Ir ao contido directamente.


Noticias

Asociacións profesionais da cultura denuncian trato discriminatorio fronte a outros sectores

Xénero: Miscelánea | 7 / 10 / 2020

imaxe non dispoñible

Oito asociacións profesionais do sector cultural de ámbitos como o audiovisual, a música, a xestión ou as artes escénicas acaban de publicar un manifesto conxunto no que denuncian "un trato discriminatorio con respecto a outros sectores produtivos con máis capacidade de presión" ante a problemática derivada da pandemia de Covid-19. Segundo explican estes colectivos no texto, "a falta de claridade da normativa sanitaria aplicada, xunto coas restricións debidas a novos gromos en zonas localizadas, dificulta enormemente a celebración de eventos nos espazos, traslada á cidadanía unha mensaxe errónea de que a cultura non é segura".

Dorothé na vila: Reler o Cancioneiro

Xénero: Folk | 1 / 10 / 2020

imaxe non dispoñible

A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego acollía o pasado 27 de agosto a estrea de de Dorothé na vila. Alejandro Gándara e Olaia Tubío introducíronse con este documental na difícil realización do Cancioneiro Popular Galego. A relación da súa autora, Dorothé Schubarth, coa obra, o papel dos informantes que achegaron o material para a mesma e mais a complexa recepción do libro entre a comunidade dedicada á música tradicional son aspectos que se poñen de relevo no filme. De fondo, a inevitable reflexión sobre como a nosa sociedade se relaciona con este patrimonio sonoro.

Entre Trastes álzase como triunfador nos XIX Premios Opinión da Música de Raíz

Xénero: Folk | 30 / 9 / 2020

imaxe non dispoñible

O grupo Entre Trastes conseguiu saír como triunfador da gala dos XIX Premios Opinión da Música de Raíz que se celebrou na noite deste 29 de setembro no teatro Rosalía de Castro da Coruña. A desbancar a Germán Díaz e ás Tanxugueiras, que acumulaban o maior número de candidaturas, a formación conseguiu os galardóns nas dúas categorías ás que aspiraba. O seu Umami obtivo así o premio ao mellor álbum e a canción Candolla impúxose como mellor tema orixinal. Germán Díaz só conseguiu un dos catro galardóns aos que tiña opcións, ao recibir o de Mellor Artista, un premio no que recunca logo de o gañar tamén en 2015.

O certame Musicando Carvalho Calero suma 78 participantes

Xénero: Miscelánea | 29 / 9 / 2020

imaxe non dispoñible

A canle de Youtube do certame Musicando Carvalho Calero ten xa na rede as 78 cancións que participan desta iniciativa da AGAL e a Radio Galega. O concurso, que convidaba a lle pór música a poemas do autor homenaxeado no Día das Letras deste 2020, conseguiu a participación de nomes da nosa música como MJ Pérez, Acordeireta, Ukestra do Medio, Os Meninos, As Efémeras, A Banda da Loba, Ghaveta, Servando Barreiro ou César Morán entre moitos outros. Agora, fechado xa o prazo de participación, un xurado seleccionará dez temas finalistas sobre os que se elixirá, por votación popular, apeza gañadora.

O festival Underfest celébrase esta semana cunha campaña de apoio ás salas de concertos

Xénero: Miscelánea | 24 / 9 / 2020

imaxe non dispoñible

O festival Underfest Son Estrella Galicia celebra do 25 ao 27 de setembro en Vigo a súa terceira edición. O Underfest 2020, da produtora viguesa Sweet Nocturna, chega cun formato reducido e con ocupacións limitadas pola normativa sanitaria, mais cunha carteleira baseada en propostas musicais para diferentes tipos de público. O festival arrancará o venres 25 no Teatro Afundación cun concerto de homenaxe a Ennio Morricone, con fragmentos de bandas sonoras interpretadas pola Orquestra Clásica de Vigo. A carteleira, encabezada polo grupo vasco Belako, complétase con outros grupos que ofrecerán os seus recitais en tres escenarios da cidade. Así, O sábado, o evento trasladarase ao Auditorio Municipal, onde actuarán Blanco Palamera, Rusowsky e Mori. O domingo 27 a cita será na terraza do Auditorio Mar de Vigo, con Belako, Tito Ramírez e Egosex.

A Coruña achega contidos en liña na plataforma Respira Cultura

Xénero: Miscelánea | 24 / 9 / 2020

imaxe non dispoñible

Ata o vindeiro 12 de outubro o Concello da Coruña pon en liña 54 actuacións de 47 proxectos no marco da nova plataforma Respira Cultura. O goberno local presentaba onte esta iniciativa, na que realizou un investimento de 100.000 euros e que pretende ser "unha nova ventá á emoción, á ilusión, ás artes vivas e á música ao vivo, cunha programación dixital de actividades culturais aberta, accesible, apta para todos os públicos e que nos quere convidar, de novo, a sentir e respirar a cultura ao vivo". As actuacións que se subirán á rede foron gravadas ao longo de dúas semanas nos escenarios do Fórum Metropolitano, o Centro Ágora e o Pazo da Ópera e estrearanse a razón de 4 ou 5 ao día.

Cantos na Maré trasládase a Santiago e estrea formato

Xénero: Miscelánea | 21 / 9 / 2020

imaxe non dispoñible

Coa nova marca Maré-Música y Artes Atlánticas o Festival Cantos na Maré presentaba este venres 18 de setembro en Compostela o seu novo formato. Logo de quince edicións en Pontevedra, Santiago de Compostela será a nova sede do encontro dedicado á música da lusofonía, que amplía ademais o seu campo de acción a novos ámbitos culturais. A produtora Nordesía, que organiza o evento, adiantou que a cita contará coas seccións MaréLab "un espazo de investigación para apoiar o crecemento da economía creativa", MaréNet, "para situar Compostela como referencia do negocio das industrias culturais", CineMaré, "cunha carteleira audiovisual procedente das culturas atlánticas", GastroMaré, que se define como "un encontro entre cociñeiros e música" e MaréTV, "o apartado audiovisual da plataforma de música Tolemias" que achegará contidos do evento en streaming. O festival, que se integra na marca FEST Galicia, inclúe ademais no seu programa a entrega dos premios da música e da poesía galego-portuguesa aRi[t]mar.

Dequenvessendo debuta co Canto das xacias

Xénero: Folk | 17 / 9 / 2020

canto_xacias_dequenvessendo.jpg

Logo de catro anos de actividade, o grupo folk Dequenvessendo presenta o seu debut discográfico.Canto das xacias achega once tema de composición propia no que o grupo explora, mediante a confluencia de "sonoridades celtas, atlánticas e de raíz" a "lenda dos xacios ou xacias, os seres metade humanos e metade peixes que habitan, segundo o imaxinario popular, no fondo dos pozos e dos ríos galegos". O disco, editado por Xingra e producido por Mirmidón, chega logo do éxito dunha campaña de micromecenado.

Colectivos galegos súmanse as protestas do sector cultural do Estado

Xénero: Miscelánea | 16 / 9 / 2020

imaxe non dispoñible

Coa Asociación Sindical de Profesionais Técnicos do Espectáculo como núcleo principal, diferentes colectivos culturais e artistas do país están anunciar estes días o seu apoio ás protestas convocadas a nivel estatal para o este 17 de setembro. Alertarojaeventos / MUTE (Movilización Unida de Trabajadores del Espectáculo) son as plataformas que chaman a se mobilizar en cidades de todo o Estado para reclamarlle ao Goberno Central que considere prioritario este sector e que se recuperen as axendas culturais e de eventos das administracións públicas. Entidades como a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural ou Músicas ao Vivo anunciaron o seu apoio a estas mobilizacións. De xeito concreto, chámase a se manifestar, con vestimenta negra, en Compostela no obradoiro ás 20:30 horas e en Vigo na Rúa García Barbón.

A Coruña presenta o seu plan de reactivación cultural

Xénero: Miscelánea | 15 / 9 / 2020

imaxe non dispoñible

O Teatro Rosalía acolleu este 14 de setembro a presentación do programa de actividades culturais que fan parte do Plan de reactivación económica, social e cultural da Coruña (PRESCO). Segundo adiantou a alcaldesa, Inés Rey, o apartado cultural deste plan conta cun orzamento de 300.000 euros co que se programarán máis de 100 actuacións de "grupos, artistas e compañías locais de música, danza, humor, teatro, e infantís" entre o 25 de setembro e o 29 de novembro en 36 prazas da cidade. Para alén desta primeira proposta, o Concello prevé ampliar esta iniciativa "xa que tamén estamos tratando de incorporar aqueles grupos e colectivos que tiñan previstas actuacións ao longo destes meses e que tiveron que cancelar os seus espectáculos como consecuencia da crise sanitaria", explicaba a alcaldesa.

<< Inicio / Anterior . 681 a 690 de 3533 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR