Javier Otero Neira debuta como compositor con Reconstruction
outubro 14, 2020
Doce temas de composición propia nos que se mestura o piano clásico cos sintetizadores compoñen Reconstruction - Piano & Electronics. O pianista da Estrada Javier Otero Veiga lanzaba este 13 de outubro nas redes o seu primeiro álbum como compositor, un traballo que, segundo explica "fala dunha historia, vivida dende marzo deste ano, e escrita a partires de xuño na maioría de temas. É, sen lugar a dúbidas, o meu traballo máis persoal e o que me vai facer máis feliz por telo feito eu só na parte artística". No disco as composicións ambientais e emotivas alternan entre temas máis escuros como o que dá título ao álbum e propostas máis luminosas e enérxicas como Diagonal Brightness. Aínda sen data de presentación ao vivo, o artista adianta que o primeiro concerto desenvolverase en liña nas plataformas de difusión da marca Yamaha, e con posterioridade comezará unha xira.