Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / A Banda de Música de Santiago achega os instrumentos tradicionais ao ensino

O PROXECTO DIDáCTICO OS NOSOS INSTRUMENTOS HOXE ESTá DISPOñIBLE NA REDE E EN DVD

A Banda de Música de Santiago achega os instrumentos tradicionais ao ensino

FOLK | maio 28, 2021

imaxe non dispoñible

Achegar aos centros de ensino os instrumentos musicais da tradición galega e explorar as súas posibilidades. Este é o obxectivo do proxecto Os nosos instrumentos hoxe, que presenta a Banda de Música de Santiago de Compostela da man do Concello. A iniciativa consiste nun concerto no que a formación, a empregar dezasete aparellos como o acordeón, o asubío, a castañeta, o charrasco, a gaita, a ocarina, a pandeira ou a zanfona, interpreta once pezas entre cantigas populares e composicións clásicas de autores coma Wagner, Bizet ou Rossini.

Concerto Didáctico Os nosos instrumentos hoxe


Este vídeo compleméntanse con outro que recolle explicacións didácticas sobre as posibilidades e peculiaridades de cada un destes instrumentos. O proxecto editou un total de 1.500 DVDs que se distribuirán por centros de ensino do Concello e do resto de Galicia e que permiten "traballar nas aulas contidos e competencias actitudinais e procedimentais", segundo explica a presentación do proxecto. Para isto nos centros de ensino pódese desenvolver "a visualización só do concerto da Banda de Música co solista, a modo de concerto didáctico musical; a visualización só das explicacións dos instrumentos un por un, o que constitúe un importante material de traballo para os centros de ensino; e a visualización combinada, na que antes da interpretación de cada tema musical, o solista explica o funcionamento e características do instrumento que se vai escoitar".

Vídeo explicativo do proxecto Os nosos instrumentos hoxe


A listaxe de instrumentos que se abordan no proxecto comprende acordeón, asubío, castañeta, charrasco, coitelo, culleres, cunchas, gaita, lata, morteiro, ocarina, pandeira, pandeireta, tarrañolas, trompa e zanfona. O intérprete e mestre de instrumentos Suso Vaamonde e o director da banda, Casiano Mouriño son os autores desta iniciativa, que ten todos os seus contidos publicados na canle de Youtube do Concello.