Lingua para ver coas orellas abertas
maio 27, 2021
Son as oito da tarde do 25 de maio e nun recuncho da Praza de Ourense de Pontevedra, fronte aos xardíns de Casto Sampedro, vaise reunindo un grupiño de xente. Alí, diante da montaxe en letras que nos deixa claro cal e a cidade na que estamos, érguense cinco columnas cheas de nomes, imaxes e cores. É a exposición "CantáMOLA en galego" que repasa os últimos 20 anos da creación musical no noso idioma e este grupo de xente está aquí para atender á segunda das visitas guiadas previstas no programa deste proxecto que leva aquí todo o mes de maio e que xa despedirá deste lugar o vindeiro luns tras coincidir nesta fin de semana xustamente coa festival galegote Rock que reunirá na cidade ata 15 propostas musicais co nexo común do idioma galego, o mesmo que actúa de liña de continuidade nestes catorce paneis preparados polo crítico musical Pepe Cunha e a xornalista Teresa Cuíñas, que hoxe actúan de anfitrións e guías por esta historia que non por ser recente deixa de ser unha historia que hai que contar. Ademais, como pon por escrito Cuíñas nun dos paneis: "Se estás aquí seguro que é porque as cancións son importantes para ti e porque a banda sonora da túa vida é un dos teus tesouros".
Na presentación feita durante a inauguración, Cunha definiu esta mostra como "un paseo pola nosa música durante os últimos 20 anos e un achegamento ás bandas, ás solistas e a todas e todos aqueles que están facendo música en galego en diferentes estilos por todo o país". Durante uns 50 minutos este grupo de persoas, que se apuntaron na visita guiada hoxe, o que é pasear pasean pouco, basicamente van colocándose sucesivamente a cada lado das columnas seguindo atentas as explicacións de Pepe e Teresa, que achegan unha dimensión intanxible de sucesos, anécdotas, fitos e conexións que complementan a enorme cantidade de información que xa conteñen estes paneis sobre os artistas de tódolos estilos que nestes anos resultaron relevantes na conformación dunha escena da música galega en galego. Pepe Cunha é a persoa máis axeitada para falar disto con coñecemento total de causa. Desde a súa páxina web e programa de radio "Ábrete de orellas", leva xustamente os pasados 20 anos levando a cabo unha labor exhaustiva de dar a coñecer a produción musical galega dun xeito completamente desinteresado pero tan profesional que o converteu nunha referencia inescusable do sector e foi recoñecido con ata en dúas ocasións co Premio Martín Codax á mellor proxecto de comunicación. A outra parte deste comisariado recaeu en Teresa Cuíñas (Pontevedra, 1976), xornalista da Televisión de Galicia na delegación de Vigo, con ampla experiencia no audiovisual ademais de ser colaboradora do xornal El País na sección de cultura e coa revista musical Rockdelux e creadora da web www.rockandcook.es, sobre música e cociña.
Un proxecto enfocado na mocidade
'Cantámola en galego" é un proxecto que parte da iniciativa da concellería de Normalización Lingüística e Xuventude do Concello de Pontevedra enfocado claramente para facer chegar ao sector máis mozo da sociedade a riqueza da música actual en galego. De feito a exposición na rúa é só o seu primeiro percorrido de vida e a partires de setembro adoptará un formato itinerante cos mesmos contidos que irá achegándose a centros de ensino acompañada dunha unidade didáctica preparada pola escritora e filóloga Rosalía Fernández Rial, un elo entre a exposición e o alumnado que lles propón actividades e preguntas para afondar nestes contidos e mesmo atoparse a si mesmos reflectidos na música. A Unidade Didáctica será "a ferramenta que máis vai axudar a penetrar nos contidos da exposición", asegura Teresa Cuíñas avanzando o que pode suceder nesa entrada nos centros de ensino na toma de contacto co público obxectivo deste proxecto cuxos primeiros pasos déronse no 2019.
'CANTÁMOLA EN GALEGO' PRESÉNTASE COMA UNHA EXPOSICIÓN "TRANSMEDIA" NA QUE OS 14 PANEIS COMBINAN CON LISTAXES DE REPRODUCIÓN PREPARADOS EN SPOTIFY, E YOUTUBE
Foi durante a feira Culturgal dese ano, feita no pazo da Cultura da cidade, cando recibiron a encarga do concello de levar a cabo esta acción divulgativa do idioma a través da súa música. Agás o formato final en si mesmo para exporse na rúa e trasladarse aos centros de ensino non se lles deu máis indicación. "Houbo liberdade absoluta sen directriz nin indicacións sobre contidos", aseguran Cunha e Cuíñas, que levaron adiante todo o traballo de xeito totalmente consensuado entre eles, malia que ela persoalmente ocupouse dos paneis que ilustran as iniciativas ao redor da música popular contemporánea en Pontevedra, "Como soa o século XXI en Pontevedra", un directorio de recursos, referencias e eventos máis que de produción musical local. A propia exposición, xunto como outras iniciativas coma o devandito Culturgal, o recente programa Cabos Soltos, o programa de titorización Xeración Sónica o Local de Música do concello e os festivais Surfing The Lerez e Galegote Rock colocan a cidade como axente de promoción musical galega de primeira orde.
No relativo á necesidade de elaborar un discurso con certas especificidades ao estar enfocado cara á mocidade Teresa ten claro que non se deixaron tampouco influír por esa idea: "Nun principio nos condicionaba o feito de que fose para rapazada, pero enseguida esa idea foise quitando. Quedou máis na parte estética do deseño que nos contidos", os esforzos segundo ela foron os propios da necesidade de síntese. "Para os dous é a primeira vez que nos encargábamos dunha exposición. Somos xornalistas e tendemos á verborrea", di ela, "pero cando é algo enteiramente teu e estás aos mandos, pois houbo que facer un esforzo de resumir e resumir contextualizando ao mesmo tempo e ofrecendo un contido accesible e atractivo". Ademais, para complementar a información escrita, 'Cantámola en galego' preséntase coma unha exposición "transmedia" na que os 14 paneis combinan con listaxes de reprodución preparados en Spotify, e YouTube que fan posible escoitar a música da que aquí se fala. De feito a lista de Spotify segue crecendo coas recentes achegas posteriores á exposición que vai incorporando Cunha.
Facer de árbitros
A tarde primaveral resulta o suficientemente confortable para manterse na rúa. Entre paseantes que miran con certa curiosidade, crianzas que xogan ruidosamente entre as letras da cidade e uns escasos turistas facendo fotos para Instagram, a ducia de persoas que asisten a esta visita guiada seguen atentos as explicacións de Pepe Cunha, que lles vai chamando a atención sobre algúns dos nomes nos paneis, curiosamente, malia o tremendamente actual do período destacado xa hai proxectos que duraron moi pouco no panorama musical, case efémeros, pero que os comisarios viron esenciais para explicar a escena en galego. Nomes coma Fanny + Alexander, Lamatumbá, Loretta Martin, Projecto Mourente ou Sacha Na Horta aparecen con destaques propios nos paneis. "Sen eles non entendes como foi isto", asegura Pepe defendendo a importancia que tiveron algúns destes proxectos para o que veu despois.
"INTERNET É A CLAVE. O FEITO DE QUE ESTES ARTISTAS PARA GRAVAR NON TIVERAN QUE CONVENCER A NINGUNHA DISCOGRÁFICA, QUE O FIXERAN ELES COMA QUIXERON, ISO SI QUE AXUDOU MOITO"
Cunha ten claro que na súa proposta inclúe nomes aos que dá relevancia pero que seguramente de facelo outra persoa non lla daría, e que corresponde a como el mesmo viviu os momentos de efervescencia musical de principios do século XXI, asociados ás posibilidades técnicas de facer autoedicións e gravacións caseiras de boa calidade. "Internet é a clave, eu penso que é o que ten que ver coa explosión. O feito de que estes artistas para gravar non tiveran que convencer a ningunha discográfica, que o fixeran eles coma quixeron, iso si que axudou moito". Concorda Teresa Cuíñas na importancia das redes neste inicio de século para facer posibles moitos destes proxectos musicais presentados na súa mostra, "grazas a iso tiveron acceso a ferramentas de produción, difusión e acceso aos medios".
A clasificación musical é sempre un problema en si mesmo. Os trece paneis dedicados aos xéneros musicais presentan músicas moi diversas sen poder fuxir de todo das etiquetaxes: pop-rock, canción de autor, experimentación e electrónica, músicas urbanas, tradicional, rap, caña, mestizaxe, infantil e familiar, recompilacións... Cunha e Teresa son bos coñecedores da inxustiza deste "mal necesario" da pre-clasificación musical. "Usar etiquetas ten un pouco de árbitro no deporte, pero son imprescindibles" di Cunha, "Incluso os propios músicos para definirse as usan para sinalar os espazos sonoros nos que se moven". No relativo ao método a opción foi ir enchendo unha listaxe de nomes para despois tratar dun xeito continuado coa deseñadora (Capicua) para ir enchendo os paneis e vendo como ían quedando. "Ves cousas coma que Mercedes Peón é un comodín que podes poñer en moitos sitios, o mesmo que Guillerme Fernandez ou Hevi, que están en catro paneis ou máis" di Cunha. "É cando vas chegando á fin que ves que cobra sentido todo", asegura o xornalista, "pero non creo que ninguén chegue aquí, bote ás mans a cabeza e diga '¡Pero como está isto colocado aquí!'", ri Cunha.
'Cantámola en galego' ten, por exemplo dous paneis dedicados ao pop-rock sen mención a unha etiqueta tan controvertida coma o "indie", o que lle permite xogar esa baza agrupando por criterios case intanxibles. "Eu non querería chamarlle "indie" á Familia Caamagno -asegura Pepe- pero tampouco quero poñelos xunto a Víctor Aneiros, máis por cuestión de público, porque son mundos diferentes". Tamén lle dedica outras dúas partes diferentes á música tradicional: "Máis tradi" / "ou menos tradi". No transcorrer da visita guiada nótaselle un suplemento de ilusión a Pepe cando ten que falar de Guadi Galego e dalgúns dos moitos proxectos nos que estivo involucrada a cedeirense. Por algo a el se lle debe o libro sobre a artista, "Guadi galego, Pola beira da canción" (Edicións Embora, 2019). Pero é que ademais é xustamente nesas traxectorias musicais de continua exploración e que actúan coma "conectores" como a de Guadi, Hevi de Malandrómeda, Uxía, o guitarrista Guillerme Fernández, Xacobe Martínez Antelo, Xosé Lois Romero, LAR legido e algúns outros onde tanto Cunha coma Teresa Cuíñas ven unha das forzas da escena musical en galego que resaltan a través das súas explicacións. "Son os que están sostendo en certa medida esta escena, porque producen tocan arranxan, moven músicos dun lado para outro e iso está moi patente", di Pepe. Teresa Cuíñas incluso ve nese enfoque o punto de partida dunha "exposición B" complementaria desta, coas conexións entre proxectos, "os grupos que funcionan como factoría, é dicir : por exemplo todo o universo ao redor de Hevi, ao redor de Guadi, ao redor de Uxía... As conexión e as interacciones de Xacobe Martínez Antelo, de Xose Lois Romero ou de Lar Legido. Eses nomes que son os conectores, que pulan de moito", comenta a xornalista.
"HAI GRUPOS ALEMÁNS QUE VAN AO PRIMAVERA SOUND E QUE PARA MIN, SON COMA CHICHARRÓN"
"Dá para unha expo?"
Un dos leitmotiv recoñecidos desta mostra é ofrecer referentes, espellos nos que mirarse para calquera que poida pensar na posibilidade de facer música en galego. "Musicalmente somos equiparables a calquera outra cultura, incluso falando desde unha perspectiva de complexo, temos a versión galega de moitas cousas", asegura Cunha ao falar da riqueza e variedade da música en galego que queda reflectida nas ducias de nomes de todos os xéneros que aparecen nos paneis da exposición. Teresa tamén incide nese sentido da total capacidade dalgunhas das propostas musicais en galego con outras que triunfan mesmo a un nivel internacional. "Hai grupos alemáns que van ao Primavera Sound e que para min, son coma Chicharrón", dí a xornalista en referencia ao grupo de música electrónica de Carballo. Malia toda esa riqueza e calidade na que que ambos están de acordo, tamén concordan no sentido do pouco coñecemento que a mocidade galega á que se dirixe a exposición ten de toda esta oferta. Un problema que non ten tanto que ver co idioma que se usa tanto como pola falta de canles de difusión e divulgación, segundo Cunha e Cuíñas, que dirixen as súas críticas fundamentalmente aos medios públicos por non cubrir axeitadamente a música galega, ademais de lembrar a escaseza de coberturas máis alá dos temas de axenda ou os fenómenos virais. "O público existe e se pode crear, esta claro", di Teresa e pon exemplos: "Cando xorden Verto, as Tanxugueiras ou o éxito de público de Sés. Demostran que o idioma non é un obstáculo en absoluto". Accións coma a desta exposición son importantes no sentido de ir deixando referencias, demostrando con datos, nomes, cancións a potencia real da música en galego. "Hai moita xente que pensa: "¿Pero dá para unha expo a música en galego? ¿Dá para tanto?", comenta Cunha, "xente á que lle pasei o dossier para descargar e dicía: 'eu pensei que controlaba moito pero hai moito máis do que pensaba'", asegura o crítico.
A visita guiada rematou entre aplausos aos comisarios e á deseñadora, tamén presente e sacando fotografías do momento. Antes de dispersarse non falta entre o público quen comparte o feito de ter asistido a algún concerto dos artistas mencionados ou algunha anécdota relacionada. O perfil de asistentes foi de xente de mediana idade. O mes de maio non é o mellor para a mocidade cos cursos rematando, o seu momento para isto será xa en setembro. Pepe Cunha valora o feito de que ningún dos paneis da mostra fose polo de agora vandalizado de ningún xeito e lembra que existe a posibilidade de levala por outros concellos en acordo co de Pontevedra. Quedan aínda uns cantos días para achegarse a ver a mostra ata a Praza de Ourense pontevedresa, e de feito resulta ilusionante para a súa despedida da cidade que sexa esta fin de semana a celebración do Galegote Rock, o único certame musical exclusivo de propostas que usan a lingua galega. "Encantaríanos que houbese esa sinerxía entre o público do Galegote e a expo!", asegura esperanzada Teresa mentres Pepe asinte, "Sería fantástico que aproveitando que veñen a un concerto de música en galego se achegasen por aquí a ver a expo", dí a xeito de convite aberto".
LISTA DE REPRODUCCIÓN DE YOUTUBE