Ir ao contido directamente.


Noticias

O Morriña Fest pon a Culleredo no mapa dos festivais

Xénero: Miscelánea | 15 / 6 / 2021

imaxe non dispoñible

Culleredo terá un festival propio, que ven a engadirse á oferta de verán e que terá lugar xa este ano por vez primeira. Hoxe presentouse en rolda de prensa a que será a primeira edición do Morriña Festival, que terá este ano o formato de ciclo de concertos a celebrarse durante dez días na segunda quincena de agosto. O Xardín Botánico de O Burgo acollerá entre o 19 e o 29 de agosto as actuacións de artistas e grupos da escena hispana, comezando coa arxentina Nathy Peluso e incluíndo xa no avance do cartel nomes como os colombianos Morat, Amaral, La M.O.D.A., Lola Indigo, Chica Sobresalto e os galegos True Mountains. Os cataláns Love of Lesbian pecharán o festival.

A Xunta reactiva a marca Fest Galicia para festivais presenciais

Xénero: Miscelánea | 15 / 6 / 2021

imaxe non dispoñible

A marca de patrocinio público de festivais galegos Fest Galicia ve este ano incrementada notablemente a súa contía ata os 500.000 euros de orzamento para estes eventos na súa modalidade presencial pre-pandémica. O Diario Oficial de Galicia (DOG) recollía onte a convocatoria da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) dirixida a festivais profesionais de música galegos para a súa adhesión a este programa de patrocinios da Xunta, que presenta un crecemento do seu orzamento do 25% respecto aos 400.000 euros que o pasado ano dedicáronse a estes eventos pero só na modalidade virtual, toda a vez que a realización presencial quedara descartada coas medidas sanitarias en vigor nese momento. Neste sentido, o pasado venres a Consellería de Sanidade publicou os últimos protocolos actualizados aos que deben acollerse estes eventos, con distintas medidas e capacidades segundo se leven a cabo en espazos abertos ou pechados.

As Efémeras debutan desde Redondela con música de proximidade

Xénero: Folk | 9 / 6 / 2021

as_efemeras_capa_2021.jpg

"Música para escoitar, danzar e reflexionar. Música comunitaria. Inspiración poética e política de quilómetro cero: desde Redondela para o mundo". Así se presentan As Efémeras, un grupo que debutou ao vivo no verán de 2020 e que acaba de lanzar o seu primeiro traballo, co mesmo nome da formación. O CD autoeditado achega trece temas con "letras de intelixencia racional e emocional. Composicións novas e frescas con inspiración nas músicas populares. De Galiza e Portugal. Musicas lixeiras e contundentes. Bailables, mais que dan que pensar".

O Monte do gozo reunirá ata 5.000 persoas no ciclo O Son do Camiño - Perséidas

Xénero: Miscelánea | 4 / 6 / 2021

imaxe non dispoñible

Cos seus formatos "tranquilos", sen acumulación de concertos e con programas expandidos durante días e cheos de nomes galegos e da escena estatal con poucas presenzas internacionais, os eventos musicais ao aire libre seguen dando un paso adiante para non deixar o verán en baleiro musical. O anuncio do programa do ciclo O Son do Camiño -Perseidas que se celebrará no Monte do Gozo entre o 14 de xullo e o 8 de agostocompleméntase coas máis recentes novidades en festivais que veñen de engadirse á axenda estival. Xunto cos que adiantamos xa anteriormente van facéndose marcas no calendario vestindo de citas este verán aínda pandémico.

Pauliña re-volta co seu terceiro disco 'Testemuñas'

Xénero: Rock | 2 / 6 / 2021

paulina_testemunhas.jpg

Pouco máis de tres anos despois da presentación do seu primeiro traballo longo De-xeneración( Xonix records, 2018) o nome de Pauliña xa é un elemento de primeira orde na música en galego. A de Cambados ven de presentar fai uns días en concerto o que xa é o seu terceiro álbum Testemuñas, con apenas un ano de separación do anterior A Malfalada(2020), todos eles publicados baixo o selo Xonix records, de Bandeira (Silleda). O novo disco é unha nova mostra da versatilidade de Paula Chaves para transitar por diversos rexistros sonoros que van de novo desde o ská ata o rock, o swing ou eses blues electrizantes nos que se lle ve tan cómoda como ese Remordementos cuxo vídeo, asinado por Xaime Miranda servíu de presentación do novo disco.

Bala presentan o seu novo álbum 'Maleza'

Xénero: Rock | 31 / 5 / 2021

bala_maleza.jpg

Case cinco anos separan este Maleza (Century Media Records, 2021) do segundo traballo de Violeta Mosquera (batería e voces) e Anxela Baltar (guitarra e voces) naquel auténtico bombazo recoñecido pola crítica que foi Lume(Matapadre, 2017). Nada perderon e moito gañaron as Bala neste tempo. Polo pronto o apoio dun selo internacional como o alemán Century Media, especializado na música Metal e con artistas coma Angelus Apatrida ou Arch Enemy no seu catálogo. Gañan tamén engadindo o galego ao seu repertorio de letras, con ese magnífico Rituais, do que xa sacaron vídeo de presentación. Ademais gañan cun nivel de produción sonora de enorme calidade e cheo de detalles que fan dos nove temas de Maleza unha experiencia de viaxe ao máis escuro recuncho do corazón da besta desde ese trmendo Agitar de apertura.

A Programación Lírica da Coruña homenaxeará á soprano Ofelia Nieto

Xénero: Clásica/Lírica | 31 / 5 / 2021

imaxe non dispoñible

A programación lírica da Asociación de Amigos de la Ópera da Coruña renderá homenaxe á soprano de orixes galegas e enda en Santiago Ofelia Nieto (1900-1931) coa produción da ópera Payasos, de Ruggero Leoncavallo. Así, o Teatro Colón acollerá os días 24 e 26 de setembro esta ópera, baixo a dirección de Fernando Briones. Na produción participa o Teatro Lírico Nacional La Zarzuela de Madrid e mais a Orquestra e Coro Gaos, cos barítonos Juan Jesús Rodríguez e Gerardo Bullón, os tenores Alejandro Roy e Pablo Carballido, e a soprano Vanessa Goikoetxea nos roles principais. A escolla deste título é unha homenaxe á soprano de orixe santiaguesa Ofelia Nieto, cando se cumpre un século desde que a cantante a interpretara no Teatro Real de Madrid.

A Banda de Música de Santiago achega os instrumentos tradicionais ao ensino

Xénero: Folk | 28 / 5 / 2021

imaxe non dispoñible

Achegar aos centros de ensino os instrumentos musicais da tradición galega e explorar as súas posibilidades. Este é o obxectivo do proxecto Os nosos instrumentos hoxe, que presenta a Banda de Música de Santiago de Compostela da man do Concello. A iniciativa consiste nun concerto no que a formación, a empregar dezasete aparellos como o acordeón, o asubío, a castañeta, o charrasco, a gaita, a ocarina, a pandeira ou a zanfona, interpreta once pezas entre cantigas populares e composicións clásicas de autores coma Wagner, Bizet ou Rossini.

Lingua para ver coas orellas abertas

Xénero: Miscelánea | 27 / 5 / 2021

imaxe non dispoñible

Son as oito da tarde do 25 de maio e nun recuncho da Praza de Ourense de Pontevedra, fronte aos xardíns de Casto Sampedro, vaise reunindo un grupiño de xente. Alí, diante da montaxe en letras que nos deixa claro cal e a cidade na que estamos, érguense cinco columnas cheas de nomes, imaxes e cores. É a exposición "CantáMOLA en galego" que repasa os últimos 20 anos da creación musical no noso idioma e este grupo de xente está aquí para atender á segunda das visitas guiadas previstas no programa deste proxecto que leva aquí todo o mes de maio e que xa despedirá deste lugar o vindeiro luns tras coincidir nesta fin de semana xustamente coa festival galegote Rock que reunirá na cidade ata 15 propostas musicais co nexo común do idioma galego, o mesmo que actúa de liña de continuidade nestes catorce paneis preparados polo crítico musical Pepe Cunha e a xornalista Teresa Cuíñas, que hoxe actúan de anfitrións e guías por esta historia que non por ser recente deixa de ser unha historia que hai que contar. Ademais, como pon por escrito Cuíñas nun dos paneis: "Se estás aquí seguro que é porque as cancións son importantes para ti e porque a banda sonora da túa vida é un dos teus tesouros".

As Xornadas de Música Contemporánea celébranse co lema Invisibles e sonoras

Xénero: Clásica/Lírica | 27 / 5 / 2021

imaxe non dispoñible

Concello, Deputación da Coruña, Universidade de Santiago e Centro Galego de Arte Contemporánea organizan a nova edición das Xornadas de Música Contemporánea. A capital galega acolle entre os vindeiros 1 e 29 de xuño un programa composto case ao completo por mulleres, baixo o lema Invisibles e sonoras. En total serán nove concertos que comprenden tres estreas absolutas e unha a nivel estatal.

<< Inicio / Anterior . 591 a 600 de 3576 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR