Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / A 'maxia musical' do Náutico de San Vicente protagoniza unha serie documental
A 'maxia musical' do Náutico de San Vicente protagoniza unha serie documental
xullo 31, 2019
A intensa actividade musical que xera o local El Náutico de San Vicente do Mar, na península de O Grove (Pontevedra) é o tema central dunha serie documental que se estrea hoxe, 31 de xullo, na canle Flooxer de A3Media e que está producida pola empresa viguesa Esmerarte e dirixida por Alberto Baamonde. A través de cinco capítulos a serie El Náutico: El refugio de los músicos, narra o nacemento do Náutico de San Vicente como lugar de peregrinación e templo de vivencias únicas de algúns dos artistas más recoñecidos da música española que cada verán pasan polo seu escenario, moitas veces de xeito inesperado, cambiando os seus formatos habituais de auditorios e prazas por outros moito máis íntimos e achegados a un pequeno grupo de público e cun ambiente relaxado case doméstico. O documental recolle testemuñas en primeira persoa de músicos habituais nos veráns do Náutico como Iván Ferreiro, Leiva, Xoel López, Coque Malla, Leonor Watling, Jorge Drexler ou Depedro, entre outros protagonistas. A serie amosa, a través de numerosas imaxes de gravacións particulares inéditas, momentos únicos na música española ocorridos entre as súas paredes durante os 25 anos que este local leva programando música en directo, como algúns dos últimos concertos do desaparecido Antonio Vega. Xornalistas como Manuel Jabois e Gonzo ou o chef Diego Guerrero corroboran o relato dos músicos e Miguel de la Cierva, dono e alma mater do Náutico, aparece como protagonista na sombra, facilitador e artífice da “maxia” do local. Hoxe mesmo proxectarase ás 00hrs. o documental no Náutico de San Vicente do Mar coincidindo coa estrea.