Noticias
Cinco salas de Vigo, Coruña e O Porriño levan as axudas de AGADIC para artes escénicas
Xénero:
| 21 / 6 / 2019Cinco salas privadas de artes escénicas recibirán este ano as axudas convocadas pola Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC) para apoiar tanto os gastos de funcionamento como os investimentos en programación de artes escénicas neste tipo de axentes. Os 150.000 euros que a Axencia dedica este ano para este fin, se repartirán entre dúas salas de Vigo, dúas da Coruña e unha de O Porriño. As dúas salas viguesas, Teatro Ensalle e Sala Ártika, zonas que maior achega reciben deste programa, 46.214 euros e 43.803 euros respectivamente. As salas coruñesas Teatro del Andamio e Sala Gurugú, son pola contra as que menos contía solicitaron e reciben, 17.746 e 14.560 euros respectivamente. A Sala Ingrávida do Porriño pola súa banda recibe algo máis de 27.000 euros. En todos os casos estas contías divídense a partes iguais segundo os fins de gastos de funcionamento ou investimento na programación.
A música sae ao encontro da xente no Día Europeo da Música
Xénero:
| 21 / 6 / 2019O Día Europeo da Música celébrase hoxe cun múltiples actos en varios sitios de Galicia. Coincidindo co solsticio de verán a música sae hoxe ao encontro da xente de moi diversas maneiras, non só en escenarios e rúas. Os pasaxeiros do tren que vai da Coruña a Santiago hoxe ás 11 da mañá son dos primeiros en tomar contacto co esta celebración, xa que nos vagóns do seu transporte público o Grupo Instrumental Siglo XX fará un concerto de cámara durante o traxecto. A acción está organizada desde a compañía pública Renfe e o Consorcio para a Promoción da Música do Concello da Coruña. Mentres isto ocorre en tránsito, nas propias rúas da cidade herculina músicos integrantes da Sinfónica de Galicia sacan os seus instrumentos para interpretar obras da música clásica espallando a súa presenza por tada a cidade ao longo do día. Santiago e Vigo tamén acollerán varios actos relacionados coa festividade.
Doce festivais de verán inclúense na marca Fest Galicia da Xunta
Xénero:
| 19 / 6 / 2019Unha ducia de festivais a celebrarse entre os meses de xullo e setembro conforman a segunda temporada do calendario Fest Galicia que promove a Xunta. Cantos na Maré de Pontevedra e Caudal Fest de Lugo veñen de engadirse aos 10 eventos que xa participaran na experiencia piloto do ano pasado: PortAmérica, Resurrection Fest, Atlantic Fest, Vive Nigrán, Sinsal SON Estrella Galicia, 17º Ribeira Sacra, SonRías Baixas, Revenidas, Festival de la Luz e WOS Festival. En todos eles, a Xunta organizará novas campañas de concienciación a prol da igualdade e da prevención da violencia de xénero, do uso do galego, do respecto medioambiental ou do fomento de valores positivos para a xuventude, que terán o seu epicentro nun renovado stand da marca, ao tempo que avanzará na medición do impacto económico e social dos festivais. Refórzase así a aposta por esta marca, impulsada pola Consellería de Cultura e Turismo, en colaboración con outros departamentos autonómicos, como vía de apoio a festivais considerados estratéxicos para a promoción do turismo musical de acordo con criterios de calidade, sostibilidade e responsabilidade social.
Atardecer no Gaiás contará con 20 bandas na súa nova edición
Xénero:
| 19 / 6 / 2019Do catro de xullo ao dezasete de agosto unha vintena de bandas participarán na nova xeira do ciclo Atardecer no Gaiás. A Cidade da Cultura en Santiago de Compostela acolle unha nova edición deste programa que reúne algunhas das propostas musicais máis actuais a partir das 21 horas en recitais de balde. Cecilia Krull será a encargada de abrir un programa no que se atopan nomes como Soulmacklein, Ladilla Rusa, Betacam, Floridablanca ou Berta Franklin durante o mes de xullo. Para agosto, pasarán polo escenario nomes como Malraio, Agoraphobia, Las Migas, De Vacas ou Best Boy entre outros.
O Festigal presenta sete concertos para a súa XVIIIª edición en Compostela
Xénero:
| 18 / 6 / 2019O festival cultural Festigal, que organizan desde a sección xuvenil do Bloque Nacionalista Galego, Galiza Nova e a Fundación Galiza Sempre, tamén vencellada ao BNG, vend e presentar o que será o será a súa oferta musical á que haberá que engadir máis adiante o resto das súas numerosas actividades culturais. A XVIIIª edición do Festigal traerá a Compostela nesta edición un cartel musical encabezado pola formación italiana Banda Bassotti, que actuará xunto con Brassica Rapa, o trío de Lugo Arrhythmia e De Ninghures, o grupo gañador do concurso “Novos Valores”, na véspera do Día da Patria, a noite do 24 de xullo no campus universitario sur. Para o propio día 25 de xullo, día de Santiago, o Festigal conta coas actuacións de Güintervan, DudeCan, do Val Miñor, e Pandereteiras de Verducido, coa fusión de sons tradicionais e de blues. O Festigal constitúe, segundo os seu organizadores, "un escaparate para a cultura do país que conxuga a música, as ideas e as letras nun momento tan importante onde hai unha falta de apoio por parte da administración aos grupos e artistas deste país". O Festigal tamén terá Galería das Letras con presentación de novidades literarias, haberá diversión para crianzas no espazo infantil, palestras e debates na Galería das Ideas, ademais das zonas de tendas, artesanía, asociacións e xantar.
O SON in crescendo
Xénero:
| 17 / 6 / 2019Máis de trinta horas de música en tres días, na compañía doutras 33.000 almas agardaban por nós no remodelado recinto do Monte do Gozo para a segunda edición do festival O Son do Camiño. O evento que arrastra éxito de convocatoria e polémicas cada ano abría as portas para poñer a proba un ano máis a vixencia da súa aposta de ferramenta de promoción cultural do Xacobeo 2021. Se ben quedáramos un pouco fríos ante a conformación do cartel, presentado en febreiro, a realidade coa que nos atopamos tras estes tres días é que malia a certos desequilibrios entre as tres xornadas e nos horarios e escenarios O Son do Camiño 2019 deixou tras de si as sensacións e os impactos que deben deixar estes grandes eventos, independente de que este sexa o modelo polo que cada un aposta ou non. Unha moza de 25 anos e un vello rockeiro de 72 foron as grandes estrelas no Monte do Gozo. O percorrer desta edición mantivo unha curva ascendente que culminou a xornada final xuntando á potencia do cartel cunhas boas circunstancias meteorolóxicas, imposibles de planear pero importantes en calquera acto a espazo aberto.
As bandas de música protagonizarán o Serán`02
Xénero:
| 17 / 6 / 2019A segunda xeira do Encontro Galego de Cultura Popular Serán reunirá 550 intérpretes de bandas de música de toda Galicia. Logo de se dedicar o ano pasado ao baile tradicional, esta iniciativa desenvolverase entre o 28 e o 30 de xuño cun intenso programa que inclúe a actuación especial A dúas bandas, que reúne as dúas únicas bandas municipais profesionais de Galicia, as da Coruña e Santiago de Compostela. O proxecto deixa tamén un oco para a danza tradicional coa iniciativa Baile Irmandades da Fala que reúne na Praza Central da Cidade da Cultura as bandas de Lalín, Valladares, Santa Cruz de Rivadulla e a Lira de Ribadavia, coas charangas tradicionais de Xacarandaina, O Fiadeiro e Cantigas e Agarimos nunha convocatoria aberta. Un concerto da Unidade de Música do Terzo Norte de Infantería de Mariña de Ferrol, así como recitais de diferentes formacións poderán verse na Cidade da Cultura no marco desta iniciativa.
A 36ª Festa da Carballeira de Zas acada o seu sitio entre os grandes eventos do verán
Xénero:
| 13 / 6 / 2019A 36ª edición da Festa da Carballeira de Zas, na provincia da Coruña, fai valer a súa constancia e coloca o seu cartel entre os festivais de moda tirando de artistas consolidadas e emerxentes e apostando polo eclecticismo sen perder a raíz. Susana Seivane será cabeza de cartel na xornada do venres 2 de agosto e o multipremiado trío Tanxugueiras estará o sábado 3 tamén nesta romaría folk que reúne arredor de cinco milleiros de persoas. Elas son so dous das máis dunha ducia de actuacións previstas este ano e que inclúen tamén a fusión de Dakidarría e a proposta electrónica de Baiuca. A presenza internacional está tamén asegurada coas formacións Celtic Social Club (Francia) e Tide Lines (Escocia). O grupo Korrontxi representará a música tradicional do País Vasco. Na xornada do sábado ademais procurarase manter a esencia de romaría do evento potenciando a sesión vermú con varias actuacións importantes entre as que está o dúa Vudú, Monoulious Dop e a formación internacional Fourth Moon, ademais de Os Farrapos e outras. A Festa da Carballeira de Zas está organizada desde a Asociación Cultural Castro Meda e dedica parte da súa recadación a fins sociais, neste caso a unha asociación local de apoio a persoas con discapacidade funcional. A organización ten aberta ademais unha liña de voluntariado para colaborar no evento.
Marco Foxo recupera romances medievais para os nosos tempos no seu cuarto traballo
Xénero:
| 12 / 6 / 2019Marco Foxo acompañouse dunha vintena de músicos para gravar o seu cuarto traballo. Romances novos e vellos chega ás tendas a recoller romances medievais recollidos por Xosé Lois Foxo nas montañas ourensás, por Valdeorras, Riós, O Bolo ou o Courel. O armenio Emmanuel Hovhannisyan, os iranianos Tina Jamegarmi, Mohsen Sharifian e Habibb Meftah ou os galegos Daniel García, Óscar Ibañez, Emilio Rúa, Lucia Perez e Xabier Biscaíño fan parte deste proxecto, que inclúe temas como o Romance de Dona Ildara, Adelina, o Romance de Martín García ou Rogelio e a moza deshonrada. Canda a estes, o álbum presenta temas popularizados pola orquesta Os Padernes, como o Bicarelo do Bico do Brelo, con letra de Uxío Novoneyra. O músico apunta que a obra pretende achegar "sosego" aos oíntes actuais con estas composicións que se cantaban ao pé das lareiras.
O Festival +QueJazz da Coruña crece e amplía espazos co Teatro Colón
Xénero:
| 11 / 6 / 2019Chega á súa sexta edición o Festival +QueJazz da Coruña coa intención de facerse un oco no circuítos de prestixio do xénero. Con ese obxectivo este ano suma o espazo do Teatro Colón aos clubs Garufa Club e Jazz Filloa, tradicionais e inescusables abandeirados do jazz na cidade herculina. Alén diso o evento presenta na súa programación doce propostas entre o 3 e o 20 de xullo encabezadas no cartel por unha figura internacional do talle de Bill Evans, que en compañía de The Spy Killers abrirá o festival o día 3 no Teatro Colón. O festival conta por vez primeira co apoio do Concello e a esta cabeza de cartel engádense figuras como o pianista cubano afincado en Nova York Dayramir González, talento emerxente do jazz latino, que estará no Garufa o 12 de xullo. Polo mesmo escenario pasará a banda madrileña Mighty Vamp (6 de xullo). Nas actuacións previstas no Jazz Filloa, destacan Ton&Teira, unha de vibráfono e guitarra para dar vida a temas que van desde o clásico jazz a músicas suramericanas, flamenco ou temas de composición propia. Pecharán o ciclo o día 20 no Garufa Club o galego Valentín Caamaño coa súa proposta en cuarteto The Blind Wrestler, xunto a Lar Legido, Xosé Miguélez e Alfonso Calvo e máis o trío Puerta Sur.