Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / O 33 Festival Noroeste empeza a crecer en feminino con novas incorporacións

REVENIDAS, SONRíAS BAIXAS, MORRASOUND E DISCALZ@S TAMéN PRESENTAN NOVIDADES

O 33 Festival Noroeste empeza a crecer en feminino con novas incorporacións

MISCELáNEA | abril 16, 2019

imaxe non dispoñible

O 33º Festival Noroeste Estrella Galicia da Coruña desvela novas confirmacións para este 2019 e case todas elas en feminino total ou parcialmente, como xa fixera na anterior edición. Así Nathy Peluso daralle a réplica a Patti Smith and Band sobre o escenario da Praia de Riazor o venres 9 de agosto. Ademais tres nomes son de proxectos galegos, o dúo Vudú, Las Antonias e Andhrea & The Black Cats. Mentres, Soleá Morente levará ao Castelo de Santo Antón o seu pop flamenco, no mesmo espazo onde o público tamén poderá gozar da cantautora estadounidense Holly Miranda. Na súa pasada edición, o festival rexistrou preto de 90.000 asistentes e un 72% de cota feminina nun cartel con máis de 85 bandas e artistas programadas.

En coincidencia de datas pero con outra liña musical completamente diferente, o festival Revenidas en Vilaxoán de Arousa tamén ten confirmacións recentes para esta edición. Desakato, Los Gatillazo, Talco, The Baboon Show, Los Caligaris, Mal Elevé, Tribade, Valira, El Niño de la Hipoteca, Flow do toxo e Los Jinetes del Trópico conforman agora mesmo un cartel por completar proximamente. Tamén nese comezo de agosto está o SonRías Baixas de Bueu. O festival ven de engadir seis novos nomes a un cartel xa avultado por dúas anteriores tandas de confirmacións. SÉS estará este ano en Bueu e con ela únense ao evento Som do Galpóm, Iseo & Dodosound with The Mousehunters, Dubioza kolektiv, Hakuna Tanaka e Nius de Nit. Estes veñen de sumarse para estar en Bueu do 1 ao 3 de agosto ás bandas galegas NAO e Dakidarría, os madrileños Boikot e Segismundo Toxicómano, ZOO, Zea Mays, La M.O.D.A., La Pegatina, Periferia Norte e Muyayo Rif.

Máis ao norte en Cedeira veñen de presentar a 5ª edición de Discalz@s polo Festival, un evento que se celebrará entre o 2 e 3 de agosto e que xa presenta oito nomes no cartel. Encabeza a veterana banda de rock Heredeiros da Crus, que seguen a celebrar o seu 25 aniversario. Tamén están confirmados Terbutalina, Ezetaerre, Ruxe Ruxe, Los Eternos, Airoa, Víctor Aneiros e a Banda Municipal de Cedeira. O evento é de balde. Tamén chegan noticias de Moaña, onde o festival de rock Morrasound, dá sinais de vida e convoca xa para os días 12 e 13 de xullo ao seu público. Inicialmente o evento do Morrazo presenta tres confirmacións artísticas: os ingleses The Brew, O’Funk’illo, e os galegos Familia Caamagno que stará presentando alí tamén o seu recente novo disco.