Noticias
O 40 aniversario de Milladoiro celebrarse cunha xira galega como abandeirados do Xacobeo
Xénero:
| 20 / 10 / 2020En 1980 publicábase o disco A Galicia de Maeloc (Ruada), o primeiro da banda folk Milladoiro causando unha gran admiración pola súa proposta e sendo o primeiro disco galego en editarse en Francia. A celebración deste 40 aniversario farase a través dunha xira da actual formación de Milladoiro, que os levará por ata dez vilas e unha cidade galegas desde este mesmo mes de outubro e ata fin de ano. Estes concertos formarán parte das accións de promoción do Xacobeo 2021, polo cal a formación presentou onte a xira na Cidade da Cultura de Galicia acompañada do conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez e do secretario xeral de Política lingüística, Valentín García. O conselleiro quixo poñer en valor a vinculación da banda coa iconografía xacobea e co Camiño de Santiago, elementos presentes na súa extensa discografía; así como o labor de incorporación á súa música de influencias da música irlandesa e do mundo celta. As citas musicais celebraranse nos concellos de Mos, O Pino, A Estrada, Ames, Tui, Monforte, Portas, Vilanova de Arousa, O Barco de Valdeorras e Sobrado dos Monxes. O 14 de novembro a formación estará na propia Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela.
Novedades Carminha e Os Amigos dos Músicos triunfan nos Premios MIN
Xénero:
| 19 / 10 / 2020Esta fin de semana celebrouse a gala dos Premios MIN 2020, os galardóns que recoñecen ás producións musicais independentes a nivel estatal. A banda compostelá Novedades Carminha saía da cita como vencedora absoluta do panorama musical independente coroada con tres premios baixo o brazo O seu disco Ultraligero (Ernie Recordos, 2019) xa foi un dos máis sinalados pola prensa especializada de entre a colleita musical do pasado ano, aparecendo destacado en numerosas listas. Esa aceptación vese agora reforzada cos premios a Mellor Álbum Pop do ano, Mellor Artista e tamén ao do Mellor Directo nacional. A banda aproveitou a ocasión para facer avance de tres citas de concertos para o vindeiro ano no mes de marzo, dous en Madrid e Barcelona e outra, o día 26 no Multiúsos do Sar da súa cidade, Santiago de Compostela. Ademais diso a noite tamén deu un alegría á banda ourensá Os Amigos dos Músicos, que co seu segundo disco Segundo fogar(Todomedre, 2019) venceron na categoría de mellor álbum en galego competindo contra Heredeiros da Crus, con Derretidos (Dotbeat); Familia Caamagno con
Susana Seivane recupera nun disco os temas que interpretou durante o confinamento
Xénero:
| 15 / 10 / 2020Durante moitas das noites do período de confinamento Susana Seivane quixo contribuír desde a súa casa a facer máis pasables as circunstancias coa súa música. Saíndo ao seu balcón e a través das redes sociais a músico foi interpretando diferentes temas do seu repertorio. Vinte deles son os que agora recolle neste disco que sae mañá venres baixo o descritivo título Dende o meu balcón. O repertorio de Ricardo Portela, Herme, Moxenas, Muxicas, Os Morenos de Lavadores, Os Campaneiros, Marcos Castro, Pepe Romero, ou Suso Vaamonde, entre outros, forman parte dos 55 temas agrupados en 20 suites para os que Seivane sumou a complexidade de empregar 8 gaitas en diferentes tonalidades. Dende o meu balcón é o sexto disco de Seivane e supón o retorno ao substrato ancestral sobre o que Susana construíu a súa carreira. collendo coma fío condutor a riqueza do patrimonio musical galego e a posta en valor dos novos talentos que compoñen en base á tradición. Segundo a folla de promoción do traballo esta volta á orixe da gaiteira de Cambre xurde a partires dun proceso onde a identidade galega artellou unha catarse colectiva a través das redes para miles de persoas no mundo a través da interpretación de Susana dos temas recollidos no disco, durante cada noite do confinamento. Inconscientemente, a procura dos acervos serviu de catalizador da resistencia e precisamente o descubrimento desta condición foi o que levou a Susana a compilar os temas interpretados neste novo traballo discográfico. Mañá, venres 16, sairá en exclusiva en todas as redes dixitais, mentres que a edición física estará limitada a súa venda a través da páxina web da artista.
Javier Otero Neira debuta como compositor con Reconstruction
Xénero:
| 14 / 10 / 2020Doce temas de composición propia nos que se mestura o piano clásico cos sintetizadores compoñen Reconstruction - Piano & Electronics. O pianista da Estrada Javier Otero Veiga lanzaba este 13 de outubro nas redes o seu primeiro álbum como compositor, un traballo que, segundo explica "fala dunha historia, vivida dende marzo deste ano, e escrita a partires de xuño na maioría de temas. É, sen lugar a dúbidas, o meu traballo máis persoal e o que me vai facer máis feliz por telo feito eu só na parte artística". No disco as composicións ambientais e emotivas alternan entre temas máis escuros como o que dá título ao álbum e propostas máis luminosas e enérxicas como Diagonal Brightness. Aínda sen data de presentación ao vivo, o artista adianta que o primeiro concerto desenvolverase en liña nas plataformas de difusión da marca Yamaha, e con posterioridade comezará unha xira.
Novas homenaxes lembran a Carballo Calero en Ferrol e na Coruña
Xénero:
| 13 / 10 / 2020O outono continúa cargado de homenaxes arredor do Día das Letras dedicado a Ricardo Carballo Calero. Entre os máis próximos, Ferrol acolle este 14 de outubro a evento Ferrol, 1916, un acto organizado polo Consello da Cultura Galega en colaboración co Concello que se desenvolverá no Teatro Jofre. O programa inclúe a presentación da edición facsimilar da obra teatral A farsa das zocas e a estrea ao público da peza Ferrol, 1916. Esta composición de Miguel Brotóns musica o poema homónimo do autor homenaxeado e contará con Alejo Amoedo ao piano e Patricia Rodríguez Rico na voz. O evento incluirá tamén a proxección da vídeo montaxe teatral Farsa das zocas.
Abraham Cupeiro fai un retrato sonoro do planeta coas músicas ancestrais en 'Pangea'
Xénero:
| 9 / 10 / 2020Abraham Cupeiro (Sarria, 1980) é un músico coñecido pola súa faceta coma recuperador de instrumentos e sons ancestrais, practicamente esquecidos, facendo confluír arqueoloxía e musicoloxía a través da súa investigación. O investigador e multiinstrumentista ven de presentar agora un novo disco de alcance universal, Pangea (Warner M;usic, 2020) gravado nos estudos de Abbey Road (Londres) en compañía da Royal Philarmonic Orchestra. Pangea é o segundo disco de Cupeiro tras Os sons esquecidos (Warner Music, 2017) un traballo de recuperación tamén de instrumentos e sons para o que contara coa Real Filarmonía de Galicia. En Pangea Cupeiro ofrece a través de composicións propias del e de María Ruíz unha viaxe polo planeta non só xeográfica senón tamén temporal grazas á recuperación de sons e instrumentos propios de moitas zonas do mundo ao longo da historia. Cupeiro usa dos sons das caracolas para achegarnos a Oceanía, o instrumento chinés Hulusi para subirnos ás montañas dese país, cornas de pastor, gaitas búlgaras, frautas africanas e unha longa listaxe que acaba por facer un percorrido global de melodías nun só disco, que coma o suposto continente orixinario Pangea, reúne todas as terras do planeta nun ente único.
O Poemagosto celebra a poesía en Allariz
Xénero:
| 9 / 10 / 2020Axeitado á actual situación sanitaria e cunha duración reducida, o VII Pomeagosto encherá as rúas de Allariz de Poesía este sábado 10 de outubro. Antón Reixa, Andrea Nunes Brións, Moncho Iglesias, Charo Lopes, Baldo Ramos, a asturiana Sofía Castañón, a portuguesa Raquel Lima e mais o iraquí Abdul Hadi Sadoun compoñen o cartel literario desta xeira. Os seus recitais estarán acompañados da música de Son Trío e mais de Terra Morena, e a xornada finalizará cun concerto de Xosé Luís Rivas Mini e Trilitrate.
A Real Filharmonía de Galicia comeza a temporada cunha estrea mundial
Xénero:
| 8 / 10 / 2020Alén, a obra coa que o compositor ponteareán Eduardo Soutullo obtivo o Premio de Composición AEOS-Fundación BBVA, celebra na tarde desde 8 de outubro a súa estrea mundial. A Real Filharmonía de Galicia bota a andar ás 20:30 horas a súa temporada 2020-2021 con esta peza, que interpretará baixo a dirección de Paul Daniel. O traballo de Soutullo estará acompañado neste recital por dúas obras do compositor finlandés Jean Sibelius (1865-1957) e mais unha selección de Peer Gynt, de Edvard Grieg.
A Xunta apoiara con axudas a celebración de concertos pero non recibe á asociación Clubtura
Xénero:
| 8 / 10 / 2020A Xunta de Galicia ven de comunicar que trasladou a empresarios do ocio nocturno un plan de reactivación do sector que incluirá axudas para o alugueiro, a celebración de concertos e o mantemento do emprego nestes locais. Así, no Plan destinado a discotecas, pubs, cafés-espectáculo e salas de festas, a Xunta inclúe de novo ás salas de concertos a pesares de que nesta reunión, coma nas anteriores, non houbo representación da Asociación Galega de Salas de Música Clubtura. O presidente de Clubtura asegura que non foron convocados a esta reunión e que a súa recente solicitude de ser recibidos polos responsables das consellerías de Interior, Sanidade e Cultura non tivo resposta por parte do goberno autonómico. Segundo a Xunta, a Consellería de Emprego e Igualdade destinará fondos a manter o emprego no sector do ocio nocturno e a Vicepresidencia segunda, a través do Igape, aprobará unha liña específica de créditos, que terá un importe máximo de 500.000 euros. Desde Clubtura seguen a reclamar para as salas de música un tratamento específico que non as equipare ao resto do ocio nocturno polas súas características de actividade cultural propias e agardarán a ver "sobre o papel" este plan do que tiveron noticia indirectamente para pronunciarse sobre a adecuación aos seus problemas.
Un curso en Vigo facilitará o achegamento á improvisación oral tradicional
Xénero:
| 8 / 10 / 2020O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo, a través do Centro de Interpretación da Oralidade, acaba de convocar a edición 2020-2021 do Curso de Improvisación Oral en Verso. Esta proposta formativa desenvolverase ata mes de maio do vindeiro ano e pretende dar a coñecer a poesía oral improvisada en verso, espertar o interese pola técnica, facultar o alumnado para poder improvisar e mellorar as competencias persoais no fomento das actitudes para a improvisación, da actitude creativa ou do desenvolvemento da memoria, entre outros obxectivos. As aulas estarán a cargo de Josinho da Teixeira e a inscrición é de balde.