Noticias
O Festival da Luz volve ás 'Leiras'
Xénero:
| 17 / 8 / 2021O festival de Boimorto artellado arredor de Luz Casal ven de confirmar que este ano, malia a situación, volverá estar presente. Entre o 10 e o 12 de setembro cun formato de presencialidade e capacidade adaptado o Festival da Luz ofrece un cartel dentro da súa liña de estilos e artistas do máis variado, reunindo neste caso ata 22 propostas musicais nesas tres xornadas. O Festival da Luz–Xacobeo 21.22 volve con formato "leiras", que xa usou o pasado ano, que cambia as cadeiras por alpacas, e as mesas por palets. Este nome do formato, rende homenaxe á contorna natural de prados e campos que rodea ao recinto do Festival. Con estas pequenas parcelas os o público poderá gozar en parella, en familia ou con amigos das actuacións musicais en modalidade de 2, 5 ou ata 10 persoas xuntas.
Baldo Martínez presenta en Jazz de Ría o Cuarteto da Terra
Xénero:
| 13 / 8 / 2021O músico de jazz ferrolán baseado en Madrid, Baldo Martínez, fará o peche do festival Jazz de Ria na súa vila natal presentando unha nova formación en formato cuarteto integramente conformado por músicos galegos cos que porá en escena un espectáculo no que aglutina grande parte do contido dos seus últimos proxectos. Será no Parque de Freixeiro de Narón onde se presentará en rigorosa estrea este Cuarteto da Terra, un espectáculo armado coa complicidade de outros afamados músicos: Pablo Castanho ao saxo alto e soprano; Antonio Bravo na guitarra; LAR Legido na batería e o propio Baldo no contrabaixo. Martínez, recoñecido contrabaixista e membro fundador de Clunia Jazz e outros proxectos imprescindíbeis para entender o jazz no noso país dos últimos 40 anos, e de atesourar ducias de premios e recoñecementos acadados en todo o mundo polas súas numerosas formacións e colaboracións, fai así un agasallo á súa vila e terra de orixe con este proxecto. O festival inclúe outras destacadas formacións galegas como a Orquestra Galega de Liberación ou a banda Aló Django.
Un documental a falta de un festival
Xénero:
| 11 / 8 / 2021Desde 1991 que leva celebrándose en Cambre ( A Coruña) o festival 'Rock in Cambre? Pero este ano, ao igual que o pasado, a traxectoria desta cita musical queda cortada por mor das circunstancias sanitarias. Con todo desde a organización e o Concello non quixeron deixar pasar a efeméride do 30 aniveersario aínda que non haxa edición e para manter viva ademáis a presenza, así como para homenaxear a todos os artistas e público que pasaron polo evento, así como para os propios vecinos de Cambre, presentaron unha peza audiovisual documental: 'Rockambreiros. Historia dun pobo rockeiro'. A historia dunha cita esencial contada por algún dos seus protagonistas e seguidores. Nonito Pereira, Julián Hernández, Pulpiño Viascón ou Tomi Legido son algún dos que participan nesta peza que está xa subida nas redes do festival.
O Xacobeo incorpora unha programación sinfónica con 30 concertos
Xénero:
| 6 / 8 / 2021O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez e mais a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentaban este 5 agosto a programación sinfónica prevista para o Xacobeo 21-22, para a que anunciaron un investimento dun millón e medio de euros. Segundo adiantou Rodríguez, esta proposta contempla a realización de trinta concertos, catro xiras musicais e a gravacións doutros tantos proxectos. A Orquestra Sinfónica de Galicia, a Real Filharmonía, a Orquestra de Cámara Galega e a Orquestra Vigo 430 son as formacións que participan da iniciativa.
O ciclo Espazos Sonoros volve da man da Deputación da Coruña
Xénero:
| 5 / 8 / 2021O ciclo 'Espazos Sonoros. Sons e lugares do Reino Medieval de Galicia' chegará, no mes de setembro, a diferentes enclaves patrimoniais da provincia da man das áreas de Cultura e Contratación e Patrimonio da Deputación da Coruña e dos concellos de Brión e Vimianzo. Este ciclo cancelouse o pasado ano, cando estaba patrocinado pola Dirección Xeral de Políticas Culturais da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia.
Ruxe-Ruxe ten moito que expor
Xénero:
| 5 / 8 / 2021A banda de rock bravú Ruxe-Ruxe cumpre 25 anos de actividade ininterrompida neste 2021 facendo música en galego. O festexo está a tomar varias formas, desde un traballo discográfico de homenaxe ata esta exposición que xa está aberta na Zona C de Santiago. O espazo recentemente recuperado polo Concello para a cultura na Praza de Cervantes acolle a mostra "Ruxe Ruxe (1996-2021): 25 anos de universo gráfico", unha ollada aos deseños que vestiron e acompañaron a andaina musical desta banda.
A Xunta concreta o seu apoio á Orquestra Sinfónica en 3,5 millóns de euros
Xénero:
| 5 / 8 / 2021Tal e como anunciaran no pasado mes de xuño, a Consellería de Cultura e o Consorcio para a Promoción da Música asinaron este 4 de agosto dous convenios polos que a primeira entidade achega 3,5 millóns de euros ao funcionamento da segunda, responsable da Orquestra Sinfónica de Galicia. Estes fondos, recollidos nos orzamentos para 2021, supoñen un incremento no apoio autonómico á Orquestra, xa que aos habituais 2,7 millóns consignados para gastos correntes da formación súmanse outros 800.000 euros "como achega extraordinaria para a realización de actividades co gallo do Xacobeo 21-22".
O Resurrection revive xa este agosto
Xénero:
| 3 / 8 / 2021Cos abonos esgotados para a vindeira edición en 2022 do festival de rock duro Resurrection Fest, a organización do festival ven de presentar un evento en formato reducido para este agosto. O Resurrection Fest Estrella Galicia Limited 2021 presenta tres días de concertos en Viveiro entre o 26 e o 28 de agosto e inclúe a proposta, tan escasa nestes momentos, de ter bandas da escena internacional no cartel. Ademais no cartel inclúense grupos españoles e destacadas formacións galegas coma Bala, Aphonnic ou True Mountains.
As axudas de distribución para cultura reparten 460.000 euros
Xénero:
| 3 / 8 / 2021O web da Axencia Galega das Industrias Culturais recolle a adxudicación das subvencións a actvidades de distribución para industrias culturais. A liña de axudas distribúe nesta ocasión 460.000 euros cos que se apoia na maior parte dos casos a presenza exterior de propostas culturais galegas nos campos das artes escénicas e musicais. As iniciativas de teatro e novo circo reparten 280.152 euros destas axudas, mentres que os 179.447 destínanse a xiras e promoción da música do país. As axudas chegan a un total de 65 grupos e compañías da escena cultural galega.
Crece a axenda da segunda quincena de agosto
Xénero:
| 30 / 7 / 2021Cambiamos de mes e vaise deseñando un novo calendario, engadido ao que xa sabiamos da primeira quincena, cos principais eventos que terán lugar a finais de agosto e primeiros de setembro. Nesta semana foron enchéndose as axendas coas novas confirmacións en forma de datas e nomes, case todas sacando xa á venda as entradas, de obrigada reserva ante a restricións de capacidades aínda existente. Hoxe traemos as novidades dalgunhas destas citas que son musicais pero tamén engaden nalgúns casos actividades culturais máis alá dos concertos. Compre meter en axenda estas posibilidades.