias Clothilde. Pecha esta terceira edición de Liberdades Sonoras o esperado regreso dos lucenses Holywater, presentando o seu novo disco tras varios anos de silencio, Arboreal (Ernie Records, 2019). Tras un silencio discográfico de sete anos, os lucenses volven aos escenarios para presentar o seu novo traballo, a súa sétima referencia, gravado o pasado agosto. Esta volta supón un broche de outro para pechar esta terceira edición do ciclo lucense.

Ademais estes pasados días foron varios os festivais que foron avanzando confirmacións, as primeiras ou as últimas dos seus carteis dependendo do caso. Moi cerca de Lugo, en Vilalba, o FIV ven de pechar o seu cartel para a seguinte edición que terá lugar entre os días 26 e 27 de abril. A incorporación da banda granadina Los Planetas foi o prato forte deste peche ao que hai que engadir aos Sidonie en formato Dj e a La Sonrisa de Julia, así como a Banda de Música de Vilalba un ano máis, poñendo o selo local a este evento que xa non ten abonos pero si entradas diarias aínda á venda.

O festival Portamérica de Caldas de Reis ven tamén de incluír novos nomes na súa oferta deste ano. Oito novidades no seu xa gran cartel para os días 4, 5 e 6 de xullo. A concursante de OT17, Amaia, encabeza estes avances, nos que tamén están, como é habitual bandas da América latina como Monsieur Periné (Colombia) e Los Espíritus (Arxentina). Os barceloneses Elefantes traerán de novo a un dos seus integrantes , Shuarma, ao Portamérica onde xa estivo noutras edicións. O festival gastro-musical tamén contará con Pablo Lesuit, os zamoranos El lado Oscuro de la Broca, Trapical Minds e a sempre segura Duendenta para súa zona de descanso.

Pola súa banda o festival de Vilaxoán, en Arousa, o Revenidas ,continúa tamén engadindo nomes ao seu cartel para os días 9 ao 11 de agosto. Seis novas incorporacións a un cartel xa formado por nomes nacionais e internacionais, encabezadas polos italianos Talco. A nova xeira de novidades inclúe tamén a Gatillazo, aos arxentinos Los Caligaris, Mal Élevé, Tribade e Valira. Completan esta edición os xa anunciados previamente The Baboon Show, o barcelonés El Niño de la Hipoteca en formato eléctrico acompañado de Los Ratones, as galegas Flow do Toxo, Desakato e Los Jinetes del Trópico.

En Ponteareas o Rock in Río Tea ven de abrir o fogo cos primeiros nomes do seu cartel dedicado claramente ao rock e xa o fixeron cun cabeza de cartel de éxito seguro, como son os Herdeiros da Crus. O festival que se celebrará os días 19 e 20 de xullo tamén confirmou outras dúas bandas de potencia como KITAI e The Levitants.

Ligazóns
Relacionadas