Noticias
Homenaxe a 'Narf' en Boiro
Xénero:
| 23 / 9 / 2021A Pousada da Galiza Imaxinaria en Boiro acollerá este venres un acto en lembranza ao músico e compositor Fran Pérez 'Narf' (1968-2016), organizado pola área de Cultura da Deputación da Coruña e polo Concello de Boiro. Esta cita inclúe a presentación dunha páxina web que recolle a vida e traxectoria do artista e un concerto da banda Caldo, gañadora da pasada edición do concurso 'Narf' para grupos e artistas musicais que promove a Deputación da Coruña.
Emerxencia Cultural Ourense leva a reflexión ás rúas da cidade
Xénero:
| 22 / 9 / 2021A evolución da cultura galega, o urbanismo, a literatura ou a música danse cita nas xornadas Pe(n)sar a(s) Cultura(s) que convoca para os vindeiros 25 e 26 de setembro a plataforma Emerxencia Cultural Ourense na Cidade das Burgas baixo o lema "Memoria para esquecer a historia". A continuar a súa denuncia da situación da cidade neste campo, o colectivo propón as rúas e prazas da cidade como espazos para a reflexión.
Máis de medio centenar de concertos no 30 aniversario da OSG
Xénero:
| 21 / 9 / 2021A Orquestra Sinfónica de Galicia ven de presentar a súa programación para a temporada na que celebra o seu 30 aniversario. A formación ofrecerá más de medio centenar de concertos ao longo da temporada que agora comeza e na que ademais regresa, tras un circunstancial paso polo Teatro Colón, ao Pazo da Ópera da Coruña tras un novo acordo coa concesionaria do espazo. A que será a novena temporada baixo a dirección musical de Dima Slobodeniouk trae, por primeira vez, a presenza da OSG na temporada de abono da Orquesta Nacional de España con tres concertos no Auditorio Nacional de Madrid, así como o regreso a Oviedo cun concerto coa dirección de Juanjo Mena.
O 'maré'21' é moito máis ca cantos
Xénero:
| 20 / 9 / 2021O festival que foi anteriormente Cantos na maré, inicia esta semana en Santiago de Compostela unha nova e ambiciosa etapa, co nome transmutado de 'maré 21' para a súa XVII edición, a meirande do seu percorrido, e incluíndo propostas máis alá da música. Diversidade, intercambio cultural e lusofonía seguen a ser as bandeiras artísticas e lingüísticas deste evento con multitude de propostas musicais e artísticas procedentes das dúas beiras do Atlántico que presenta catro días de festival, con máis de trinta concertos a cargo de artistas de máis de dez países diferentes. O lema desta diversa e plurilingüe edición, "WARETHWA!!!" está en idioma chopi timbilia e significa "avante!!!".
Ourense Universo Literario pon en valor as letras da Cidade das Burgas
Xénero:
| 20 / 9 / 2021Cándido Pazó abría este 18 de setembro o novo ciclo Ourense Universo Literario. O programa cultural que coordina do Liceo de Ourense co apio do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21-22 chega co lema De Ourense e desde Ourense para o mundo e desenvólvese ata o vindeiro 3 de outubro. Logo da actuación de Pazó, que abordou o xeito no que as persoas emigradas de Ourense espallaron a cultura galega polo mundo, o ciclo continúa o día 25 de setembro cun recital de Emilio Rúa, que fará un percorrido pola canción de autor de Ourense. O 26 Sarabela Teatro levará a escena a obra O Secuestro da Bibliotecaria.
Dúas citas co blues florecen na costa
Xénero:
| 17 / 9 / 2021Establecer unha relación natural entre o xénero musical americano do blues e o mar semellaba unha tarefa ao aLcance dun feixe de lugares, entre eles Galicia dado o especial xeito de sentir o mar que nestas costas existe. Dúas citas deixan ver o adecuado desta relación no noso territorio. Mañá sábado e o domingo terá lugar unha nova edición do Fisterra Blues Experience, que este ano engade algo máis de potencia roqueira á súa habitual selección artística de blues. Esta é a quinta edición do evento organizado por Nordesía Producción, consolidando a relación entre esta localización costeira e un xénero especializado, que funciona como polo de atracción. O grupo Los Enemigos e o combo internacional formado arredor de Marcos Coll (Will Jacobs, Dorrey Lyles, Javier Vacas & Julian Vaughn) encabezan un cartel no que tamén están Sés e a Fisterra House Band, estes últimos actuando desde unha embarcación.
A Real Filharmonia ofrece 'viaxes' para a súa nova temporada
Xénero:
| 17 / 9 / 2021A Real Filharmonía de Galicia presentou a nova temporada 2021-2022, na que se continuará coa conmemoración do seu 25º aniversario (1996-2021) e durante a que celebrará na súa sede, o Auditorio de Galicia, 24 concertos. Baixo o lema Viaxes, a RFG pretende levarnos coa súa música a "percorrer a xeografía mundial, desde Australia a Finlandia pasando por París, Hamburgo, Praga, Bohemia ou cruzando o océano ata Latinoamérica; emprendendo con esta programación un camiño emocional que nos permite transitar a través da rebeldía, da fantasía, do feminismo, do amor, da ecoloxía e, sobre todo, cara a nós mesmos", segundo se afirmou na rolda de prensa desta nova temporada. Ademais en liña con estas 'viaxes, a orquestra "viaxará" coa súa música por toda Galicia, con 15 concertos: 7 en Vigo, 4 en Ferrol, 2 en Lugo, 1 en Ourense e 1 en Pontevedra. Faranse en colaboración coas Sociedades Filharmónicas de Vigo, Ferrol, Lugo e Pontevedra; Afundación e a Deputación de Ourense.
A Deputación de Pontevedra integra música e memoria histórica en Acorda
Xénero:
| 17 / 9 / 2021"Poñer en valor lugares e feitos de memoria na provincia a través da músicEmilio Rúa e Silvia Penide, Ugia Pedreira e Marina Oural, Sheila Patricia, Eladio Santos, Tanxugueiras, Ezetaerre e mais Uxía e Su Garrido interpretan os diferentes temas sonoros do proxecto, que percorre os espazos da "antiga Escola Normal e o edificio da Deputación de Pontevedra; o cemiterio da Estrada; o pozo da Revolta, en Marín; a praia de Massó, en Cangas; a praia de Alcabre, en Vigo; a Volta dos Nove, en Baiona; a Volta da Moura, símbolo da resistencia do Baixo Miño; e a illa de San Simón", segundo explica a Deputación.
O festival Portamérica sae adiante en outubro nunha edición de reinvención
Xénero:
| 16 / 9 / 2021Cando en marzo a empresa Esmerarte Industrias Creativas anunciou a cancelación este ano da edición habitual do festival Portamérica de caldas, xa deixou tamén ver a súa intención de manter "unha posibilidade de esperanza" de presentar unha programación adaptada ás circunstancias con música, gastronomía e natureza, pasado o verán "se a evolución da pandemia é favorable". Agora esa posibilidade, coa quinta onda pandémica e un estado de vacinación maioritario, faise real co Portamérica Origen, unha reinvención do formato para celebrar a súa novena edición. O evento desprázase, non só en datas senón tamén lixeiramente (non moito) en localización. A Azucreira de Portas, xunto a Caldas, acollerá os vindeiros días 1 e 2 de outubro os concertos do festival. Esmerarte reúne de novo na súa localidade de orixe a gran parte dos artistas cos que traballa e convive desde os seus inicios, coma unha grande familia volvendo a unha casa, ademais de homenaxear a proxectos que maduraron ou foron reformulados.
Mulleres mirando ás mulleres homenaxea figuras femininas da cultura galega
Xénero:
| 14 / 9 / 2021Catro concertos comentados a homenaxear figuras da música, das artes e da literatura do país. Esta é a proposta do ciclo Mulleres mirando ás mulleres que se desenvolverá ao longo do mes de setembro en Lugo, Ourense, Pontevedra e Ferrol da man da Consellería de Cultura. A compositora e pianista Julia Mª Dopico, a tamén pianista Isabel Pérez Dobarro, e mais as violinistas Raquel e Sara Areal Martínez protagonizan esta serie de recitais que renderán homenaxe a galegas insignes como Rosalía de Castro, Eugenia Osterberger, Fanny Garrido ou Maruxa Mallo, entre outras.