Noticias
O Atlantic Fest concentra os seus concertos de venres e sábado na Praia do Bao
Xénero:
| 9 / 7 / 2019O festival Atlantic Fest xa ten todo preparado para a súa cuarta edición, que se celebra na Illa de Arousa do 26 ao 28 e xullo. Os organizadores do festival xunto a representantes das entidades patrocinadoras e colaboradoras presentaron oficialmente a edición nun acto celebrado no Faro de Punta Cabalo na Illa. O cartel deste ano comprende vintecinco propostas musicais en cinco escenarios, catro deles situados directamente no recinto do festival e outro, a matinal do domingo, na Praza de Abastos da vila. Esta é unha das principais novidades desta edición, que fai un maior aproveitamento do excepcional recinto na Praia do Bao levando alí os concertos do venres na vez de facelos en locais ou prazas da vila, como nas edicións anteriores. Os cabezas de cartel, malia todo, reúnense o sábado actuando no escenario FEST Galicia-Xacobeo 21, onde tocarán Love of Lesbian, Los Planetas, Dorian, Nacho Vegas, Marlon Williams, La Bien Querida e Betacam. O cartel, como xa é marca da casa está conformado arredor da escena indie estatal na súa maioría e desde unha perspectiva moi aberta e ecléctica en canto a xéneros. Este ano a presenza da escena musical galega é practicamente testemuñal e grazas aos monfortinos Los Jinetes del Trópico, que entran no cartel como gañadores do concurso Sonidos Mans da Fundación Paideia.
Joey de Francesco e Judith Hill son as estrelas deste ano na cita internacional
Xénero:
| 8 / 7 / 2019A cidade de Pontevedra xa ten preparada a programación da súa cita estival co jazz. A capital provincial ten unha longa traxectoria e tradición afianzada polo Seminario Permanente de Jazz e este ano vai pola 27ª edición do seu Festival internacional de Jazz e Blues entre o 23 e o 28 de xullo. Seis concertos de artistas de calado internacional conforman a columna vertebral do evento no que ademais hai unha interesante oferta de jam-sessions, un obradoiro, tres sesións de mediodía de "jazz de taberna" e unha ambientación musical de rúa na procura dos cidadáns. As prazas do Teucro e da Ferrería serán de novo os epicentros do grande concertos, todos de balde, e por elas pasarán a formación pontevedresa Mr.River; o cuarteto no que o guitarrista madrileño Álvaro del Valle lidera ao saxofonista redondelán Fernando Sánchez, o contrabaixista vilagarcián Pablo Patiño e o batería vigués David Puime; desde Filadelfia chega o Joey De Francesco Trío; a vocalista de Los Angeles Judith Hill, que chega acompañada dunha poderosa formación é un dos pratos fortes deste ano. Ademais tamén estarán en Pontevedra o vocalista e compositor de Minneapolis, Jose James e músiico pontevedrés Gabriel Peso pechará o programa na formación de trío xunto a David Ruíz ao contrabaixo e Miguel Asensio á batería. Outras cinco formacións serán as que fagan as jam-sessions no local da Gramola na Praza Méndez Núñez outras tres estarán durante a fin de semana ás 13 horas na Taberna do Jazz (Rúa de San Sebastián) cos concertos de Jazz de taberna. Un programa que demostra o respeto aos músicos locais e a vitalidade que mantén a cita pontevedresa con estes xéneros.
Cartel internacional para o festival Blues Museum de Lugo
Xénero:
| 4 / 7 / 2019Por terceiro ano Lugo acolle o Blues Museum, Festival Internacional de Blues. Unha cita musical de concertos ao aire libre e gratuítos entre o 19 e 0 21 de xullo. Un festival organizado pola Deputación de Lugo e o Concello de Lugo que achega a música ao museo provincial e á rúa. E Nesta edición cabe destacar o apoio á paridade na programación xa que o 50% do cartel é feminino. O Blues Museum aposta por artistas de nome internacional e estatal dos eidos do blues, gospel e o soul. O espazo dos concertos convive entre Patrimonios da Humanidade como a Muralla de Lugo, o Camiño Primitivo a Santiago de Compostela ao seu paso por Lugo e a Catedral de Santa María. A pianista e cantante británica Izo FitzRoy estará tanto na apertura como no peche do ciclo, polo que tamén pasarán Yolanda Brown, que dará dous concertos e un deles para público familiar, tamén pasarán por Lugo Ben Poole, Chris O´Leary Band, Watermelon Slim e a formación Aretha Soul Divas and The Silverbacks.
A OSG ofrecerá o ballet 'Carmen' coa Compañía Nacional de Danza
Xénero:
| 2 / 7 / 2019O programa de Temporada 2019-2020 da Orquestra Sinfónica de Galicia ofrecerá dúas xornadas de ballet grazas a unha colaboración da formación galega coa Compañía Nacional de Danza, coa que se traerá a Coruña o espectáculo Carmen baseado no clásico de Georges Bizet. Serán os días 22 e 23 de novembro, no Pazo da Ópera cando a CND porá en escena a obra con coreografía de Johan Inger e dirección musical de Manuel Coves. A dramaturxia será de Gregor Acuña-Pohl e a escenografía de Curt Allen Wilmer. A creaciónn coreográfica do sueco Inger para esta obra ten recibido galardóns como o premio Benois de la Danse en 2016 e o VENICE TV AWARD 2018. Ademais destas xornadas a OSG tamén ofrecerá outras dúas nas que o tenor Jose´Manuel Zapata dirixirá á orquestra cun programa especial os días 13 e 14 de decembro. Igualmente o programa comperende tamén unha xornada dedicada a celebrar o Ano Gaos 2019.
Carlos Núñez fai xira este verán por enclaves patrimoniais con encanto
Xénero:
| 2 / 7 / 2019O Parador de Baiona acollerá no solpor do vindeiro día 13 o inicio dunha xira moi especial do músico vigués Carlos Núñez, un dos abandeirados destacados a nivel internacional da música galega de raiz. Baixo o nome "Lugares máxicos" Núñez levará a súa música a catorce sitios especiais de grande valor patrimonial e histórico, moitos deles en chan sacro, e tanto dentro das catro provincias da comunidade galega como fóra delas. O Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro (Pontevedra) é outro dos dez concertos que poderemos ver no país e que será a segunda data deste percorrido, o día 14. O músico escolleu, como xa fixera o pasado ano, lugares moi especiais para encontrarse co público creando atmosferas “máxicas”. O día 25, coincidindo co Día da Patria Galega , o músico actuará no Claustro dos Bispos do Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil en Nogueira de Ramuín (Ourense). Ademais, ata o vindeiro día 13 de agosto, Núñez tamén pasará pola Igrexa de Santa María de Abades en Silleda; a de San Martiño en Noia; o Mosteiro de Oseira; Catedral de Mondoñedo; Castelo de Monterrei e finalmente o Mosteiro de Meira, en Lugo. O vigués alternará tamén estes concertos con outras citas fóra de Galicia e de España, coas que pasará por Madrid, Barcelona, Fez (Marrocos) , Francia ou Suíza, antes de dar o salto en outubro cara a Arxentina.
O 17° Ribeira Sacra presenta o programa 'Patrimonio' encabezado por Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre
Xénero:
| 1 / 7 / 2019O festival 17° Ribeira Sacra xa está a finalizar os detalles da súa edición deste ano. Se en abril presentaba o cartel de artistas que participarán na primeira das fins de semana que abarca, 17° Ribeira Sacra Paisaxe entre o 18 e 21 de xullo, agora xa desvelou as actuacións e actividades previstas na segunda fin de semana e que teñen que ver coa parte ourensá do festival englobadas como 17° Ribeira Sacra Patrimonio durante os días 26 e 27 de xullo. As actividades incluídas dentro de 17° Patrimonio terán lugar en espazos patrimoniais e de gran valor natural: o Castelo Castro Caldelas, o Parador de Santo Estevo, o canal do río Sil (a actuación será no catamarán), o Mosteiro de Santa Cristina de Concello de Ribas de Sil e A fabrica da luz. Aí actuarán artistas como Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, María José Llergo, Os Amigos dos Músicos, Benxamín Otero & Germán Díaz, Aldaolado e Allova.
O segundo Abride a Fiestra enche de actividade a Casa de Rosalía
Xénero:
| 28 / 6 / 2019Os vindeiros 13 e 14 de xullo a Casa Museo Rosalía de Castro, en Padrón, acollerá a segunda edición de Abride a Fiestra. Este encontro cultural arredor da figura da poeta. Cristina Pato con Roberto Comesaña, Davide Salvado, Ugia Pedreira, Secho, Paco Nogueiras e a Coral de Padrón correrán coa parte musical do evento. Un recital poético colectivo a cargo de Taha Adnan, Serge Meurant, Ramón Neto, Xavier Queipo, Chus Pato ou Yolanda Castaño, visitas guiadas da man de Pedro Feijoo, Pepe Barro, Xosé Ramón Barreiro, Francisco Rodríguez, Carlos Dacal e Olga Novo, presentacións de libros, a proxección do filme Contou Rosalía de Zénit TV, dramatizacións e outras actividades completan un programa que inclúe propostas para todos os públicos.
O ciclo Monumenta centra nos itinerarios culturais a súa sétima xeira
Xénero:
| 27 / 6 / 2019A terraza do Centro Galego de Arte Contemporánea en Compostela acollía esta mañá a presentación de Monumenta. Andar con arte. A sétima edición do programa de divulgación patrimoninal da Consellaría de Cultura que coordinan Sinsalaudio e Tomos Conservación e Restauración centrarase na idea dos itinerarios culturais. Deste xeito, cinco dos oito roteiros previstos no mesmo abordarán desde diferentes perspectivas "aqueles camiños de ida e volta que facilitaron o transvasamento cultural e deixaron numerosas pegadas en todo o país".
Rianxo acolle o XV Encontro Zona da Zanfona
Xénero:
| 26 / 6 / 2019Do 3 ao 7 de xullo vindeiros Rianxo acolle a XV edición de Zona da Zanfona. O encontro internacional de zanfonistas contará nesta ocasión con recitais a cargo de Germán Díaz e Benxamín Otero coas súas 13 cancións bonitas e mais de Obal. María e Manuela presentarán O conto da zanfona, que adapta a historia da cega Rosa María do Val. Os xa habituais cursos, desta volta a cargo de Óscar Fernández na iniciación e Paulo P. no nivel avanzado, complétanse cun curso de danzas galegas e europeas. Canda a histo haberá o habitual encontro e foliada de escolas de zanfona do país. Esta xeira inclúe tamén a presentación da segunda entrega do Cancioneiro #ZdZ, unha publicación de acceso gratuíto que propón un repertorio común de cancións populares e simples para todos os niveis de intérpretes deste instrumento.
Unha versión de Raclette, de Santiago Cortegoso, chega ao Festival de Avignon
Xénero:
| 26 / 6 / 2019As propostas escénicas realizadas no país están a conquistar novos espazos fóra das nosas fronteiras. Por unha banda, o prestixioso festival de Avignon contará no programa da súa vindeira edición cunha obra con selo galego. A Compagnie du Velours presentará, no marco do Off Avignon unha versión de Raclette, obra do moañés Santiago Cortegoso traducida e dirixida por Silvia Rodríguez Abal, segundo informa Erregueté. A montaxe fora galardoada co premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais ademais de obter o galardón ao mellor texto orixinal nos María Casares. A obra xirou no noso país da man de Ibuprofeno teatro. As representacións na cidade francesa desenvolveranse entre o 17 e o 28 de xullo.