Noticias
Xisco Feijoó pon en valor a cantiga de creación colectiva en 'Peixe'
Xénero:
| 7 / 7 / 2021Logo dun incesante labor de recuperación etnográfico ao longo de máis de trinta anos, e de colaborar en máis de vinte discos e espectáculos de artistas de raíz con proxección internacional (como Mercedes Peón, Xosé Manuel Budiño, Carlos Núñez, Berrogüetto, Kepa Junquera ou Rodrigo Romaní, entre outros), Xisco Feijoó presenta o seu primeiro traballo discográfico, Peixe (Sorte Discos), unha creación que bebe do máis puro e ancestral para achegar a modernidade alén das peixeiras. O álbum é o resultado dun incesante traballo de recuperación polas aldeas galegas, nas que o artista gravou e recolleu historias, músicas e cancións. Con Peixe, Xisco Feijoó pretende achegar, desde a súa óptica particular, unha visión atrevida, moderna e contemporánea sobre a música de creación colectiva galega. O disco, composto por dez temas, pon en valor o papel da cantiga tradicional, da que o artista salienta a súa identidade e significado propio, e sobre as que que fía un relato de historias con tintas autobiográficas e conectadas por un eixo común: a diversidade humana. "Peixe fala de sentimentos, de sensacións, de querencias e de desexos. Fala de todo o que queremos ser e non somos quen. E do que somos e non desexamos. Fala da aceptación, de deixar atrás a resignación, e de entender que, entre nós, non hai gaiolas nin peixeiras que nos pechen. Peixe somos cada un de nós, únicos e irrepetibles", sinala Xisco Feijoó.
Unha 'Mareira' de sons e palabras
Xénero:
| 6 / 7 / 2021A cantautora Bea A de Estrella lanza o seu proxecto Mareira, que toma o seu nome dun mar axitado e no que se mesturan diferentes formas de expresión artística ao redor da música. A coruñesa ven de abrir unha campaña para levar a cabo a edición dun libro disco e produción dun vídeo no que xa conta coas colaboracións, ben na parte musical ou na literaria, de nomes como Pablo Milanés, Rosa Aneiros e Yolanda Castaño entre outros. O novo proxecto da cantautora de Culleredo volve ofrecer na parte musical melodías de son cubano, tango, notas de blues, jazz, pop e a fusión do son máis tradicional con outros estilos e letras líricas moi persoais, como xa fixera no seu primeiro traballo discográfico, Már de fóra (2016). Neste caso ademais engade a poesía e a narrativa grazas a esoutras dúas mulleres, Aneiros e Castaño para publicación desta 'Mareira' en busca de financiamento popular que será libro-disco e un vídeo, e que tamén conta coas voces de coñecidos artistas da escena coruñesa coma Paris Joel, Tato López, César de Centi, Emilia Arija ,Inés Suárez, Taté Morales ou Montse Candal e os arranxos de Tato López na parte musical. Outras colaboracións incidirán na parte gráfica do proxecto a través do deseño, a ilustración e a fotografía.
Presentación acelerada de concertos cheos de música galega
Xénero:
| 2 / 7 / 2021A entrada do mes de xullo chegou cun acelerón de anuncios de eventos musicais que completan esa axenda de verán cada vez máis similar á pre-pandémica, canda menos sobre o papel, que no presencial aínda haberá que manter moitas diferenzas. Festivais en diferentes formatos e ciclos de concertos ao aire libre poñen nomes e datas a unha oferta que permitirá gozar da escena musical galega máis que calquera outro ano. Repasamos algunhas das novidades para a axenda de cada un.
Máis de 7.000 persoas fan parte de Bandas de Música Populares no país
Xénero:
| 1 / 7 / 2021As bandas de música populares posúen unha grande importancia no panorama sociocultural galego. A recoñecer este papel, o Consello da Cultura Galega celebra na tarde deste 1 de xullo a xornada As bandas de música na memoria de Galicia. Ademais, da man do Observatorio da Cultura Galega, a entidade presentou un documento de traballo no que analiza, a partir de cuestionarios enviados a 85 destas formacións, a súa dimensión social, profesional e académica.
A exposición A memoria do son explica os instrumentos medievais
Xénero:
| 29 / 6 / 2021O Museo Catedralicio de Santiago abre no seu local do Pazo de Xelmírez este 29 de xuño a exposición A memoria do son. O proxecto amosa os "avances e coñecementos da sonoridade instrumental e vocal medievais" nun proxecto interactivo que convida a tocar, escoitar e coñecer o contexto no que se desenvolveu a música desde a Idade Media. A mostra está aberta ata o vindeiro 25 de xullo.
A música conquista o verán
Xénero:
| 25 / 6 / 2021Co verán oficialmente comezado chegan máis novidades sobre a oferta musical, que está decidida a non deixar pasar as oportunidades da estación e das posibilidades actuais de reunión de públicos. Así Puidemos saber estes días de moitas citas habituais que volven á nosa axenda, algunhas polo de agora só presentan datas mentres que outras avanzan xa carteis artísticos ou mesmo os completan. No relativo aos formatos hai desde os festivais de sempre ata ciclos ou programacións expandidas no tempo. Para todos os gustos de quen queira pasar un verán musical.
ARiMagritte preséntase en disco longo con 'Oráculo'
Xénero:
| 24 / 6 / 2021A viguesa Arancha Vilas asina música co nome artístico ARiMagritte desde 2013, unha traxectoria asentada tanto en directos como artista residente nas salas El Contrabajo e La Fábrica de Cocolate coma noutros espazos, ademais de en múltiples e valiosas colaboracións con outras formacións, como Eladio y Los Seres Queridos, Denova Pop ou Molsom. Oráculo (autoeditado) é o seu primeiro disco e xa está dispoñible en todas as plataformas dixitais ademais de á venda a través da web da artista. Máis que un LP unha colección de sinxelos, Oráculo reúne os trece temas máis importantes da traxectoria de ARiMagritte desde que iniciara o seu proxecto musical, polo tanto aqueles que veñan seguindo os seus directos neste tempo atoparán no disco unha gravación detallista e impecable daqueles temas que xa lles soarán. Para este disco ARiMagritte conta coa produción elegante de Eladio Santos para os seus trece temas. Son cancións de formato acústico nas que a autora nos propón entrar nas feridas propias e universais, de amor e desamor e coñecernos máis a nós mesmos a través deses pasos. Ari, facendo un xogo de confusión entre a obra e realidade coma os que facía o pintor surrealista Rene Magritte, co que comparte nome, ofrece un traballo en Oráculo que asenta sobre un xogo de equilibrios entre eclecticismo e personalidade, entre a suavidade da voz e a enerxía da música, entre as letras íntimas e a mensaxe universal.
A Agadic convoca unha liña de axudas para concertos dotada con un millón de euros
Xénero:
| 23 / 6 / 2021Un millón de euros é a dotación coa que a Axencia Galega das Industrias Culturais acaba de convocar as subvencións "para profesionais autónomos e empresas que sufran perdas de ingresos derivados da crise provocada pola COVID-19, para desenvolver espectáculos musicais con público, dentro da programación do Xacobeo 21-22".
TanDub gañan no Concurso de bandas emerxentes Sonidos Mans
Xénero:
| 22 / 6 / 2021Ata 260 formacións musicais de toda a xeografía española participaron este ano no Concurso de bandas emerxentes organizado pola Fundación Paideia Galiza e Estudios Mans, unha das iniciativas desta institución dirixidas ao fomento do emprendemento musical. Despois da selección dos 15 semifinalistas por parte do público e un xurado profesional, 4 foron as bandas seleccionadas para acadar o premio e a representación da escena musical galega entre elas a levan os ourensáns TanDub. Xunto a eles o xurado premiou tamén a dúas bandas de Valencia, Los Premios e Balanceo e unha formación catalá de Tarragona, Celistia.
Quilómetros de orgullo musical
Xénero:
| 21 / 6 / 2021Resulta imposible saber a ciencia certa a quilometraxe que leva a Duendeneta de Carlos Crespo percorrido nos seus 47 anos na estrada vivindo vidas moi diferentes desde 1974, "o contador só ten catro díxitos e non sabemos cantas veces lle puido dar a volta". Esta Avia con motor Perkins Hispania, serviu primeiro para a venta ambulante de zapatos e leva xa uns anos dedicada a facer mover eses pés que antes vestía, transmutada de furgoneta en Duendeneta pola maxia da música grazas ao xornalista e Dj de Vilagarcía que a converteu nun arsenal para poñer banda sonora ao aire libre. O que si podemos saber é que os máis recentes centos de quilómetros teñen que ver con dúas cousas: o Camiño de Santiago e a historia da música en galego. Entrambas ideas xurdiu o proxecto "Os camiños das músicas galegas" co que Crespo e a súa Duendeneta levaron unha sesión de musical por 18 lugares ao longo dos camiños francés, portugués e inglés cara Santiago, onde remata hoxe o plan do seu percorrido coincidindo co Día Europeo da Música e que terá lugar ás 19:30 na Praza de Cervantes da capital galega .