Ir ao contido directamente.


Noticias

O Feito a Man ofrece 21 días de espectáculos nas rúas de Santiago

Xénero: Miscelánea | 1 / 8 / 2019

imaxe non dispoñible

Case 50 espectáculos e máis de 35 bandas e/ou artistas volverán encher as rúas e prazas da Cidade Vella de Santiago nun dos festivais musicais de rúa con máis tradición do país. Hoxe ás 20:00 horas co concerto de Pilo Sierra en San Paio de Antealtares dará comezo a décimo sexta edición do Feito a Man Estrella Galicia, o festival de rúa organizado pola Asociación Cultural Cidade Vella que se estenderá ata o 21 de agosto. Polo Feito a Man deste ano pasarán case 50 propostas artísticas diferentes de diversos estilos musicais: pop, rock, blues, jazz, tango, swing, música tradicional, etc. E tamén haberá presenza doutras artes e disciplinas, como a maxia, performance, poesía, baile ou cabaré. Como vén sendo habitual, o groso do festival recae nos concertos de pequeno formato realizados nas terrazas dos establecementos organizadores, mais tamén haberá lugar para noites con artistas de maior formato. Así, á parte de rúas como a Vía Sacra, a rúa da Orfas, a Praza de Feixóo, Tras San Fiz de Solovio ou rúa Xelmírez; tamén haberá actuacións nas prazas de Mazarelos, San Martiño Pinario ou Cervantes.

A 'maxia musical' do Náutico de San Vicente protagoniza unha serie documental

Xénero: Miscelánea | 31 / 7 / 2019

imaxe non dispoñible

A intensa actividade musical que xera o local El Náutico de San Vicente do Mar, na península de O Grove (Pontevedra) é o tema central dunha serie documental que se estrea hoxe, 31 de xullo, na canle Flooxer de A3Media e que está producida pola empresa viguesa Esmerarte e dirixida por Alberto Baamonde. A través de cinco capítulos a serie El Náutico: El refugio de los músicos, narra o nacemento do Náutico de San Vicente como lugar de peregrinación e templo de vivencias únicas de algúns dos artistas más recoñecidos da música española que cada verán pasan polo seu escenario, moitas veces de xeito inesperado, cambiando os seus formatos habituais de auditorios e prazas por outros moito máis íntimos e achegados a un pequeno grupo de público e cun ambiente relaxado case doméstico. O documental recolle testemuñas en primeira persoa de músicos habituais nos veráns do Náutico como Iván Ferreiro, Leiva, Xoel López, Coque Malla, Leonor Watling, Jorge Drexler ou Depedro, entre outros protagonistas. A serie amosa, a través de numerosas imaxes de gravacións particulares inéditas, momentos únicos na música española ocorridos entre as súas paredes durante os 25 anos que este local leva programando música en directo, como algúns dos últimos concertos do desaparecido Antonio Vega. Xornalistas como Manuel Jabois e Gonzo ou o chef Diego Guerrero corroboran o relato dos músicos e Miguel de la Cierva, dono e alma mater do Náutico, aparece como protagonista na sombra, facilitador e artífice da “maxia” do local. Hoxe mesmo proxectarase ás 00hrs. o documental no Náutico de San Vicente do Mar coincidindo coa estrea.

O Premios Rebulir recoñecen á Coral De Ruada, 'Morris' e Rosa Cedrón

Xénero: Folk | 30 / 7 / 2019

imaxe non dispoñible

A Coral de Ruada, o actor Antonio Durán ‘Morris’ e a músico Rosa Cedrón fixéronse merecedores este ano de cadanseu Premio Rebulir de Cultura Galega nas modalidades de Premio Homenaxe, Artes escénicas e Música Galega, respectivamente. Os premios outorgados pola Asociación Cultural Rebulir, de Ramirás (Ourense) supoñen un recoñecemento a persoas/colectivos que contribúan á difusión e posta en valor da cultura tradicional nas súas diferentes manifestacións. A entrega do premio faise no marco da Gala central do FIR (Festival Internacional Rebulir) que este ano chega á súa XIVª edición en decembro e consiste na entrega dun diploma acreditativo e dunha estatuílla que sempre elabora algún artesán ou artista galego. Un xurado decidiu os nomes dos premiados de entre unha lista de finalistas que foi sometida previamente a votación popular entre os membros da asociación.

O Xº Espazos Sonoros percorrerá enclaves de valor patrimonial con propostas didácticas e musicais

Xénero: Antiga | 26 / 7 / 2019

imaxe non dispoñible

A décima edición do ciclo Espazos Sonoros presentou o seu programa de concertos e actividades que comezarán o día 1 de setembro co grupo Cantaderas na igrexa de Santa Liberata, na vila de Baiona, cun programa que mestura música vocal da Idade Media con outras procedentes da tradición oral, tratando así de recuperar uns repertorios que, en grande medida, caeron no esquecemento. Serán en total oito xornadas en outros tantos lugares escollidos polo seu valor patrimonial nas catro provincias galegas. Sete deles son espazos relixiosos e un, o Pazo do Faramello en Rois (A Coruña) é un espazo civil vencellado ao patrimonio industrial. Santa María de Penamaior, Santa Cristina de Ribas de Sil, Santo Estevo de Chouzán, a Fundación Fernando Blanco de Lema, o devandito Pazo do Faramello aocllerán esteas actuación e nalgúns casos tamén as actividades previstas. A música a porán, ademais de Cantaderas, o Dúo Fracanapa, Michael Schöch, Mateo Arnáiz ou Capella de Ministrers entre outros. O 8 de outubro pecharase esta décima edición.

Dezaseis festivais musicais reciben subvención autonómica este ano

Xénero: Miscelánea | 22 / 7 / 2019

imaxe non dispoñible

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) fixo pública a resolución das subvencións da Xunta a festivais de música, a través da que este ano lles achega 340.000 euros a 16 eventos que xa se celebraron ou van celebrarse neste ano en curso. Esta cifra supón un incremento de 60.000 euros respecto á dotación reservada en 2018 para a modalidade de música desta convocatoria e outros tantos respecto á dotación reservada en 2017, o que demostra unha aposta firme por parte do Executivo a estes eventos que considera estratéxicos, e para os que ademais conta cunha liña de patrocinios adicional a través da marca FEST Galicia, dotada este ano con 350.000 euros e da que forman parte na actualidade 12 eventos, dos que once reciben adicionalmente unha subvención nesta resolución de Agadic. A través destas axudas, a Xunta de Galicia busca contribuír á consolidación dun mapa galego de festivais de carácter profesional, así como a dinamizar a contratación artística e a creación de públicos. Dos dezaseis festivais destinatarios destas axudas só catro deles non están organizados desde unha empresa; tres desde asociacións culturais e un desde un Concello.

O Museo do Mar de Galicia acollerá un novo ciclo de concertos ao atardecer

Xénero: Miscelánea | 18 / 7 / 2019

imaxe non dispoñible

A Xunta de Galicia ven de presentar no Museo do Mar de Galicia, en Vigo, o novo ciclo de concertos: Solpores do Museo, unha proposta que aproveita os espazos públicos como contexto e escenario de actuacións musicais ao caer á tarde, ao xeito que xa ocorre en Santiago na Cidade da Cultura de Galicia co Atardecer no Gaiás. Agora a Xunta e Galicia traslada a Vigo esta idea usando para iso as instalacións dunha das súas infraestruturas na cidade, o Museo do Mar de Galicia na punta do Muíño da parroquia de Alcabre. No relativo á proposta musica coordinan o ciclo Juan Rivas e Manuel Araújo, que ofrecen un cartel cuxo principal obxectivo é poñer en relevo os traballos artistas locais, tanto emerxentes como consagrados, mediante unha programación transversal, que una a estes con artistas de traxectoria consolidada no panorama nacional. Os concertos, que se desenvolverán no serán, terán como marco o espectacular solpor na Ría de Vigo, unha estampa que gaña valor coa calidade arquitectónica do edificio do Museo do Mar, obra dos arquitectos Cesar Portela e Aldo Rossi.

O WOS festival anuncia os primeiros nomes de cartel da sexta edición

Xénero: Alternativa | 17 / 7 / 2019

imaxe non dispoñible

A pasada edición, a quinta, do WOS Festival foi recoñecida polos European Festival Awards como mellor festival indoor de Europa en 2018. A sexta edición do compostelán WOS Festival x SON Estrella Galicia comeza agora a súa conta atrás presentando xa dez artistas do seu cartel. O festival, que este ano terá lugar entre o 11 e o 15 de setembro, volverá situar a Santiago como epicentro da exploración contemporánea e a creatividade de vangarda, enchendo a cidade durante cinco xornadas con preto de medio centenar de actividades distribuídas en diferentes espazos, todos eles a pouca distancia da catedral. Os dez primeiros nomes que integran o cartel desta sexta edición do festival manteñen a liña do WOS de presentar vangardas artísticas que nalgúns casos transcenden o propiamente musical e inclúen ao veterano Drew McDowall (Coil), presentando unha reinterpretación da obra referencial do drone Time Machines xunto ás visuais en directo da artista Florence To; ás djs Elena Colombi (NTS) e Olivia man a man aos pratos; as presentacións dos novos traballos de Rafael Antón Irisarri; Gazelle Twin presentando o seu novo álbum, Pastoral, publicado en setembro de 2018, Eli Keszer e Mary Lattimore; ao artista revelación Bendik Giske, un artista e saxofonista queer que usa a corporalidade, a vulnerabilidade e a resistencia como ferramentas de expresión; aos británicos Vels Trio; ao dúo británico-galego Harrga, o proxecto Miguel Prado (Nzumbe) e Dali de Saint Paul (EP/64, Viridian Ensemble e DSC), e á pianista catalá Marina Herlop. Os espazos inclúen dous museos, dous teatros, unha igrexa do século XVIII, edificios de arquitectura contemporánea singular, o mercado municipal de abastos, dúas salas de concertos e unha sala de cinema independente, entre outros lugares destinados a crear experiencias únicas para audiencias reducidas.

Dor na música tradicional polo pasamento de Santiago Caneiro

Xénero: Folk | 16 / 7 / 2019

imaxe non dispoñible

Sucédense con pesar dende onte as despedidas a Santiago Caneiro Aneiros, que faleceu aos 58 anos de idade. O seu pasamento chegou con especial calado ao eido da música tradicional onde a súa labor de décadas non deixou de ser recoñecida e apreciada. Caneiro foi profesor da Escola de Gaitas do Padroado da Cultura de Narón, director durante máis de dez anos da Banda de Gaitas de Narón, fundador do Obradoiro de construción de instrumentos tradicionais do mesmo Padroado e presidente da Asociación de Gaiteiros Galegos entre 1993 e 2015 para pasar despois ao posto de Presidente de Honra da asociación. A súa dedicación e activismo no eido da música tradicional marcou diferenzas "desempeñando unha importante tarefa ao longo da súa vida en canto á recuperación da música tradicional galega en xeral e da gaita e da percusión en particular", segundo recoñece nun comunicado a alcaldía de Narón neste lutuoso momento. A alcaldesa de Narón e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, trasladou o pésame do Concello e do propio Padroado da Cultura aos familiares e ás amizades de Santiago Caneiro destacando a súa gran contribución a impulsar a música e a cultura galegas nas últimas catro décadas. A mandataria naronesa agradeceu en nome da corporación a "intensa aportación de Santiago Caneiro ao Padroado da Cultura de Narón e á música tradicional galega en xeral, deixándonos un importante legado a través da súa profesionalidade", ao tempo que lamentou "a gran perda que supón o seu pasamento, unha destacada figura do panorama musical galego é á que sempre recordaremos con gran agarimo nesta cidade".

A Banda da Balbina saca a tortilla a bailar en 'Con Cebola ou Sen Cebola'

Xénero: Fusión | 15 / 7 / 2019

Balbina_cebola.jpg

Non fuxen do debate, o sacan a bailar. Tres anos despois do seu disco Convertindo Cuncas en Ferrados (Sonaxe Records, 2016), A Banda da Balbina volve rexistrar en soporte de CD novos temas que se engaden ao seu repertorio festeiro co que non deixaron nunca de animar nos seus concertos. En Con Cebola ou Sen Cebola (Sonaxe Producións, 2019) o quinteto presenta once novos temas acaídos do seu estilo, con influencias da música latinoamericana sempre interpretada desde a tradición galega máis verbeneira. Desde o propio nome do disco e da canción que o abre, ata od eselño gráfico no que o CD presenta imaxe de tortilla, a banda demostra unha vez máis as súas ganas de entrar na diversión a través do humor. Ese gusto polo humor e a festa non quita senón que engade na súa proposta musical, apta para todos os públicos que estean dispostos a bailar e participar da festa. Sons mexicanos -A Chorona-, portugueses -Uma casa portuguesa- , caribeños -Pandeirada-, ou ska –O retornado- e sempre o “trad” máis fresco para tirar dos corpos cara ao baile. O disco xa está dispoñible nas principais plataformas dixitais.

A morte de Jaime Manso pon en loito a música na Coruña

Xénero: Miscelánea | 10 / 7 / 2019

imaxe non dispoñible

Tres xeracións de músicos e melómanos da Coruña e de toda Galicia choran hoxe a morte de Jaime Manso, propietario de da tenda de discos Portobello na cidade herculina. Desde o seu establecemento na Rúa Cega, Manso (Betanzos, 1947) foi moito máis que un comerciante e participou activamente da vida musical na cidade como apoio, impulsor ou como catalizador simplemente traendo a mellor das culturas musicais e espallándoa a través do seu coñecemento resultando niso dunha grande influencia para a escena musical coruñesa. Manso mantivo sempre o seu espírito vocacional cara a música, resistindo co seu establecemento toda a crise da industria musical do país así como a apertura das sucesivas grandes superficies. Abriu a súa tenda en 1980 e así se mantivo ata que a enfermidade que onte o levou obrigou a manter pechado o local desde fai varios meses este ano. Fai unhas horas o propio Jaime, coñecedor da súa situación, usaba das redes sociais para despedirse apelando aos seus últimos "21 gramos de enerxía", o peso relativo da alma segundo algunha literatura. Dende entón as redes e os medios de comunicación fanse eco da perda e son moitos os artistas e persoas do mundo da cultura que o despediron con tristura, así se pronunciaron desde a sección da Coruña da asociación Musicas Ao Vivo ou dese Cuac Fm, incluso xa hai algunha iniciativa para levar a cabo un concerto de homenaxe.

<< Inicio / Anterior . 871 a 880 de 3533 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR