Noticias
Unha maior proxección internacional marca o IX Noia Harp Fest
Xénero: | 2 / 8 / 2022
Artistas de Galicia, Escocia, Senegal, Paraguai, Bretaña ou Polonia fan parte do programa do IX Noia Harp Fest, que se celebra entre o 3 e o 7 de agosto. No programa destacan nomes coma Anna Amigó, Savourna Stevenson, Steve Kettley, Hermanos Corbalán, Kora Jazz Trío, Clotilde Trouillaud, Paula Ceremuzynksa, Manuel Vilas, Beatriz Martínez, Rafa Fernández Trio ou Bleuenn le Friec.
O SonRías Baixas de Bueu volve esta semana co seu formato meirande e variado
Xénero: | 2 / 8 / 2022
O festival SonRías Baixas 2022, que se celebrará esta semana os días 4, 5 e 6 de agosto en Bueu, volve con forza apostando polo grande formato e cun cartel máis ecléctico e variado que nunca. Esta décima novena edición do festival contará con Kase.O Jazzmagnetism, Tanxugueiras, Rayden, La M.O.D.A., Delaporte, Rels B, Arnau Griso, Ciudad Jara, Eskorzo, Sofía Gabanna, Sara Hebe, Bala, Suu, JazzWoman, Emlan, Maurino, Cool Nenas, Buhos, García Mc & Nación Quilombo, Balkan Paradise Orchestra e as incorpora unha sesión vermú con Grande Amore e La Duendeneta. O evento propón así un programa amplo e variado, que combina artistas consolidadas con bandas emerxentes, facendo fincapé na intención de chegar a todos os públicos ao incluír no seu line up estilos diversos como o rap, o rock, o stone, as músicas de raíz ou mesmo o pop. Ademais, SonRías Baixas será o marco no que 11 bandas e artistas presenten os seus novos espectáculos ou traballos discográficos.
Unha ampla delegación galega visitará o Festival Intercéltico de Lorient
Xénero: | 1 / 8 / 2022
O Festival Intercéltico de Lorient, na Bretaña, recupera a normalidade e contará neste 2022 cunha ampla delegación da música e do baile tradicional do noso país. No marco dos 120 espectáculos que se programan na 51 edición do evento estarán presentes Caamaño&Ameixeiras, Fiandola e mais a colaboración de crnds e Fransy González, artista que tamén participará no espectáculo orixinal Celtic Odyssée. O festival celébrase entre os días 5 e 14 de agosto.
O DILUVIO das Tanxugueiras chega para mollarse
Xénero: | 29 / 7 / 2022
Por moito que estiveramos máis que avisados, o DILUVIO das Tanxugueiras ven de caer e empapar todo. O feito de que xa coñecésemos previamente máis da metade da ducia de temas que conforman este terceiro álbum das cantareiras non lle resta forza ningunha ao disco nin a eses temas que como Terra, Figa, Midas ou Averno xa levan tempo presentes entre nós ou aos lanzamentos máis recentes de Seghadoras ou o máis inmediato lanzamento con videoclip, 'Fame de odio'. O disco das "Tanxus" consegue dar sentido a todo o feito, xuntalo e presentalo nunha narrativa sonora compacta e rica, amosando unha variedade de influencias e ferramentas sonoras de expresión contemporáneas manexadas sen complexos sobre unha sólida base tradicional.
Homenaxe musical a Luz Pozo Garza polo seu centenario
Xénero: | 21 / 7 / 2022
A Xunta promove o concerto 'Sol de Medianoche' hoxe no Edificio Fontán da Cidade da Cultura de Galicia co que completa a súa homenaxe á escritora Luz Pozo Garza (1922-2020) no ano do centenario do seu nacemento. Os seus poemas musicados en composición de Gabriel Bussi (Montevideo, 1975) poderán escoitarse hoxe, coincidindo co día no que cumpriría cen anos. As 12 pezas que compoñen o programa de Sol de Medianoche serán interpretadas polo Quinteto de Cordas Schubert, formado por Gabriel Bussi e Ángel Marote (violíns), Raymond Arteaga (viola), Elena Escalza (violonchelo) e Fernando Rodrigues (contrabaixo). A mezzosoprano brasileira Joana Thomé porá voz ao ciclo de poemas de Luz Pozo Garza. O concerto terá lugar ás 19,00 horas, con entrada de balde previa reserva de praza na web www.cidadedacultura.gal.
Xacarandaina estrea en Santa Comba o espectáculo 'Endaterra'
Xénero: | 18 / 7 / 2022
Xacarandaina porá ata 80 artistas en escena para estrear este sábado, 23 de xullo, en Santa Comba a súa nova montaxe de música e baile 'Endaterra'. O espectáculo creado e dirixido polo coreógrafo Henrique Peón fusiona distintas artes escénicas como son o teatro, o baile e a música tradicional galega (melódica e vocal) tradicional para poñer en valor a arte inmaterial da ruta xacobea que transcorre dende A Coruña até Santiago e a que leva até Fisterra e Muxía. O corpo de baile constitúese con trinta persoas de entre 17 e 35 anos que, mentres que o grupo de pandeiretas está formado por doce mulleres que se encargarán da percusión de man. A peza tamén incluirá un grupo de gaitas que abrangue tres destes instrumentos, tamboril, bombo e pandeireta que, xunto co saxo, clarín, trompeta e tubo da charanga tocarán pezas tradicionais de distintas épocas. O coro contará con 35 voces e o amplo despregue artístico completarase con Os do fondo da barra, grupo doce homes e un acordeonista que se encargarán de representar coa compaña de percusión os antigos cantos de taberna.
Xacarandaina leva o baile tradicional ás rutas de peregrinación con Endaterra
Xénero: | 12 / 7 / 2022
Un espectáculo que combina baile tradicional, danza, música de raíz, teatro, imaxes ilustradas, paisaxe sonora, deseño de luz e unha banda sonora exclusiva. Esta é a proposta de Endaterra, nova produción da agrupación tradicional Xacarandaina que se poderá ver en diferentes concellos polos que transcorre o Camiño Inglés a Santiago e mais a ruta Fisterra-Muxía.
O Atlantic Fest volta a Vilagarcía en plenitude
Xénero: | 8 / 7 / 2022
Izal, Andrés Calamaro, Fangoria, Nancys Rubias, Los Planetas, Quique González ou La Casa Azul con algúns dos nomes que encabezan o cartel da nova xeira do Atlantic Fest. Xa sen restricións, o festival volta á praia da Concha deVilagarcía de Arousa entre os días 15 e 17 de xullo no seu formato orixinal. Ademais da música, o programa inclúe unha exposición de pósters sobre música do deseñador Xavi Forné, unha mesa redonda sobre festivais e escena independente en Galicia ou presentacións de libros.
A Zona da Zanfona recupera os cursos de formación na súa nova xeira
Xénero: | 7 / 7 / 2022
O festival Zona da Zanfona volta a Rianxo na súa décimo oitava edición. Canda aos habituais concertos de balde, a cita mantén a xuntanza de escolas de zanfona e recupera, logo de dous anos, os cursos de aprendizaxe. Entre os días 8 e 10 de xullo poderán verse na vila recitais do virtuoso italiano Francesco Giusta, do proxecto portugués de Pedro Viana e João Martins, e do espectáculo Arredor da roda do coro histórico Cántigas da Terra creado especialmente sobre este instrumento.
Falece Antón de Santiago, barítono e divulgador da música clásica
Xénero: | 6 / 7 / 2022
Aos 77 anos de idade falecía este 5 de xullo o coruñés Antón de Santiago, coñecido nome do panorama lírico do noso país. Barítono, compositor, estudoso, crítico, docente e divulgador, o seu nome aparece vencellado ao longo do tempo a múltiples iniciativas como os apropósitos do Entroido da Coruña, que mantivo durante anos, a Agrupación Lírica Ofelia Nieto, que refundou, o grupo Magnificat de música religiosa, que creou, ou o Instituto de Estudos Coruñeses, do que era membro.


